El Cabrero

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
El Cabrero
Nome completoJosé Domínguez Muñoz
AliasEl Cabrero
Data nacemento19 de outubro de 1944 (79 anos)
Nado enAznalcóllar, (Sevilla) Andalucía Andalucía
Ocupacióncantante
gandeiro
XéneroFlamenco
Instrumento(s)voz
Selo(s) discográfico(s)Belter
Tempo en activo1972 - actualidade
PseudónimoEl Cabrero
Na rede
el-cabrero.com
Musicbrainz: fdf9b7bd-2780-4023-8fd3-56a5d4dc476b Songkick: 325697 Discogs: 2183404 Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

José Domínguez Muñoz, nado en Aznalcóllar, (provincia de Sevilla) o 19 de outubro de 1944, é un cantaor de flamenco andaluz, coñecido artisticamente como El Cabrero.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

José Domínguez Muñoz é o maior de tres irmáns. A súa nai, Carmen Muñoz Frías é orixinaria de El Casar de Escalona, (provincia de Toledo) e o seu pai José Domínguez Márquez, de Alájar (Huelva), é fillo e neto de humildes cabreiros de xornal. Moi novo, cuns seis anos, tivo que deixar a escola para axudar ao seu pai a coidar o gando pero tendo sempre a música presente. A súa nai era afeccionada ao cante e seguidora de Manolo Caracol. Con dez anos acudiu coa súa nai a espectáculos flamencos de xente como Pastora Pavón, Fosforito, Pepe Pinto ou Valderrama nas vilas máis achegadas.

Aínda sendo afeccionado ao Flamenco gustaba de Carlos Gardel e os tangos. Os seus pais non apoian esta afección pola música, pois querían que o seu fillo seguise co pastoreo, mais José abandonaba o gando e acudía a festas e feiras. Cantaba fandangos en improvisadas participacións musicais. Durante ese tempo compaxinou a ocupación familiar de cabreiro con desprazamentos a Festivais flamencos e á Feira de Sevilla a escoitar música e a intérpretes como Juan Talega ou Paco Toronjo. Acudiu tamén ao Festival Antonio Mairena.

Casou o 7 de xullo de 1966 con Manuela Ojeda, unha moza da vila coa que xa tiña unha filla nacida a finais de 1964. A parella non vai ben e aos poucos meses volve á casa dos país para seguir co gando. José fai o servizo militar na Serra de San Cristóbal, entre El Puerto e Jerez, onde se ben pasou bastante tempo no calabozo por indisciplina. Xunto co seu compañeiro “El Yuma” facían escapadas á aldea do Coyote, especie de barriada subterránea. Alí xuntábanse soldados e paisanos en improvisadas festas.

Despois de facer o servizo militar José volveu ao oficio de cabreiro achegándose de cando en vez a Sevilla, a escoitar cante. Frecuentaba La Venta Vega, El Morapio e La Trocha. Ata entón acompañaba sempre o canto coas mans, e comezou a engadir a guitarra pouco a pouco. Coñeceu a Pepe Carrasco, letrista de case tódalas figuras da época e asesor artístico da discográfica Belter que lle propuxo gravar un disco. José non aceptou a oferta por non deixar o traballo de cabreiro.

A finais do verán de 1971 probou sorte no mundo do flamenco. Vendeu as cinco cabras que tiña e mercou en Sevilla un billete de tren a Madrid. Dixéranlle que para ser alguén tiña que estar en Madrid, mais a cidade non lle gusta, moi grande, con moito formigón e demasiado ruído. Nunha semana estaba de volta en Sevilla. Alí por casualidade rematou con La Cuadra, de Paco Lira, Salvador Távora e Alfonso Jiménez que estaban a montar o espectáculo Quejío. Con eles fixo unha xira por distintas cidades de España, Francia, Italia e Suíza. Na cidade de Xenebra coñeceu a súa futura compañeira, Elena, filla de galegos emigrados. A finais do verán de 1972 abandonou definitivamente o grupo de La Cuadra de Sevilla e volveu á casa dos pais, ao seu facer de gandeiro. En outubro de 1972 Alfonso Jiménez Romero ofreceulle participar no seu novo proxecto Oración de la Tierra, e pasou a ser xunto a Fernanda Romero o protagonista da obra. Co pouco aforrado no teatro mercou unhas cabras, e a principios de 1973 instalouse con Elena na súa vila. No inverno de 1973 deu unha serie de recitais en solitario en Francia e Suíza. Xa co nome artístico de El Cabrero, no Teatro de l’Atelier de Xenebra. Interpretou "Soleá", "Seguiriya", "Malagueña", "Tientos", "Cartagenera", "Serrana", "Fandangos", "Cantes de Trilla" e "Tonás". Un dos máis prestixiosos críticos musicais suízos, Pierre Coullery, definiuno como "un diálogo sen artificios".

En 1974 participou no Concurso Nacional de Arte Flamenco de Córdoba. Parte do público non comprendía a súa estética de "vaqueiro", aínda que foi aceptado e recoñecido o seu bo facer. Comezou a ser solicitado por algunhas agrupacións flamencas, e como os ingresos do agro non daban para manter a familia decidiu frecuentar outra vez os reservados da Venta Vega, o Morapio e o tablado de La Trocha.

En 1975, Pepe Carrasco propúxolle de novo gravar con Belter e pola necesidade aceptou. Gravou un disco e a compañía Belter pagou os gastos da clínica da súa compañeira, que ía dar a luz o primeiro dos tres fillos da parella. No outono saíu ao mercado Así canta El Cabrero, coa guitarra de José Cala o poeta. Despois do éxito do primeiro disco, en 1976 firmou un novo contrato con Belter para tres novas gravacións: A esta tierra que es mi mare (1976) e Tierras Duras (1977), coa guitarra de Eduardo de la Malena, e A paso lento (1978) con Pedro Bacán.

En 1977 volveu participar no Concurso Nacional de Arte Flamenco de Córdoba. Recibiu o apoio do público, pero o xurado sentiuse ofendido porque o cantaor vestía con roupa de diario e dirixiuse ao público ignorando os xuíces, e non acadou a vitoria. A principios dos anos 1980 volveu participar no festival de Arte Flamenco de Córdoba, acadando por unanimidade o Premio Nacional de Soleá e por maioría o Premio Nacional de Malagueña.

Na década de 1980 El Cabrero reivindicaba nas súas cancións os valores tradicionais do Cante Jondo, mentres no sector se impuña a fusión. Gañou en popularidade a nivel nacional. Converteuse nunha figura emblemática dos grandes festivais de flamenco. En 1988 gravouse en Aznalcóllar, Bayonne, Sevilla (La Carbonería) e Marinaleda o documental El Cabrero, el cante de la sierra, dirixido por Béatrice Soulé. O documental foi premiado polo xurado do Festival de La Rose d’Or de Montreux (Suíza). Foi emitido en máis de corenta cadeas de televisión en Europa, América, Asia e Oceanía, pero ningunha de España. Pesan na decisión o achegamento á CNT de El Cabrero e o seu pasado anarquista.

No anos oitenta con Antonio Sousa, gravou A mí me llaman Cabrero, Dale Alas, Luz de Luna e Le sigo cantando a Huelva participando tamén nestes dous últimos Pepe Habichuela e Juan Díaz. Con José Luis Postigo gravou Que corra de boca en boca e Encina y Cobre, con Paco del Gastor (1988).

Reivindicacións sociais[editar | editar a fonte]

A mediados dos 70, aínda no franquismo, cando ninguén falaba das Vías Pecuarias, José coa súa compañeira iniciaron a reivindicación dos canellóns, coladas, cordeles, vereas, descansadeiros e abrevadoiros na súa vila, que estaban a ser ocupados e valados por terratenentes e labregos como acontecía no resto de España. Un día de pastoreo José topouse cun garda xurado de Andaluza de Piritas nunha vía pecuaria. O encontro rematou no cuartel da Garda Civil, onde entregou a arma e as municións que tiña e tentou denunciar as ameazas e intento de agresión. A benemérita retívoo no cuartel, sen lle tomar declaración, até que chegou o garda co avogado da empresa mineira e redactaron atestado de denuncia contra el por agresión a unha autoridade. Foi encarcerado e posto en liberdade aos seis días. O Ministerio Fiscal cualificou o acontecido de atentado contra a autoridade e pediu catro anos, catro meses e un día de prisión. Ao final saíu absolto polo tribunal da Audiencia de Sevilla.

Cárcere[editar | editar a fonte]

Durante o festival en Alcolea de Córdoba tivo lugar outro incidente. El Cabrero sufriu unha grave afonía, aínda así subiu ao escenario para desculparse e dicir que tiña que renunciar a cantar por non estar en condicións. O público animouno a tentalo pero a voz non lle respondía e un grupo apupouno e imitou o son das cabras. José no momento dixo “Me cago en Dios, ¿No dije que no podía cantar?" O público comprendeu a situación pero alguén foino denunciar por blasfemia á Garda Civil que fixo atestado dos feitos.

No xuízo, en Córdoba, os denunciantes admitiron que fora unha exclamación pola situación e sen carácter ofensivo. O xuíz condenouno a 5 meses de arresto maior e multa de 40.000 pesetas. Despois do recurso, a audiencia rebaixou a pena a dous meses de prisión pero o xuíz negouse a aceptar a supresión da pena polo que El Cabrero, en outubro de 1982, ingresou na prisión provincial de Sevilla provocando un escándalo nacional e internacional e a mobilización social. Levando 22 días no cárcere, o goberno da UCD deulle o indulto extraordinario[1].

Discografía[editar | editar a fonte]

  • Diálogo sin artificios
  • Sin Remache
  • Como el viento de poniente
  • Por la huella del fandango
  • De La Cuadra a La Carbonería
  • Encina y cobre
  • Le sigo cantando a Huelva
  • Dale alas
  • Que corra de boca en boca (1992)
  • Luz de luna
  • A mí me llaman Cabrero
  • A paso lento
  • Tierras duras
  • A esta tierra que es mi mare
  • Así canta El Cabrero
  • Por los caminos del viento
  • Paris 94 LIVE
  • Pastor de Nubes (2011)

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "El Cabrero también fue condenado por blasfemia en el año 1982". Arquivado dende o orixinal o 14 de maio de 2020. Consultado o 26 de outubro de 2012. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Flamenco

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]