Libro del caballero Cifar

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «El Libro del cavallero Zifar»)

Libro do cabaleiro Zifar, f. 32r do manuscrito de París. «De cómmo una leona llevó a Garfín, el fijo mayor del cavallero Zifar».

El Libro del cavallero Zifar ("O Libro do cabaleiro Zifar") é o primeiro relato de aventuras de ficción extenso da prosa en castelá[1] e foi composto cara ao ano 1300. Presenta trazos da novela de cabalarías e foi escrito probablemente por Ferrand Martínez, clérigo de Toledo, que aparece nun conto do prólogo.

Foi transmitido en dous manuscritos, o ms. 11.309 (Biblioteca Nacional de España) do século XIV, chamado códice M; e o ms. espagnol 36 (Biblioteca Nacional de Francia) chamado códice P ou manuscrito de París, de 1464, belamente ilustrado. Amais, existen dous exemplares dunha edición impresa en Sevilla en 1512.

O relato comeza como unha adaptación da vida de Santo Eustaquio ou Plácidas (como se chamou na Península) que protagonizaba unha difundida lenda haxiográfica, encarnada no cabaleiro Zifar, a partir da cal se entretecen diversos materiais de carácter didáctico, épico e cabaleiresco. Zifar parte dunha infeliz separación familiar para se reencontrar despois elevado á condición de rei de Mentón. O seu fillo, Roboán, recibe os seus ensinos e repite a traxectoria do pai, sendo por fin coroado emperador.

Autoría e datación[editar | editar a fonte]

O exemplo do prólogo sitúanos en 1300, ano xubilar so o papado de Bonifacio VIII, e en Roma, onde chega Ferrand Martínez, arquidiácono de Madrid para se encontrar con Gonzalo García Gudiel, arcebispo primado de Toledo e posteriormente cardeal en Roma, que prega a Ferrand que traslade a Toledo o seu corpo finado, o que ocorre ao ano seguinte. Datos comprobados deste conto son o xubileu, a historicidade de Ferrand Martínez e de Gonzalo García Gudiel, polo cal a crítica acreditou verosímil que Ferrand Martínez compuxese o libro cara ao ano 1300 e que escribira a narración introdutoria tres ou catro anos despois.

Do que non cabe dúbida é de que o autor posuía formación xurídica e experiencia en chancelarías. En todo caso, o autor do Zifar tivo que coñecer ou ter noticia destes personaxes históricos. A data ante quem de redacción non iría alén do primeiro cuartel do século XIV.

Porén, no seu estudo "Los problemas del Zifar" da última edición facsímile de 1996, Juan Manuel Cacho Blecua atrasa a súa data de composición ata mediados do século XIV.[2]

Estrutura[editar | editar a fonte]

O libro iníciase cun prólogo (aínda que non sexa referido así nos manuscritos) no cal Ferrand Martínez asegura que o traducira da lingua caldea, que aquí significa probablemente «lingua árabe». Mesmo sendo este un tópico habitual dos relatos de tradición cabaleiresca, o certo é que moitos dos antropónimos do Zifar son árabes, como tamén certos motivos estilísticos, pois a técnica de inserción dos contos (inclúense máis de vinte exempla) lembra a estrutura de As mil e unha noites.

Moi posiblemente a inclusión de digresións típicas da literatura sapiencial ou as coleccións de exempla vén dada pola novidade que supuña compor unha obra extensa de ficción en prosa, a pesar de que o traballo da oficina literaria afonsina e a aclimatación da materia de Bretaña na Península, xunto coa necesidade de desenvolver modelos narrativos nas crónicas históricas, achaia-lo camiño á irrupción da ficción novelesca.

Ilustración do manuscrito de París.

Así, o Zifar podería dividirse nun prólogo e catro partes:

  • Prólogo. Convencionalmente denominado así pola crítica que se ocupou do Zifar, trátase dun exemplum, como recomendaban as artes poeticai para o ordo artificialis, unha parte da retórica medieval. Brunetto Latini, nos Libros do Tesouro aconsella comezar estas obras extensas con "un enxiemplo o proverbio u sentencia o autoridat de los sabios".
  • As dúas primeiras partes intitúlanse "El cavallero de Dios" e "El rey de Mentón" na edición de Wagner (1929). Relatan unha historia de separación e encontro de Zifar coa súa familia, composta pola súa muller Grima e os seus fillos Garfín e Roboán.
  • A terceira parte, «Castigos do rei de Mentón», recolle os consellos que Zifar —xa rei de Mentón— dá aos seus fillos Garfín e Roboán. É un tratado doutrinal de educación de príncipes, e afástase do xénero narrativo para facer unha digresión didáctica. Esta parte reelabora as Flores de filosofía, unha colección de sentenzas obtidas do Libro dos cen capítulos que á súa vez provén das coleccións árabes de ditos de sabios gregos.[3]
  • A cuarta parte narra a historia de Roboán dende que abandona o reino de Mentón ata conseguir ser coroado emperador de Tígrida, co que repete o modelo do seu pai.

A edición impresa de Sevilla de 1512 engadiu outro prólogo ao orixinal.

Fontes[editar | editar a fonte]

Detéctanse múltiples influencias no Zifar: primeiramente, a similitude cos contos orientais (Mil e unha noites, Calila e Dimna ou Sendebar) xa mencionadas, en particular as referidas á técnica do relato cuadro, que cobre contos tradicionais. A obra é tamén unha colección de exempla e de proverbios e sententiae, que mostran a extensa cultura do seu autor.

Destacouse tamén a semellanza do seu argumento coa lenda haxiográfica do cabaleiro chamado Plácidas ou (Placidus), que posteriormente converteuse en santo Eustaquio e que orixinou varios libros de aventuras españois, como o De un caballero Plácidas, do mesmo século XIV.[4]

Do occidente europeo foi sinalado o posible influxo da chanson de geste, os Lais de María da Francia ou o de Chrétien de Troyes, todos eles pertencentes ao xénero do roman courtois; e o do ciclo artúrico, pois desta época datan as primeiras traducións españolas. Canto ao ámbito hispánico, localizáronse influencias puntuais dos Milagros de Nuestra Señora de Gonzalo de Berceo ou as Cantigas de Santa María de Afonso X o Sabio.

Mais toda procura de fontes non explica a radical orixinalidade dun libro que foi considerado o primeiro libro de cabalarías español, mais que inclúe na súa parte central un extenso tratado de «educación de príncipes» , o capítulo dos «Castigos do rei de Mentón», onde se viu o influxo directo das Flores de filosofía. Este tratado pertence ao xénero da literatura doutrinal, ou sapiencial ou gnómica, adaptándoo á figura do cabaleiro cristián, en consonancia co espírito das ordes militares.

Resumindo, o texto do Zifar combina características do roman medieval, no senso que ten en Chrétien de Troyes e os autores da Vulgata artúrica, con elementos didácticos de tipo variado: exempla, proverbios, sermóns e tratados para a educación de príncipes.

Estilo[editar | editar a fonte]

A heteroxeneidade dos materiais que forman o Zifar propiciou nun primeiro momento que a crítica negara a unidade temática da obra ata mediados do século XX. Mais a partir do estudo de Justina Ruíz Conde (1948)[5] a tendencia dominante é considera-la como unha obra unitaria, se ben dentro dos parámetros sempre misceláneos da literatura medieval. En 1996 un traballo de Francisco Rico volve a insistir na amálgama colectánea de xéneros que é o libro.[6]

A crítica da segunda metade do século XX insistiu no seu carácter doutrinal. Propúxose como tema da unidade do libro a frase redde quod debes (devolve o que debes), que enunciaría o núcleo dunha estrutura baseada no sermón, segundo o cal todo o Zifar sería unha amplificación do concepto da redención.

Outra interpretación propón unha unidade baseada nas retóricas medievais, nos recursos de amplificación, paralelismos, simetrías e digresións (con técnica de intercalación ou entrelazamento de episodios), que son propias dos posteriores libros de cabalarías. O libro non tería un carácter doutrinal nin alegórico, mais constituiría un relato heroico e cavaleiresco con elementos intercalados moralizantes, como os consellos do rei de Mentón ou a abundancia de exempla, proverbios e sentenzas.

Destácase, en todo caso, a presenza constante do humor no Libro do cabaleiro Zifar, estudado por Scholberg,[7] aspecto no cal conclue que supera todas as súas obras contemporáneas. Existen tanto compoñentes humorísticos verbais -xogos de palabras, conversacións enxeñosas- como estruturais -como o "Conto do medio amigo", que é todo el unha brincadeira que un pai gasta ao seu fillo.

Talvez os elementos máis sinalados do estilo do Zifar sexam os proverbios e os exempla, ou contos moralizantes. Canto aos primeiros, nótase, ao contrario do que ocorre noutras obras da literatura española que os utilizan, como El libro de buen amor, La Celestina ou Don Quixote, que aparecen diseminados por toda a obra. En xeral póense máis frecuentemente en personaxes de autoridade elevada, como son Zifar (despois tornado en Rei de Mentón) e o seu fillo Roboán, que tamén será coroado xa non rei, senón emperador. Menos sentenzas pronuncia o escudeiro Ribaldo, o personaxe mais cómico da obra, polo cal non ten similitude neste aspecto co seu descendente literario, Sancho Panza. Catalogáronse trescentas setenta e catro frases de carácter paremiolóxico no Zifar.

Canto aos exempla, aparecen no texto máis de vinte, tratados sempre con algunha amplificación orixinal. A súa filiación é diversa e vai dende as fábulas de Esopo (como sucede no Arcipreste de Hita), ata a orixe oriental (indio, persa ou árabe, adecuándoos á cultura cristiá), pasando polo anecdotario de procedencia clásica ben difundido na literatura sapiencial española, da cal é exemplo o conto da proverbial comparación entre a ruindade de Antígono e a xenerosidade de Alexandre Magno.

A imbricación dos textos conséguese mediante variadas técnicas narrativas, onde se apreza o influxo dos contos orientais, co mecanismo de relato cuadro e caixas chinesas ou matrioshkas. A maior parte das veces a voz narrativa pertence a un dos protagonistas do Zifar, que se serve da narración dun conto no decurso do diálogo con outro personaxe. Con ela pretende exemplificar na práctica o que expuixo de xeito teórico. Tamén neste caso son os personaxes de maior prestixio quen abranguen a maioría das intervencións como narradores internos, pois revelan unha das dúas características que debía ter un heroe medieval, a sapientia (sabedoría), que era inseparable do valor guerreiro. Só ocasionalmente o narrador do conto é o narrador principal do Libro do cabaleiro Zifar. Na anécdota do «Agarrado a este nabo» o protagonista e narrador do conto cómico ou relato folclórico é un personaxe do relato principal, o criado Ribaldo. Trátase dunha técnica que adianta a inclusión de material folclórico nos feitos narrados polo protagonista que se dá no Lazarillo de Tormes.

A pesar de a obra ser considerada como a primeira novela de cabalarías da literatura española, carece dalgúns trazos definidores deste xénero, como a ausencia de descrición de batallas e de estratexias militares, a precaución perante os inimigos e mesmo o esquiva-los, a moi escasa presenza de duelos entre dous cabaleiros e, en fin, un senso da fama, do amor e da aventura moi diferente do mundo ideal cabaleiresco. Moi polo contrario, o relato do Zifar esfórzase en reproducir con bastante fidelidade o contexto da realidade cotiá do século XIV. Por outra banda, a influencia da novela grega de aventuras ou novela helenística basta para explicar a separación e reencontro familiar, a exaltación do heroe e o entrelazamento dos episodios.

Por último, cómpre mencionar a inclusión de dous poemas casteláns, nun dos primeiros exemplos de lírica nesta lingua que se conservan. Os poemas expresan pranto pola perda do amor ou dun reino marabilloso e expresan emocións con recursos simples, como a interxección, a interrogación retórica, a anáfora ou o apóstrofe:

¡Ay mesquina, cativa, desamparada,
sin grant conorte!
¡Ay forzada, desheredada
de todo mio bien!
Ven por mi, muerte
bienaventurada,
ca yo non puedo sofrir dolor tan fuerte.









¡Guay de mi mesquino!
¡Guay de mi cativo!
¡E guay de mi sin entendimiento!
¡E guay de mi sin ningunt consolamiento!
¿Dó el mio viçio?
¿Dó el mio grant bolliçio?
Ove muy grant riqueza,
agora so en pobreza.
Ante era acompañado
agora so solo fincado.
Ya el mi poder
non me puede pro tener:
he perdido cuanto había.
Libro del cavallero Zifar, ed. Cristina González, Madrid, Cátedra, 1983, p. 428, 429.

Manuscritos[editar | editar a fonte]

  • Ms. 11.309 (antes Ii 87) da Biblioteca Nacional de España ou de Madrid. Códice M. Século XIV.
  • MS. espagnol 36 da Biblioteca Nacional de Francia ou de París. Códice P. 1464.

Edicións antigas[editar | editar a fonte]

  • Edición de Sevilla de 1512, Códice S. Consérvanse dous exemplares:
  • Inv. Rés. E2 259 da Biblioteca Nacional de Francia
  • Impreso VIII-2.054 da Biblioteca do Palacio Real de Madrid, impreso en 1529 mais na realidade é unha reimpresión idéntica á de 1512.

Edicións modernas[editar | editar a fonte]

  • Heinrich Michelant, Historia del Cavallero Cifar, Tübingen, Alemaña, 1872 (Bibliothek des Litterarischen Vereins in Stuttgart, CXII).
  • Charles Ph. Wagner, El Libro del Caballero Zifar, Míchigan, Ann Arbour-University of Michigan, 1929. A máis completa e coherente edición crítica. É o texto que reproducen, modernizándoo, Martín de Riquer (1951) e Felicidad Buendía (1960).
  • Martín de Riquer, El Caballero Zifar, Barcelona, Ariel, 1951.
  • Felicidad Buendía, Libros de Caballerías españoles: El Caballero Cifar, Amadís de Gaula, Tirant el Blanco, Madrid, Aguilar, 1960.
  • Joaquín González Muela, Libro del Caballero Zifar, Madrid, Castalia, 1982.
  • Cristina González, Libro del Caballero Zifar, Madrid, Cátedra, 1983.
  • M. A. Olsen, Libro del Cavallero Çifar, Madison, HSMS, 1984.
  • Manuel Moleiro e Francisco Rico, Libro del caballero Zifar. Códice de París, Barcelona, Moleiro, 1996. (ed. fac-símile)

Notas[editar | editar a fonte]

  1. «El autor del Zifar, personaje sin historia que escribe una novela, [...] fue, [...] la persona más apropiada para escribir la primera novela castellana». Cristina González, «Introducción» al Libro del caballero Zifar, Madrid, Cátedra, 1983. p. 31.
  2. Manuel Moleiro e Francisco Rico, Libro del caballero Zifar. Códice de París, Barcelona, Moleiro, 1996.
  3. Alan D. Deyermond, Historia de la literatura española, vol. 1: "La Edad Media", Barcelona, Ariel, 2001 (1ª ed. 1973), p. 181 y ss. e p. 282. ISBN 84-344-8305-X
  4. Alan D. Deyermond, op. cit., p. 291.
  5. Justina Ruiz Conde, El amor y el matrimonio secreto en los libros de caballerías, Madrid, Aguilar, 1948.
  6. Francisco Rico, "Epílogo. Entre el códice y el libro", Libro del caballero Zifar. Códice de París, Barcelona, Moleiro, 1996, p. 245-258.
  7. Kenneth R. Scholberg, "La comicidad del Caballero Zifar", Homenaje a Rodríguez Moñino, II, Madrid, Castalia, 1966, p. 113-124.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]