Ego, superego e id

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A escola psicolóxica do ego sitúa os seus comezos na obra de 1923 de Sigmund Freud O ego e o Id, na que Freud introduciu o que máis tarde recibiría o nome de «teoría estrutural» da psicanálise. A teoría estrutural divide a mente en tres axencias ou "estruturas": o Id, o Ego e o Superego.

Teoría Estrutural de Freud[editar | editar a fonte]

O Id[editar | editar a fonte]

O Id (latino, "isto" en galego, "Es" no orixinal alemán) representa o pensamento procesual primario; os nosos impulsos primitivos, a libido e os desexos que procuran unha satisfacción inmediata. No Id localizaríanse as pulsións formadas por instintos, impulsos orgánicos e desexos inconscientes. Estaría rexido polo principio do pracer e organizado en torno ás tendencias e instintos primitivos da sexualidade e agresión. Freud tomou emprestado este termo do "Libro do Id" de Georg Groddeck, un pioneiro da medicina psicosomática.

O Ego[editar | editar a fonte]

O Ego ou Eu é o centro da consciencia, é o conxunto de ideas, pensamentos, sentimentos, lembranzas e percepcións sensoriais. Na visión de Freud o Ego media entre o Id, o Superego e o mundo exterior para equilibrar os impulsos primitivos, as ideas morais e tabús e as limitacións da realidade ("Ego" significa "Eu" en latín; a palabra orixinal alemán aplicada era "Ich".) O Ego obedece ó principio da realidade, isto é, á necesidade de acadar obxectos que satisfagan o Id sen transgredir as esixencias do Superego. Aínda que nos escritos primeiros Freud identificaba o Ego co noso sentido da consciencia (o self), máis adiante describiríao como unha serie de funcións psíquicas tales como verificación da realidade, defensa, síntese de información, funcionamento intelectual, memoria e similares. O Ego atópase reprimido entre tres escravitudes: os desexos insaciables do Id, a severidade represiva do Superego e o perigo do mundo exterior.

O Superego[editar | editar a fonte]

O Superego sitúase en oposición ós desexos do Id. É a censura da presión que a sociedade e a cultura impoñen sobre o Id, impedíndolle satisfacer plenamente os seus instintos e desexos. É, por tanto, a represión, en particular, a represión sexual, manifestándose á consciencia indirectamente, baixo a forma de moral e de tabús, como un conxunto de prohibicións e deberes, e por medio da educación, inculcando o sentido do correcto e do incorrecto para lograr unha persoa moral, boa e virtuosa. O Superego baséase na internalización da cosmovisión da cultura, das normas e mores (costumes) que o neno adopta ou asimila da cultura de seus pais e do medio que o arrodea nos primeiros anos de vida.

Os psicólogos do ego[editar | editar a fonte]

Despois de Freud, varios teóricos psicanalistas destacados comezaron a elaborar a versión funcionalista do ego de Freud. Os maiores esforzos fixéronse con relación a detallar as varias funcións do ego e como se deterioran nas psicopatoloxías.

Unha revisión conceptual importante da teoría estrutural de Freud foi proposta por Heinz Hartmann, quen argumentou que o Ego saudable incluía unha esfera de funcións do ego autónomo que non están afectadas por un conflito psicolóxico. Segundo Hartmann, o tratamento psicanalítico tenta expandir a esfera libre de conflito do funcionamento do Ego.

David Rapaport sistematizou o modelo estrutural de Freud e as revisións que Hartmann fixo del. Rapaport argüíu que o principio central da teoría freudiana é que os procesos mentais están motivados e moldeados pola necesidade de descargar a tensión que se acumula entre os tres compoñentes estruturais da mente.