Efecto invernadoiro

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Diagrama dos fluxos de enerxía entre o espazo, a atmosfera e a superficie da terra mostrando como se crea o efecto invernadorio.

Denomínase efecto invernadoiro á absorción, por parte da atmosfera, de emisións infravermellas impedindo que escapen ó espazo exterior aumentando polo tanto as temperaturas medias do planeta.

O efecto invernadoiro evita que a calor do Sol deixe a atmosfera e volva ó espazo. Isto quenta a superficie da terra co cal se produce o efecto de invernadoiro. Existe unha certa cantidade de gases de efecto de invernadoiro na atmosfera necesaria para quentar a terra. Actividades como a queima de combustible fósil emiten gases (especialmente, dióxido de carbono, CO2) que actúan impedindo que escape a calor. Moitos científicos consideran que como consecuencia se está producindo o quentamento global. Outros gases que contribúen ó problema inclúen os clorofluorocarburos (CFC), o metano, os óxidos nitrosos e o ozono.

Fundamentos[editar | editar a fonte]

A radiación electromagnética é capaz de elevar o estado térmico de calquera corpo a un nivel superior (maior temperatura), incluso a través do baleiro. Tódolos corpos, polo mero feito de estaren a unha certa temperatura superior ó cero absoluto, emiten unha determinada cantidade de radiación electromagnética (véxase corpo negro) arrefriándose e quentando outros corpos. Tamén son capaces de absorberen esa radiación, quentándose.

Cando a radiación solar chega á superficie da Terra, esta quéntase. A enerxía absorbida é remitida como radiación infravermella. Porén, non toda esta radiación pode escapar de volta ó espazo, xa que unha parte é absorbida de novo pola atmosfera (ó redor dun 90%), sendo un fenómeno similar ó que mantén a temperatura cálida no interior dun invernadoiro, fenómeno do cal recibe o seu nome. Deste xeito, o equilibrio térmico establécese a unha temperatura superior á que se obtería sen este efecto. En zonas da terra cuxa atmosfera ten pouca proporción de gases de efecto invernadoiro (especialmente de vapor de auga), como nos grandes desertos, as flutuacións de temperatura entre o día (absorción de radiación solar) e a noite (emisión cara ó ceo nocturno) son moi grandes.

A importancia dos efectos de absorción e reemisión de radiación na atmosfera son fundamentais para o desenvolvemento da vida tal e como a coñecemos. De feito, se non existise este efecto, a temperatura media da Terra sería entre 30 °C e 40 °C menor, situándose a case 20 °C baixo cero. (Ver: Balance radiativo terrestre)

Gases de efecto invernadoiro e actividade industrial[editar | editar a fonte]

Os denominados gases de efecto invernadoiro ou gases invernadoiro, responsables do efecto descrito son:

Se ben todos eles (salvo os CFC) son naturais, en tanto que xa existían na atmosfera antes da aparición do home, desde a Revolución Industrial e debido principalmente ó uso intensivo dos combustibles fósiles nas actividades industriais e o transporte, producíronse sensibles incrementos nas cantidades de óxidos de nitróxeno e dióxido de carbono emitidas á atmosfera, co agravante de que outros problemas como a deforestación limitaron a capacidade rexenerativa da atmosfera para eliminar o CO2 (principal responsable do efecto invernadoiro).

Estes cambios causan un paulatino incremento da temperatura terrestre, o chamado cambio climático o Quentamento global, que á súa vez é orixe doutros problemas medioambientais:

Protocolo de Quioto[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Protocolo de Quioto.

Trátase dun convenio internacional que intenta limitar globalmente as emisións de gases de efecto invernadoiro. O protocolo xorde da preocupación internacional polo quentamento global, provocado polo aumento das emisións destes gases.

Efecto invernadoiro na atmosfera de Venus[editar | editar a fonte]

De tódolos planetas do sistema solar, Venus é o que ten un efecto invernadoiro máis intenso debido á densidade e composición da súa atmosfera, xa que contén un 96% de CO2 e ten unha presión superficial de 90 bar. Nestas condicións a superficie acada temperaturas de ata 460 °C. Cando comezou o estudo da atmosfera de Venus nas décadas de 1960-70, xurdiron os primeiros sinais de alarma sobre un posible efecto invernadoiro na Terra provocado polo aumento da concentración de dióxido de carbono na atmosfera. Sendo ambos os planetas xeoloxicamente moi similares a súa principal diferencia áchase na inmensidade do efecto invernadoiro en Venus.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]