Edwin Morgan

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Edwin George Morgan, nado o 27 de abril de 1920 en Glasgow e falecido o 19 de agosto 2010, foi un poeta e tradutor escocés en lingua inglesa, considerado o máximo representante do rexurdimento escocés.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Ámbito persoal[editar | editar a fonte]

Medrou no barrio de Rutherglen, ao sueste da cidade, fillo dun executivo presbiteriano que dirixía unha empresa de comercio de carbón e aceiro. Ingresou na Universidade de Glasgow en 1937. Despois de servir como médico do exército británico na Segunda Guerra Mundial, doutorouse en 1947 en lingua inglesa e comezou a traballar de profesor na mesma universidade, onde se xubilou en 1980 como profesor emérito.

Ámbito poético[editar | editar a fonte]

Morgan foi o último dos "sete grandes", os poetas que conformaron o denominado rexurdimento escocés, producido na poesía escocesa do século XX: os outros seis foron Hugh MacDiarmid, Robert Garioch, Norman MacCaig, Iain Crichton Smith, George Mackay Brown e Sorley MacLean.

Morgan cultivou un amplo abano de formas e estilos, pero principalmente o soneto e o caligrama, nos seus máis de 30 títulos. Tivo unha forte influencia da xeración beat polas súas ideas sinxelas e os xogos lingüísticos. A súa primeira antoloxía apareceu en 1990 (Collected Poems) e ten sido traducido a diversas linguas, pero non ao galego. Colaborou coa banda de rock alternativo Idlewild no seu álbum The Remote Part (2002), recitando un poema, pero tamén outros poemas seus teñen sido musicados por esta e outras bandas.

O seu traballo como tradutor de moi diversas linguas levouno a publicar en paralelo volumes de antoloxías de poemas traducidos por el, no que denominou as súas "obras completas, 2".

Homosexualidade[editar | editar a fonte]

A despenalización da homosexualidade en Escocia non chegou ata 1980, e ata ese momento a poesía de Morgan empregou xéneros non marcados, ben por evitar problemas legais, ben por universalizar o desexo[1]. Desvelou a súa homosexualidade publicamente en 1990, coa publicación de 'Nothing Not Giving Messages: Reflections on his Work and Life'. Participou da apertura do centro LGBT de Glasgow en 1995, coa escrita e lectura dun poema, e apoiou asociacións escocesas de homosexuais.

Símbolo de Glasgow e de Escocia[editar | editar a fonte]

Morgan é considerado un símbolo da cidade de Glasgow e tamén de toda Escocia. Así, tamén leu un poema escrito a pé feito durante a inauguración do novo edificio do parlamento escocés, o 9 de outubro de 2004. En 1999 o concello de Glasgow nomeouno poeta laureado, é dicir, recoñeceulle un salario co título de poeta oficial da vila. En 2004 foille concedido o primeiro Makar Escocés, o galardón que o Parlamento de Escocia lle concede aos "poetas nacionais".

Algunhas obras poéticas[editar | editar a fonte]

  • The Second Life, 1968, Edinburgh UP
  • Glasgow Sonnets, 1972, Castlelaw
  • Instacmatic Poems, 1972, Ian McKelvie
  • From Glasgow to Saturn, 1973, Carcanet
  • The Whittrick: A Poem in Eight Dialogues, 1973, Akros
  • The New Divan, 1977, Carcanet
  • Poems of Thirty Years, 1982, Carcanet
  • Selected Poems, 1985, Carcanet
  • Sonnets form Scotland, 1984, Mariscat
  • Themes on a Variation, 1988, Carcanet
  • Collected Poems, 1990, Carcanet
  • Hold Hands Among the Atoms: 70 Poems, 1991, Mariscat
  • Sweeping Out the Dark, 1994, Carcanet
  • Virtual and Other Realities, 1997, Carcanet, que recibiu o Stakis Prize en 1998.
  • New Selected Poems, 2000, Carcanet
  • Cathures: New Poems, 1997-2001, 2002, Mariscat
  • Love and a Life, 2003, Mariscat
  • Tales From Baron Munchausen. 12 Poems, 2004, Mariscat
  • The Play of Gilgamesh, 2005, Carcanet
  • A Book of Lives, 2007, Carcanet

Outros xéneros[editar | editar a fonte]

  • Flower of Evil: A Life of Charles Baudelaire, 1943, Sheed & Ward
  • Essays, 1974, Carcanet
  • Nothing Not Giving Messages: Reflections on Work and Life, 1990, Polygon
  • Crossing the Border: Essays on Scottish Literature, 1990, Carcanet
  • A Trilogy of Plays on the Life of Jesus, 2000, Carcanet, teatro.

Galardóns[editar | editar a fonte]

É oficial do Imperio Británico dende 1982.

Recibiu diversos premios polo seu labor como tradutor, e ademais, a medalla anual do Royal Bank of Scotland en 1983 ou a medalla de ouro da raíña en poesía en 2000.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]