Edward Schillebeeckx

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Edward Cornelis Florentius Alfonsus Schillebeeckx, nado en Antuerpen (Bélxica) o 12 de novembro de 1914 e finado en Nimega, o 23 de decembro de 2009, foi un teólogo holandés.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

En 1934 entrou na Orde dominica e en 1941 foi ordenado sacerdote. Estudou no Studium Generale dominicano de la Saulchoir, e na Sorbona de París. Foi profesor de dogmática e historia da teoloxía na Universidade de Nimega. Asesorou ao episcopado holandés no Concilio Vaticano II, en converxencia de posicións con outros teólogos daquela considerados progresistas como Bernhard Häring, Hans Küng ou Joseph Ratzinger. Tras o concilio foi un dos redactores do Catecismo holandés, editado pola igrexa de Holanda en 1966 e considerado rupturista en relación ás posicións doutrinais e morais tradicionais da Igrexa Católica en materias como o pecado orixinal, a redención, o celibato, o sacerdocio da muller, o divorcio e os anticonceptivos. Participou na revista Concilium con Karl Rahner, Yves Congar e Hans Küng.

A Congregación da Doutrina da Fe abriu expediente para someter a exame a súas posicións cristolóxicas e eclesiolóxicas, pero nunca chegou a sancionalo.

Reibiu o Premio Erasmus.

Pensamento[editar | editar a fonte]

No seu libro Cristo, Sacramento do Encontro con Deus rexeita a idea de que o sacramento é unha expresión xurídica dun acto administrativo da Igrexa, senón unha expresión tanxible de encontro con Xesús de Nazaret.

En Xesús, historia dun vivente achégase á figura de Xesús dende a ciencia histórica, entendendo que os dogmas cristolóxicos han de referirse e partir da figura do Xesús da historia. Este anunciou unha boa nova, una oferta gratuíta de salvación aos pobres, aos desprezados e aos pecadores (o Reino de Deus), o que acabou producindo un choque inevitable co poder relixioso do Templo de Xerusalén e unha incomodidade irresoluble para o poder político que acabaría na cruz.

En Cristo e os cristiáns. Graza e Liberación, defende a Graza como a experiencia cristiá fundamental e como forza liberadora para cada home e a humanidade enteira ao longo da historia individual e colectiva.

En Os homes, relato de Deus, aposta por un ecumenismo radical en pe de igualdade con todas as relixións. É nese diálogo onde se perfila a orixinalidade do cristianismo. Asemade entende os ministerios non como expresión dun poder xerárquico segundo a tradición romana e medieval, senón como servizo consonte o Evanxeo.

Para el a formulación dos dogmas está condicionada por unha perspectiva histórica determinada e unha cultura particular, polo que cabe repensalos. Isto fixo que Roma examinara a fondo os seus escritos.

Obras[editar | editar a fonte]

  • Christus, sacrament van de Godsontmoeting, 1959
  • Openbaring en theologie, 1964
  • Jezus, het verhaal van een levende, 1974
  • Gerechtigheid en liefde, genade en bevrijding, 1977
  • Tussentijds verhaal over twee Jezusboeken, 1978
  • Evangelie verhalen, 1982
  • Pleidooi voor mensen in de kerk. Christelijke identiteit en ambten in de kerk, 1985
  • Jezus in de westerse cultuur, 1986
  • Mensen als verhaal van God, 1989