Edward Jenner
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Edward Jenner, nado o 17 de maio de 1749 e finado o 26 de xaneiro de 1823, foi un doutor inglés que traballaba na localidade inglesa de Berkeley, en Gloucestershire. Fíxose famoso por inventar a vacina. Estudou anatomía e cirurxía xunto ao eminente cirurxián John Hunter, sendo Jenner o seu alumno favorito ata a morte de Hunter.
[editar] Traxectoria
Realizou a primeira inoculación da vacina contra a varíola, un dos peores males que sufría a humanidade: unha de cada dez persoas morrían pola súa causa. Jenner notou que os que sufriran previamente varíola vacúa -enfermidade das vacas que causa só síntomas de pouca importancia no home- demostraban resistencia cando se expoñían á varíola humana. O 14 de maio de 1796 extraeu pus dunha pústula da man de Sarah Nelmes, unha muxidora que contraera varíola vacúa da súa vaca leiteira e inoculouno a James Phipps, un neno saudable de 8 anos, mediante dúas incisións superficiais. O neno desenvolveu unha leve enfermidade que desapareceu sen a menor complicación. O 1 de xullo, inoculouse ao neno coa temida varíola mediante varias picadas e incisións leves, pero non enfermou.
Hoxe en día a varíola é unha das poucas enfermidades erradicadas da face do planeta. O descubrimento de Jenner publicouse no seu libro "An Inquiry into the Causes and Effects of the Variolae Vaccinae, a Disease Known by the Name of Cow Pox" (Investigacións sobre as causas e efectos das vacinas da varíola) en 1798, onde tamén acuñou o termo virus.
