Eduardo Toba

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Eduardo Toba
Información persoal
Nome Eduardo José Toba Muiño
Nacemento 15 de maio de 1923
Lugar de nacemento Muxía
Falecemento 3 de agosto de 2001
Lugar de falecemento A Coruña
Adestrador
Anos Equipos
1952–1953 Fabril
1954–1955 Deportivo da Coruña
1956–1957 Oviedo
1958–1959 Deportivo da Coruña
1960 Costa Rica
1961 Herediano
1962–1963 Tenerife
1963–1964 Oviedo
1964–1965 Murcia
1965–1966 Córdoba
1966–1967 Hércules
1968–1969 España
1971–1973 Oviedo
editar datos en Wikidata ]

Eduardo José Toba Muiño, nado en Muxía o 15 de maio de 1923 e finado na Coruña o 3 de agosto de 2001, foi un médico, atleta e adestrador de fútbol galego.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Estudou medicina en Madrid ao mesmo tempo que practicaba atletismo, especializándose en carreiras de obstáculos e triplo salto.[1] En 1946 gañou a medalla de ouro en triplo salto no Campionato de España de Atletismo, cunha marca de 13,765 m.[2] En 1948 bateu os récords galegos de salto de lonxitude, con 6,41 m, e o de 110 metros valados, con 16,50 segundos, o cal rebaixou ata 16,3 só uns días despois.[3][4] En 1951 rebaixou a marca de 110 valados ata 15,6.[5]

En xullo de 1951 foi contratado como preparador físico polo Deportivo da Coruña, club no que militara xa antes na súa sección de atletismo.[6] Ao ano seguinte obtivo o título de adestrador de fútbol de categoría nacional[7] e pouco despois adestrou o Fabril, ata que deixou o cargo en xaneiro de 1953 por non poder compaxinalo coa preparación física do Deportivo.[8]

En agosto de 1954 foi presentado como novo adestrador do Deportivo da Coruña, en Primeira División.[9] O equipo realizou unha boa actuación e rematou a tempada na sétima posición. Logo pasou ao Oviedo, en Segunda División,[10] onde permaneceu ata febreiro de 1957, cando deixou o equipo polos malos resultados. Volveu ao Deportivo para a tempada 1958/59, co equipo de volta en Segunda. A súa nova etapa no club coruñés só durou catro xornadas, ata a escandalosa derrota por 8-2 fronte ao Real Valladolid. Tras este partido foi substituído no banco por Ernesto Pons.

Pouco despois fíxose cargo da selección de Costa Rica, levándoa a gañar o Campionato Centroamericano de 1961. Adestrou tamén o costarriqueño Club Sport Herediano, conquistando a liga costarriqueña e a Copa tamén en 1961. Volveu a España en 1962 e nas seguintes tempadas dirixiu consecutivamente a Tenerife, Oviedo, Murcia, Córdoba e Hércules.

En novembro de 1967 foi anunciado como novo adestrador da selección española olímpica.[11] Conseguiu clasificar a España para os Xogos Olímpicos de 1968 tras eliminar a selección inglesa na fase de clasificación. En xullo de 1968 foi elixido novo seleccionador absoluto de España.[12] A pesar de comezar gañando un amigábel contra Francia por 1-3, os seus malos resultados na fase de clasificación para o Mundial (empates contra Iugoslavia e Bélxica e derrota contra Bélxica), provocaron o seu cesamento en marzo de 1969.[13]

En 1971 volveu ao Real Oviedo, conquistando a liga de Segunda División, e devolvendo o club a Primeira. Continuou no club asturiano na máxima categoría, pero foi destituído na xornada 16, despois de caer ata o último posto da clasificación.[14] En 1975 volveu poñerse á fronte da selección española olímpica, conseguindo eliminar a Alemaña e clasificar ao equipo para os Xogos Olímpicos de 1976. Dirixiu tamén a Escola Nacional de Adestradores e o Colexio Nacional.[15]

Faleceu na Coruña o 3 de agosto de 2001.[15]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Eduardo Toba entre nosotros". La Voz de Galicia (en castelán). 19 de xuño de 1946. 
  2. "CAMPEONATOS DE ESPAÑA ABSOLUTOS AL AIRE LIBRE" (PDF). RFEA (en castelán). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 29 de xuño de 2021. Consultado o 29 de outubro de 2020. 
  3. "Toba establece nuevas marcas gallegas". La Voz de Galicia (en castelán). 17 de marzo de 1948. p. 2. 
  4. "Notas breves". La Voz de Galicia (en castelán) (A Coruña ed.). 28 de marzo de 1948. p. 5. 
  5. "Eduardo Toba se halla en La Coruña, su ciudad natal". La Voz de Galicia (en castelán). 8 de xullo de 1951. p. 5. 
  6. "Eduardo Toba". La Voz de Galicia (en castelán). 12 de xullo de 1951. p. 5. 
  7. "Eduardo Toba, entrenador nacional". La Voz de Galicia (en castelán). 29 de xullo de 1952. p. 4. 
  8. "Neira, entrenador del Fabril". La Voz de Galicia (en castelán) (A Coruña ed.). 20 de xaneiro de 1953. p. 4. 
  9. "Reunión en el Estadio". La Voz de Galicia (en castelán). 17 de agosto de 1954. p. 5. 
  10. "El doctor Eduardo Toba ha fichado corno entrenador del Oviedo". La Voz de Galicia (en castelán) (A Coruña ed.). 28 de xullo de 1956. p. 7. 
  11. "Confirmado, Toba seleccionador nacional de Juveniles y aficionados". La Voz de Galicia (en castelán). 29 de novembro de 1967. p. 10. 
  12. "El doctor Toba, nuevo seleccionador". La Voz de Galicia (en castelán) (A Coruña ed.). 18 de xuño de 1968. p. 11. 
  13. "Hoy, España-Suiza, en Mestalla". La Voz de Galicia (en castelán) (A Coruña ed.). 26 de marzo de 1969. p. 16. 
  14. "En un mismo día «cayeron» Toba y Pontoni". La Voz de Galicia (en castelán) (A Coruña ed.). 6 de xaneiro de 1973. p. 15. 
  15. 15,0 15,1 "Fallece el ex seleccionador Eduardo Toba" (en castelán). 4 de agosto de 2001. Consultado o 29 de outubro de 2020. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]