Eduardo Propper de Callejón

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Eduardo Propper de Callejón (1895-1972) foi un diplomático español, que é lembrado esencialmente por posibilitarlle a fuxida de milleiros de xudeus da Francia Ocupada (1940-1944).

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Propper de Callejón naceu en Madrid o 9 de abril de 1895. O seu pai era un banqueiro xudeu da Bohemia, daquela aínda integrada no Imperio Austrohúngaro, mentres que a súa nai era filla dun diplomático español.

En 1915 remata os seus estudos de Dereito e ingresa nese mesmo ano na Escola Diplomática. En 1918 accede á Carreira Diplomática, que abandonaría en 1931 como manifesto da súa repulsa cara á II República. Reincorpórase en 1936, representando oficiosamente os intereses franquistas, isto é, dos sublevados ao Goberno democraticamente elixido da Fronte Popular, ante o Goberno Francés.

Propper de Callejón era Primeiro Secretario da Embaixada Española en París cando Francia se rendeu a Alemaña o 20 de xuño de 1940. El declarou o Castelo de Royaumont, propiedade da familia da súa muller, como a súa residencia principal para que fose respectada como o domicilio dun diplomático co fin de poder salvar do espolio a colección de arte que nel se conservaba. Dado que a súa familia política era xudía, era moi probable que se non recorrese a isto, o exército ocupante acabaría despoxándolles este patrimonio. Entre as obras de arte salvadas cóntase un tríptico de Van Eyck (un dos pintores preferidos de Adolf Hitler).

En xullo de 1940, concedeu desde o Consulado Español en Bordeos, en cooperación co cónsul portugués Arístedes de Sousa Menendes, máis de trinta mil visados de tránsito a xudeus, para que puidesen fuxir a Portugal indo através de España.

Cando o Ministro de Asuntos Exteriores franquista Ramón Serrano Suñer soubo que Propper de Callejón estaba outorgando visados sen a previa autorización do seu Ministerio, destinouno inmediatamente ao Consulado de Laracha no Protectorado Español de Marrocos. Despois, sería destinado a Rabat, Zúric, Washington, Otava e Oslo.

Faleceu en 1972 en Londres.

Familia[editar | editar a fonte]

A súa muller, Hélène Fould-Springer (1906-1997), era irmá da meceas a Baronesa Liliane de Rothschild (1916-2003). El e Hélène Fould-Springer son avós maternos da actriz británica Helena Bonham Carter (nada en 1966).

Ligazón externa[editar | editar a fonte]