Eduardo Fabini

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Eduardo Fabini
Eduardo Fabini ca. 1910.
Nacemento18 de maio de 1882
 Solís de Mataojo, Uruguai
Falecemento17 de maio de 1950 (67 anos)
 Montevideo, Uruguai
NacionalidadeUruguai
Educado enConservatorio Real de Bruxelas
Na rede
IMDB: nm4059680 Musicbrainz: 64aae2a7-1792-4ebc-aa9f-c155be0310c1 IMSLP: Category:Fabini,_Eduardo Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

Eduardo Félix Fabini, nado o 18 de maio de 1882 en Solís de Mataojo (Lavalleja, Uruguai) e finado o 17 de maio de 1950 en Montevideo (Uruguai), foi un compositor uruguaio. Fabini é considerado o máis elevado e positivo valor da música académica uruguaia, tendo iniciado unha orientación musical que insertou nas formas musicais clásicas, tonalidades e melodías da música folclórica do seu país.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Eduardo Fabini naceu o 18 de maio de 1882 na pequena vila de Solís de Mataojo, no departamento uruguaio de Lavalleja, fillo de Juan Fabini e Antonia Bianchi, de orixe italiana e con algúns músicos distinguidos na súa familia. Alí pasou os primeiros anos da súa infancia en contacto íntimo coa natureza.

A súa formación musical comezou a unha idade moi temperá; aos catro anos de idade o seu xoguete preferido era o acordeón, e aos seis admiraban as súas interpretacións ao harmonio. Foi nesta época cando comezou os seus estudos de violín co seu irmán máis vello, que posteriormente continuaría no Conservatorio "La lira", en Montevideo, entre os nove e os trece anos, cos mestres Romeo Massi e Ítalo Casellas, e máis tarde, con Scarabelli e Ferroni.

Por consello do mestre Pérez Badía, obtivo unha bolsa de estudos que, en 1899 (contando con 17 anos) lle permitiu viaxar a Europa e ingresar no Conservatorio de Bruxelas, onde estudou cos mestres Deloc e Thomson; e harmonía co mestre Brouk.

Iniciouse na composición, realizando os seus Tristes para orquestra, dous Intermedios, un Esdudio arpegiano para piano, e o coro Las flores del campo; ao mesmo tempo que obtivo o Primeiro Premio de Violín con Distinción, outorgado polo Conservatorio de Bruxelas, sendo o primeiro suramericano que naquel ambiente fixo oír expresións da música latinoamericana.

En 1903 regresou ao Uruguai, dándose a coñecer como solista en diversas aparicións no Teatro Solís de Montevideo, que espertaron a admiración xeral.

Posteriormente viaxou outra vez a Europa, chegando a España en 1905, permanecendo dous anos; en 1907 regresou a Montevideo, onde participou con outros músicos do seu país na fundación do Conservatorio Musical del Uruguay ese mesmo ano. En 1913 tamén cofundou a Asociación de Música de Cámara, entidade que patrocinou numerosos concertos nos que actuou como intérprete.

É a partir desa época cando se retira ao rural, residindo en Solís e en Fuente Salus, escapando da actividade pública. Durante este período compuxo Campo, o seu primeiro poema sinfónico, que pronto foi interpretado en público no Teatro Albéniz de Montevideo o 29 de abril de 1922. Campo obtivo inmediatamente un xeneralizado recoñecemento dos seus valores musicais, sendo consagrado tamén en Buenos Aires —onde foi interpretado en 1925 no Teatro Colón pola Wiener Philharmoniker— e pronto en Nova York, Washington, Madrid, Barcelona, Berlín, Moscova, Valencia, Río de Xaneiro, e outras importantes prazas musicais coma Viena, onde foi tocado pola Filharmónica da cidade baixo a batuta de Richard Strauss.

Alentado por ese éxito, Fabini proseguiu cunha intensa actividade na composición de obras que evocasen os sons e ambientes do campo uruguaio; presentando pouco despois o seu outro poema sinfónico, La isla de los ceibos. Entre as súas obras salientan numerosas cancións, coros escolares, e fantasías para violín e orquestra; entre outros unha peza de ballet sobre o argumento dunha obra de Fernán Silva Valdés, titulada Mburucuyá, o cadro sinfónico Molga, e o ballet infantil Mañana de Reyes.

En 1927 foi designado Agregado Artístico na Embaixada do Uruguai nos Estados Unidos, podendo trasladarse á cidade de Nova York, onde se gravaron Campo e La isla de los ceibos pola New York Philharmonic, editadas por Victor Records.

Fabini faleceu o 17 de maio de 1950 a causa dunha afección cardiaca.

Estilo[editar | editar a fonte]

Román Viñoly Barreto sinala:

Fabini nunca sentiu a preocupación do innovador; non buscou xamais poñer en evidencia coñecementos de técnica; di a súa música así, porque dese xeito a sente, e como non está nas súas intencións a esperanza dunha vaidosa gloria, nin busca máis premio que o do silencio que tanto ama, ocupa un plano de sorprendente sinceridade.[1]

Salas e Pauletto agregan que:

Fabini é esencialmente un músico nativista, sinxelo e modesto.[2]

Obra[editar | editar a fonte]

Música sinfónica[editar | editar a fonte]

  • Poema sinfónico Campo
  • La isla de los Ceibos
  • Fantasía para violín y orquesta
  • O ballet Mburucuyá
  • Melga sinfónica
  • Mañana de Reyes, ballet para nenos

Para coro e orquestra[editar | editar a fonte]

  • La patria vieja
  • Las flores del campo
  • El Rancho
  • A mi Rio
  • El Arroyo descuidado
  • La Güeya, canción
  • El nido

Para canto e piano[editar | editar a fonte]

  • Luz mala
  • El Tala
  • La flores del monte

Para piano só[editar | editar a fonte]

  • Dos tristes
  • Estudio arpegiado
  • Intermezzo
  • Scarlattina
  • Sarandí en la corriente
  • Atlántida

Discografía[editar | editar a fonte]

  • Eduardo Fabini y María Luisa Fabini de West (xunto a María Luisa Fabini de West. Orfeo ULP 2765)
  • Las cinco grandes obras sinfónicas (Ayuí / Tacuabé t/m12cd. 1998)
  • Grabaciones Históricas de su obra Volumen 2 & 3 (Ayuí / Tacuabé tm15-16 cd)

Legado[editar | editar a fonte]

Varios centros de ensino levan o seu nome: o liceo departamental de Minas (Instituto Eduardo Fabini), o liceo de Solís de Mataojo (Berce de Fabini)[3] e a escola de música Nº 6 da cidade de Rivera[4]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. R. Viñoly Barreto (marzo 1937). Boletín Latino-Americano de Música. Año III, Tomo III, p. 113.
  2. Samuel J.A. Salas, Pedro I. Pauletto, Pedro J.S. Salas (1938). Historia de la Música. Segundo volumen: América Latina. Buenos Aires: Editorial José Joaquín de Araujo. p. 114. 
  3. [1] Arquivado 29 de xuño de 2012 en Archive.is Páxina do Centro de Educación Secundaria
  4. [2] Arquivado 14 de febreiro de 2014 en Wayback Machine. Páxina do Consejo de Educación Inicial y Primaria - Escuelas de música

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]