Edicto do Bierzo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O denominado Edicto do Bierzo é unha placa de bronce de forma rectangular cun anel na parte superior, gravada con varios círculos concéntricos, encontrada en 1998 nun castro próximo á localidade berciana de Bembibre, por J. A. Balboa, que así mesmo dou a luz a edición príncipe. O documento é denominado tamén Téssera de Bembibre e Edicto de Augusto.

Medidas: 24,4 x 15,3 x 0,2. Letras: 0, 65.

A placa datada no ano 15 a.C., é o documento escrito máis antigo que se coñece sobre os ástures. Neste documento está implícita unha descrición da organización social e política de certos populi ástures e galaicos.

Na actualidade consérvase no museo de León.

Texto da placa[editar | editar a fonte]

A lectura do texto establecida por Géza Alföldy e aceitada pola maioría dos investigadores é a seguinte:

Imp(erator) · Caesar · Divi · fil(ius) · Aug(ustus) · trib(unicia) · pot(estate) ·
VIIII · et · pro·co(n)s(ule) · dicit · Castellanos · Paemeiobrigenses · ex ·
gente · Susarrorum· desciscentibus ·
ceteris · permansisse · in officio · cog
novi · ex omnibus · legatis · meis · qui ·
Transdurianae · provinciae · prae/fuerunt · itaque · eos · universos · im
munitate · perpetua · dono · quosq(ue)
agros · et quibus · finibus · possede
runt · Lucio · Sestio · Quirinale leg(ato) ·
meo · eam · provinciam · optinente{m} ·
eos · agros · sine · controversia · possi
dere · iubeo
Castellanis · Paemeiobrigensibus · ex
gente · Susarrorum · quibus · ante · ea ·
immunitatem · omnium · rerum · dede
ram · eorum · loco · restituo castellanos
Aiiobrigiaecinos · ex gente · Gigurro
rum · volente · ipsa · civitate · eosque
castellanos · Aiiobrigiaecinos · om
ni · munere · fungi · iubeo · cum ·
Susarris ·
Actum · Narbone · Martio ·
XVI · et · XV · k(alendas) · Martias · M(arco) · Druso · Li
bone · Lucio · Calpurnio · Pisone
co(n)s(ulibus)»

Tradución do texto[editar | editar a fonte]

O mesmo Alföldy facilitou unha tradución en alemán e castelán da que arranxamos a galega:

O emperador César Augusto, fillo do divino, na súa oitava potestade tribunicia e procónsul, di: Souben por todos os meus legados que estiveron a cargo da provincia Transduriana, que os "castellani" Paemeiobrigenses, da gens dos Susarros, se mantiveron obedientes, mentres que os demais facían defección. Polo tanto, recompénsoos a todos eles con inmunidade perpetua; e ordeno, que posúan, sen controversia, aqueles campos e con aqueles límites que posuían cando o meu legado Lucio Sestio Quirinal gobernou esta provincia.

Aos "castellani" Paemeiobrigenses, da gens dos Susarros, aos que antes concedín a inmunidade total, asócioos de novo cos "castellani" Aiiobrigiaecini, da gens dos Gigurri, co consentimento da propia comunidade; e ordeno que os "castellani" Aiiobrigiaecini cumpran todos os deberes xunto cos Susarros.

Decidido en Narbona Martio os días 16 e 15 antes de kalendas de marzo (esta data corresponde aos días 14 e 15 de febreiro), sendo cónsules Marco Druso Libón e Lucio Calpurnio Pisón (este consulado corresponde a 15 a.C.)

Comentario[editar | editar a fonte]

Á parte de diversas controversias (algunhas sobre a súa autenticidade, rexeitadas pola autoridade de Géza Alföldy), suscita certas cuestións:

  • A existencia dunha provincia hispana ata agora descoñecida: a Transduriana, e de límites imprecisos, aínda que o río Douro, antigo Durius, parece marcalo polo Sur.
  • Fálase dunha defección, unha probábel rebelión, entre os ástures, que debe aludir a movementos últimos contra a imposición da autoridade romana, nos anos inmediatos ás Guerras contra cántabros e ástures, librada con presenza persoal do mesmo Augusto.
  • Colíxese que son castigados os gigurri, un pobo prerromano, cuxo territorio corresponde á actual comarca do Valdeorras, na zona oriental da provincia de Ourense, de xeito que unha das súas divisións menores os castellani (habitantes dun castelo ou castro) Aiiobrigaecinos (o xentilicio deses castrexos) pasen a axudar no pago dos impostos aos "castellani" Pameiobrigenses (é dicir do castro de Pameiobriga, que se identifica polos expertos co nome de Bembibre), do pobo dos Susarros, evidentemente localizado no Bierzo.

Como os Aiiobrigaecinos son identificados como citados tamén na Téssera do Caurel, o Edito do Bierzo, abre o problema de cal era a verdadeira extensión do territorio dos gigurri, talvez maior cara o Norte do que é o actual Valdeorras.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • F.-Javier Sánchez-Palencia, Julio Mangas (coords.), El Edicto del Bierzo. Augusto y el Noroeste de Hispania (2000). Ponferrada - ISBN 84-607-1964-2

Outros artigos[editar | editar a fonte]