Edfu

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:Xeografía políticaEdfu
إدفو (ar) Editar o valor em Wikidata
Imaxe

Localización
Mapa
 24°58′41″N 32°52′44″L / 24.9781, 32.8789Coordenadas: 24°58′41″N 32°52′44″L / 24.9781, 32.8789
EstadoExipto
GobernaciónAssuão (pt) Traducir
Markas of Egypt (en) TraducirEdfu (en) Traducir Editar o valor em Wikidata
Poboación
Poboación133.772 (2012) Editar o valor em Wikidata
Xeografía
Bañado porNilo Editar o valor em Wikidata
Altitude86 m-90 m Editar o valor em Wikidata
Identificador descritivo
Fuso horario

Plano e reconstrución do primeiro pilono do templo de Horus.

Edfu ou Idfu é unha cidade de Exipto, antiga capital dun nomo do Alto Exipto. Os gregos coñecíana como Apollinópolis Magna e é famosa sobre todo polo templo de Horus. Era un lugar sagrado de grande importancia pois dicíase que alí o deus falcón Horus librara un feroz combate co seu tío Seth, quen tamén asasinara ao seu pai Osiris.

O templo de Horus permaneceu enterrado baixo a area durante case 2000 anos, o que permitiu que chegase até hoxe nun bo estado de conservación. Trátase do templo arquetípico exipcio, cunha sucesión de recintos cada vez máis pequenos e escuros en progresión gradual e simbólica cara a escuridade do santuario. É o templo tolemaico máis grande e mellor conservado e unha boa réplica de templos máis antigos. En tamaño é o segundo despois do de Karnak. A decoración é exclusivamente relixiosa e mitolóxica.

A construción comezou en 237 a.C. sobre un santuario anterior moi antigo, existente aínda en tempos de Thutmose III. O naos, parte do pronao e toda a parte norte construíronse en tempos de Tolomeo IV Filopátor; as obras duraron 180 anos e remataron o 5 de decembro de 57 a.C..

O templo oriéntase cara ao sur e ten 137 metros de longo. O muro que o arrodea únese a el á altura da entrada, deixando un paso reducido. O primeiro pilono, de 36 metros de altura, está decorado con escenas que mostran a Tolomeo XII Neo Dioniso derrotando aos seus inimigos en presenza de Hathor e de Horus. As dúas torres do pilono están divididas en catro andares con cámaras iluminadas por aberturas estreitas. Van precedidas de dous falcóns de granito negro.

Pilono desde o interior do patio
Estatua do deus falcón Horus

O patio está rodeado por unha columnata en tres dos lados. Os capiteis son diferentes en cada columna mais correspóndense cos do lado oposto. Xusto antes da entrada ao pronao ou primeira sala hipóstila atópase unha famosa estatua do falcón Horus, coa cabeza cuberta por unha dobre coroa. As dúas pequenas cámaras laterais servían para a purificación dos sacerdotes antes dos ritos e como biblioteca, co catálogo de libros litúrxicos inscrito nas paredes.

A segunda sala hipóstila, máis pequena, ten un teito sustentado por doce columnas. Nas cámaras dos lados gardábanse as ofrendas dos deuses antes de seren levadas á sala das ofrendas; unha era para "ofrendas secas" e outra para "ofrendas líquidas"; outra cámara era un laboratorio e as fórmulas utilizadas tamén están nas paredes. Desde a sala das ofrendas, a continuación desta segunda sala hipóstila, unha escalinata leva ás terrazas. Os muros da escalinata están decorados con escenas da festa de Aninovo, cando a estatua dos deuses tutelares dos templos se sacaban para que o sol as revitalizase.

A sala central conta con dez cámaras que se abren en torno ao santuario e cada unha ten un nome gravado no exterior do templo. Tres delas constitúen o templo dedicado a Osiris, outra estaba dedicada a Osiris morto (Sokar ou Khentamendi), outra a Hathor, outras dúas a Khonsu, e outra a Ra e á tríade vingadora de Menhyt, Nekhbet e Neftis. Nunha destas capelas atópase unha réplica da barca sagrada de Horus.

O santuario de Horus ten un altar de granito negro, un monólito de catro metros de altura. No muro externo aparece a lista dos nomos do Alto e Baixo Exipto.

Mammisi

Ao sur atópanse os restos da casa do nacemento de Horus ou mamisi, o lugar no que se celebraba a festa da Coroación, ritual que celebraba o nacemento de Horus e a súa encarnación como faraón reinante. A construción consta dun vestíbulo flanqueado por dous pequenos recintos e un santuario, arrodeado todo por un perístilo. Os capitais dos piares do pórtico son todos diferentes e rematan en dados decorados con cabezas de Bes, divindade ligada ao parto. No interior as escenas mostran o nacemento de Horus, aleitado por Hathor e Dandara.