Edícula

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Debuxo dunha edícula.

Unha edícula (do latín, aedĭcŭla[1], en plural, aedĭcŭlae) é unha construción pequena empregada como remate doutra, ou un templete que pode servir como tabernáculo ou relicario, entre outras finalidades. É un diminutivo de aedis ou aedes[2], que significa templo. Aparecen tanto na arquitectura clásica coma na gótica.

Orixe[editar | editar a fonte]

Fachada da Biblioteca de Celso.
Edícula nunha casa de Herculano.

Moitas edículas foron santuarios caseiros con pequenos altares ou estatuas dos Lares e Penates. Os deuses Lares eran deidades romanas que protexían a casa e o fogar. Os Penates foron en orixe deuses tutelares, con anterioridade xenios da despensa, converténdose logo en deuses domésticos que gardaban a totalidade da casa e aos cales daba culto a xentilidade.

Outras eran pequenos santuarios dentro de templos máis grandes, normalmente situados sobre un pedestal ou base, e superados por un frontón e rodeado de columnas. Na arquitectura romana as edículas tiñan esta función representativa na sociedade. Instalábanse en edificios públicos como arcos triunfais, portas municipais ou nas termas. A biblioteca de Celso en Éfeso (século II) é un bo exemplo.

Pequenos templetes semellantes, chamados naiskos atopábanse na relixión grega, de uso estritamente relixioso. Anubis, deus da mitoloxía exipcia, é representado a miúdo velando sobre unha tumba simbolizada por unha edícula.

Usos posteriores[editar | editar a fonte]

Ás veces trátase unha fiestra ou unha fornela cunha estrutura de edícula, nunha sección de parede coma se fose un edificio, ás veces con columnas ou pilastra flanqueando o van, que apoian unha arquitrabe ou frontón ou unha bóveda de aresta arqueada.

Na arquitectura cristiá, a forma tectónica tridimensional dun baldaquino, sobrevoando un altar, pode chamarse ciborio, un dos varios usos dese termo. Na Idade Media, estas construcións en miniatura con personaxes esculpidos decoraban os portais e as galerías superiores das igrexas medievais. Edículas pintadas enmarcan figuras da historia sagrada nas letras capitais dos manuscritos ilustrados.

No século XVIII, en urbanismo e arte de xardíns, as edículas eran construcións colocadas en parques e prazas, máis pechados que os pavillóns e os quioscos e de inspiración antiga. Marcos con forma de edícula, tallados e dourados, son un dos recursos favoritos dos marcos de espello palladianos de Inglaterra de finais dos anos 1720 ata os anos 1740, obra de deseñadores tales como William Kent.

Os edículos existen actualmente en cemiterios romanos como parte da súa arquitectura funeraria. Dende o século XIX, en urbanismo, úsanse edículas como pequenas construcións dentro do espazo público, como por exemplo quioscos de prensa ou saídas de metro. Vólvese a atopar unha asociación con estatuas como as fontes Wallace. Son célebres as «edículas Guimard» de estilo modernista, realizados por Hector Guimard, que adornan numerosas estacións do metro de París.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Adkins, Lesley & Adkins, Roy A. (1996). Dictionary of Roman Religion. Facts on File, inc. ISBN 0-8160-3005-7.