Economía de escala

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
A medida que a cantidade de produción aumenta desde Q até Q2,o custo medio de cada unidade decrece dende C até C1.

En microeconomía, enténdese por economía de escala[1] as vantaxes en termos de custos que unha empresa obtén grazas á expansión. Existen factores que fan que o custo medio dun produto por unidade caia a medida que a escala da produción aumenta. O concepto de "economías de escala" serve para o longo prazo e fai referencia ás reducións no custo unitario a medida que o tamaño dunha instalación e os niveis de utilización de inputs aumentan.[2] Fronte o concepto anterior, as deseconomías de escala son o contrario.

As fontes habituais de economías de escala son o inventario (compra a grande escala de materiais a través de contratos a longo prazo), de xestión (aumentando a especialización dos xestores), financeira (obtendo custos de xuro menores no financiamento dos bancos), mercadotecnia e tecnolóxicas (beneficiándose dos rendementos de escala na función de produción). Cada un destes factores reduce o custo medio a longo prazo da produción ao desprazar a curva de custo medio a curto prazo abaixo e cara a dereita. As economías de escala tamén se derivan, parcialmente, do proceso de learning by doing.

O concepto de economías de escala é útil á hora de explicar fenómenos do mundo real como os padróns de comercio internacional ou o número de empresas nun mercado. As economías de escala tamén xogan un importante rol no "monopolio natural" (empresa que goza de economías de escala para todos os tamaños razoábeis da empresa).

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Termo en galego recomendado polo Servizo de Normalización Lingüística da USC
  2. Sullivan, Arthur; Steven M. Sheffrin (2022). Economics. Paramus, New Jersey: Savvas Learning Company. p. 157. ISBN 0-13-063085-3. Arquivado dende o orixinal o 20 de decembro de 2016. Consultado o 04 de xaneiro de 2015.