Ebolavirus

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Este artigo trata sobre o xénero vírico. Para a especie causante da epidemia de 2014 ver virus Ebola. Para a enfermidade ver febre hemorráxica do Ebola.
Genus Ebolavirus
Clasificación científica
Grupo: V (Virus ARN monocatenario negativo)
Orde: Mononegavirales
Familia: Filoviridae
Xénero: ''Ebolavirus''
Especie tipo
'Ebolavirus Zaire'
Especies

Ebolavirus Bundibugyo
Ebolavirus Reston
Ebolavirus Sudán
Ebolavirus Bosque Taï
Ebolavirus Zaire

Ebolavirus é un xénero de virus que o Comité Internacional de Taxonomía de Virus (ICTV polas súas siglas en inglés) inclúe na familia Filoviridae.[1] As especies deste xénero denomínanse ebolavirus,[1] e coñécense cinco. Catro destas especies poden causar a enfermidade do virus Ebola en humanos, que é un tipo de febre hemorráxica. As cinco especies recoñecidas polo ICTV son: Ebolavirus Bundibugyo, Ebolavirus Reston, Ebolavirus Sudán, Ebolavirus Bosque Taï (inicialmente chamado Ebolavirus Côte d'Ivoire) e Ebolavirus Zaire, este último chamado ás veces, simplemente, "virus Ebola".

O nome Ebolavirus deriva do río Ebola (ás veces ortografado Ébola) da República Democrática do Congo (antes Zaire), onde foi descuberto, e o sufixo taxonómico de xénero -virus.[1] O xénero foi introducido en 1998 coa denominación "virus de tipo Ébola" ("Ebola-like viruses"). [2] En 2002 o nome cambiouse a Ebolavirus[3] e en 2010, o xénero foi emendado.[1]

Notas taxonómicas[editar | editar a fonte]

Segundo as normas de nomenclatura do ICTV, o nome Ebolavirus debe empezar con maiúscula e ir en cursiva, sen abreviar e precedido da palabra "genus". Os nomes dos seus membros (os ebolavirus) escríbense en minúscula e sen cursiva e sen artigo.[1]

Criterios de inclusión do xénero[editar | editar a fonte]

Un virus da familia Filoviridae é membro do xénero Ebolavirus se cumpre os seguintes criterios:[1]

  • o seu xenoma ten varios solapamentos de xenes;
  • o seu cuarto xene (GP) codifica catro proteínas (sGP, ssGP, Δ-péptido, e GP1,2) utilizando unha edición cotranscricional para expresar ssGP e GP1,2 e unha clivaxe ou corte proteolítico para expresar sGP e o Δ-péptido;
  • o pico de infectividade destes virións está asociado con partículas de ≈805 nm de lonxitude;
  • o seu xenoma difire en nucleótidos do que ten o virus Marburg en ≥50% e do do virus Ebola en <50%;
  • os seus virións non mostran case ningunha reactividade antixénica cruzada cos virións de marburgvirus.

Clasificación[editar | editar a fonte]

Micrografía electrónica dun virión de virus Ebola.
Árbore filoxenética que compara Ebolavirus e Marburgvirus. Os número indican a porcentaxe de confianza das ramas.

Os xéneros Ebolavirus e Marburgvirus comprenden especies que inicialmente foron clasificadas no xénero, hoxe obsoleto, Filovirus. En 1998, o Subcomité de Virus de Vertebrados propuxo no ICTV cambiar o xénero Filovirus á familia Filoviridae dividíndoo en dous xéneros específicos: virus de tipo Ebola (Ebola-like viruses) e virus de tipo Marburg (Marburg-like viruses). Esta proposta foi aplicada na sesión de Washington, D.C. en 2001 e en Paris en 2002. En 2000, fíxose outra proposta en Washington, D.C., para que se cambiase a denominación "virus tipo..." ("-like viruses") a "-virus", o que deu como resultado os nomes de xéneros actuais Ebolavirus e Marburgvirus.[4][5]

As cinco especies caracterizadas de ebolavirus son:

Ebolavirus Zaire (Zaire ebolavirus) (ZEBOV, EBOV)
Tamén chamado simplemente virus Zaire, ZEBOV ou virus Ebola, que ten a maior taxa de mortalidade, de ata o 90% nalgunhas epidemias, cunha media do 83% nos últimos 27 anos. Houbo máis estalidos epidémicos do ebolavirus Zaire que de calquera das outras especies. O primeiro ocorreu en 1976 en Yambuku.[6] Os síntomas lembraban aos da malaria, e aos pacientes se lles deu quinina. A tansmisión foi atribuída á reutilización de agullas non esterilizadas e a un contacto persoal estreito.
Ebolavirus Sudán (Sudan ebolavirus) (SEBOV, SUDV)
Igual que o virus Zaire, o SEBOV apareceu en 1976, e ao principio pensouse que era identico á especie Zaire.[7] O SEBOV crese que empezou en traballadores dunha fábrica de algodón en Nzara, Sudán (hoxe en Sudán do Sur), e o primeiro caso foi o dun traballador exposto a un reservorio natural potencial. Os científicos examinaron os insectos e outros animais locais, mais ningún deu positivo para o virus. O portador aínda é descoñecido. A falta de barreiras contra o contaxio durante a atención médica (ou "illamento de camas") facilitou o espallamento da enfermidade. O estalido máis recente ocorreu en 2004. Confirmáronse 20 casos en Yambio, Sudán, dos que cinco morreron. As taxas medias de mortalidade da infección por SEBOV foron o 54% en 1976, o 68% en 1979, e o 53% en 2000 e 2001.
Ebolavirus Reston (Reston ebolavirus) (REBOV, RESTV)
Este virus descubriuse durante o estalido epidémico do virus da febre hemorráxica de simios (SHFV) en macacos cangrexeiros que tiñan os Hazleton Laboratories (hoxe Covance) en Reston, Virxinia, EUA en 1989. Desde o estalido inicial en Virxinia, volveuse a dar en primates non humanos en Pennsylvania, Texas, e Siena, Italia. En todos os casos, os animais afectados foran importados dunha instalación de Filipinas.[8] Posteriormente, en Filipinas o virus tamén afectou a porcos.[9] Malia a súa consideración como organismo de Nivel 4 de bioseguridade e a súa aparente patoxenicidade en monos, o REBOV non causou a enfermidade en ningún dos humanos expostos nos laboratorios.[10]
Ebolavirus Bosque Taï (Taï Forest ebolavirus) (CIEBOV, TAFV)
Antes denominado Côte d'Ivoire ebolavirus, descubriuse nos chimpancés do bosque Taï de Costa do Marfil, África, en 1994. As autopsias mostraron que o sangue no corazón tiña cor castaña; non había signos evidentes nos órganos; e nunha das necropsias os pulmóns estaban cheos de sangue. Os estudos dos tecidos extraídos dos chimpancés mostraron resultados similares aos dos casos humanos do brote de Ebola de 1976 en Zaire e Sudán. A medida que se atoparon máis chimpancés mortos, moitos deron positivo para o Ebola utilizando técnicas moleculares. A fonte dos virus crese que foi a carne de monos colobos occidentais infectados (Procolobus badius) que os chimpancés depredaron. Unha das científicas que realizaron as autopsias dos chimpancés infectados contraeu o Ebola, e desenvolveu síntomas similares aos do dengue aproximadamente unha semana despois de que realizase a autopsia, tardou en curar seis semanas desde a infección, das cales dúas foron de hospitalización.[11]
Ebolavirus Bundibugyo (Bundibugyo ebolavirus) (BEBOV, BDBV)
En 2007, confirmouse un estalido epidémico de Ebola no distrito de Bundibugyo en Uganda. A Organización Mundial da Saúde confirmou a presenza desta nova especie unha vez que se realizaron probas ás mostras nos Laboratorios de Referencia Nacionais dos Estadsos Unidos e nos CDC. En 2008, anunciouse o fin da epidemia en Bundibugyo.[12] Un estudo epidemiolóxico realizado pola OMS e o ministerio ugandés de Sanidade determinou que houbera 116 casos confirmados e probables da nova especie de Ebola, e que a taxa de mortalidade fora do 34% (39 falecidos).[13]

Evolución[editar | editar a fonte]

A velocidade de cambio xenético nestes virus é cen veces menor que no virus da influenza A en humanos, pero da mesma magnitude que a do virus da hepatite B. Facendo unha extrapolación cara ao pasado utilizando estas velocidades vese que o Ebolavirus e Marburgvirus diverxeron hai varios miles de anos.[14] Porén, os paleovirus (fósiles xenómicos) de filovirus (Filoviridae) encontrados en mamíferos indican que esta familia ten unha antigüidade de polo menos dez millóns de anos.[15]

Organización do xénero[editar | editar a fonte]

Un xénero pode conter varias especies; neste caso contén cinco. Unha "especie" vírica pode conter varios "virus"; neste caso cada unha das especies contén un só virus.

Xénero Ebolavirus: especies e virus
Nome da especie Nome do virus (abreviación)
Ebolavirus Bundibugyo Virus Bundibugyo (BDBV; antes BEBOV)
Ebolavirus Reston Virus Reston (RESTV; antes REBOV)
Ebolavirus Sudán Virus Sudán (SUDV; antes SEBOV)
Ebolavirus Bosque Taï Virus Bosque Taï (TAFV; antes CIEBOV)
Ebolavirus Zaire (especie tipo) Virus Ebola (EBOV; antes ZEBOV)

Investigacións[editar | editar a fonte]

Un estudo de 2013 illou anticorpos de morcegos da froita en Bangladesh específicos contra os virus Ebola Zaire e Reston, identificando así potenciais hóspedes víricos e signos da presenza de filovirus en Asia.[16]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 Kuhn, J. H.; Becker, S.; Ebihara, H.; Geisbert, T. W.; Johnson, K. M.; Kawaoka, Y.; Lipkin, W. I.; Negredo, A. I.; Netesov, S. V.; Nichol, S. T.; Palacios, G.; Peters, C. J.; Tenorio, A.; Volchkov, V. E.; Jahrling, P. B. (2010). "Proposal for a revised taxonomy of the family Filoviridae: Classification, names of taxa and viruses, and virus abbreviations". Archives of Virology 155 (12): 2083–2103. doi:10.1007/s00705-010-0814-x. PMC 3074192. PMID 21046175.
  2. Pringle, C. R. (1998). "Virus taxonomy-San Diego 1998". Archives of Virology 143 (7): 1449–59. DOI:10.1007/s007050050389. PMID 9742051.
  3. Mayo, M. A. (2002). "ICTV at the Paris ICV: results of the plenary session and the binomial ballot". Archives of Virology 147 (11): 2254–60. DOI:10.1007/s007050200052.
  4. Büchen-Osmond, Cornelia (2006-04-25). "ICTVdB Virus Description – 01.025.0.02. Ebolavirus". International Committee on Taxonomy of Viruses. http://www.ncbi.nlm.nih.gov/ICTVdb/ICTVdB/01.025.0.02.htm. Consultado o 2009-06-02.
  5. ICTV cambios de nome dos ebolavirus ebolavirus
  6. Isaacson, M; Sureau, P; Courteille, G; Pattyn, SR;. Clinical Aspects of Ebola Virus Disease at the Ngaliema Hospital, Kinshasa, Zaire, 1976. http://www.itg.be/ebola/ebola-12.htm. Consultado o 2009-07-08.
  7. Feldmann, H.; Geisbert, T. W. (2011). "Ebola haemorrhagic fever". The Lancet 377 (9768): 849–862. doi:10.1016/S0140-6736(10)60667-8. PMID 21084112.
  8. Special Pathogens Branch CDC (2008-01-14). "Known Cases and Outbreaks of Ebola Hemorrhagic Fever". Center for Disease Control and Prevention. http://www.cdc.gov/ncidod/dvrd/spb/mnpages/dispages/ebola/ebolatable.htm. Consultado o 2008-08-02.
  9. McNeil Jr, Donald G. (2009-01-24). "Pig-to-Human Ebola Case Suspected in Philippines". New York Times. http://www.nytimes.com/2009/01/24/health/24ebola.html. Consultado o 2009-01-26.
  10. McCormick e Fisher-Hoch, 1999, p. 300
  11. Waterman, Tara (1999). Ebola Cote D'Ivoire Outbreaks. Stanford University. http://virus.stanford.edu/filo/eboci.html. Consultado o 2009-05-30.
  12. "End of Ebola outbreak in Uganda". World Health Organization. 2008-02-20. http://www.who.int/csr/don/2007_02_20b/en/index.html.
  13. Wamala, J; Lukwago, L; Malimbo, M; Nguku, P; Yoti, Z; Musenero, M; Amone, J; Mbabazi, W; Nanyunja, M; Zaramba, S; Opio, A; Lutwama, J; Talisuna, A; Okware, I; (2010). "Ebola Hemorrhagic Fever Associated with Novel Virus Strain, Uganda, 2007–2008". Emerging Infectious Disease 16 (7). http://www.cdc.gov/eid/content/16/7/1087.htm. Consultado o 2010-06-24.
  14. Suzuki, Y; Gojobori (1997). "The origin and evolution of Ebola and Marburg viruses". Molecular Biology and Evolution 14 (8): 800–6. PMID 9254917.
  15. Taylor, D.; Leach, R.; Bruenn, J. (2010). "Filoviruses are ancient and integrated into mammalian genomes". BMC Evolutionary Biology 10: 193. doi:10.1186/1471-2148-10-193. PMC 2906475. PMID 20569424.
  16. Kevin J. Olival, Ariful Islam, Meng Yu, Simon J. Anthony, Jonathan H. Epstein, Shahneaz Ali Khan, Salah Uddin Khan, Gary Crameri, Lin-Fa Wang, W. Ian Lipkin, Stephen P. Luby, and Peter Daszak (2013). "Ebola Virus Antibodies in Fruit Bats, Bangladesh". Emerging Infectious Disease (CDC) 19 (2). DOI:10.3201/eid1902.120524. http://wwwnc.cdc.gov/eid/article/19/2/12-0524_article.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Ebolavirus