Eau Rouge

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Curva de Eau Rouge en 1997.
Curva de Eau Rouge desde o Raidillon.
Curva de Eau Rouge no inverno.

A curva de Eau Rouge é unha ardua curva de alta velocidade na forma esquerda-dereita-esquerda no Circuíto de Spa-Francorchamps en Bélxica, e é amplamente recoñecida como unha das mellores curvas de calquera circuíto no mundo.

Características[editar | editar a fonte]

Situada á altura na que a pista atravesa a corrente do río Eau Rouge por primeira vez, aparece logo dunha baixada que segue ao xiro da primeira curva. Os coches de Fórmula 1 poden chegar a acadar velocidades de ata 320 km/h ao pasar o punto máis baixo. Estritamente falando, a curva Eau Rouge é unicamente a curva a esquerdas da parte inferior. A seguinte curva a dereitas que apunta cara á subida foi introducida en 1939 para atallar a curva orixinal "Ancienne Douane", chamada Raidillon (fr:Raidillon de l'Eau Rouge).

Tal e como a describe Fernando Alonso:

"Entras na baixada da curva, tes un repentino cambio de dirección na parte máis baixa e entón hai unha abrupta subida. Desde o cockpit non se pode ver a saída, e conforme vas subindo non sabes onde vas aterrar. É unha curva crucial para o tempo da volta, e tamén na carreira, porque hai unha longa subida que a segue onde se pode perder moito tempo se cometes un erro. Pero tamén é unha curva importante para as sensacións do piloto. Xera sensacións especiais en cada volta, porque tamén se comprime todo o corpo cando pasas polo punto máis baixo da curva. É moi estraño, pero tamén moi divertido".

A curva require moita pericia no piloto para negociala correctamente, e a longa recta que a segue a miúdo ofrece boas oportunidades aos mellores pilotos para adiantar na curva de Les Combes.

Eau Rouge cobrouse varias vítimas ao longo dos anos, incluíndo Stefan Bellof nun Porsche, e tamén provocou espectaculares saídas de pista de Alex Zanardi en 1993 e de Jacques Villeneuve, ao que describiu como "o mellor accidente que tivera", e ao que seguiu un accidente similar do seu compañeiro de equipo Ricardo Zonta.

Logo das mortes de Roland Ratzenberger e Ayrton Senna en Imola en 1994, as seguintes carreiras de Fórmula 1 viron como se introducían chicanes feitas con rodas apiladas. A entrada a Eau Rouge foi obstruida dese xeito en 1994, aínda que se recuperou o trazado orixinal ao seguinte ano. A curva foi lixeiramente modificada no ano 2002, aínda que aínda mantén todo o seu carácter.