EVO Banco

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
EVO Banco
Logo
Tipobanco e negocio
Data de fundación2013
SedeMadrid
EnMadrid
PaísEspaña
Na rede
http://www.evobanco.com
Facebook: EVObanco Twitter: evobanco Instagram: evobanco Youtube: UCzxBY4ULvDsfvaz9mPADgfw Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]
Sede de EVO Banco na Coruña no edificio histórico de Caixa Galicia.

EVO Banco é unha entidade financeira española que foi creada por NCG Banco, S.A. o 12 de marzo de 2012 como marca comercial para operar financeiramente en España fóra do ámbito do negocio de NCG Banco.[1]

Dende 2014 é propiedade do fondo de investimento estadounidense Apollo Global Management, LLC.[2]

Historia[editar | editar a fonte]

Logo de EVO Banco.

Creación[editar | editar a fonte]

A creación desta marca comercial foi unha das consecuencias dunha serie de cambios na estrutura da súa matriz, NCG Banco.

En 2010, as caixas de aforros galegas Caixa Galicia e Caixanova emprenderon un proceso de fusión que tivo como resultado a cesión de todos os activos das dúas antigas entidades a unha nova caixa, a cal recibiu o nome de Novacaixagalicia. Todas as oficinas das dúas antigas caixas pasaron a cambiar o seu logotipo e a súa marca comercial polo da nova resultante.

Porén, tan só un ano despois, en 2011, Novacaixagalicia decidiu, en consonancia coa reestruturación do sistema bancario en España, ceder todos os seus activos, oficinas e carteira de clientes a unha entidade bancaria denominada NCG Banco, S.A., da cal a caixa se converteu na propietaria única.

No novo banco, decidiuse crear unha marca comercial para os territorios de influencia tradicional da entidade, en especial Galicia, centrada nun tratamento de proximidade e focalizada na sociedade galega e no seu territorio, chamada Novagalicia Banco, polo que, para operar no resto do país, NCG Banco decidiu crear unha marca por separado, nacendo a denominación EVO Banco o 12 de marzo de 2012. Nesta data comezou a operar fóra de Galicia.[3] Nas súas primeiras catro semanas de andaina, EVO captou 8.290 clientes e 70 millóns de euros. Todas as oficinas situadas en territorios onde se abandonou a marca Novagalicia Banco cambiaron de novo a súa rotulación e imaxe corporativa en favor da nova marca.[4]

O 30 de setembro de 2011, debido aos problemas financeiros e económicos que carreaba NCG Banco, herdados das antigas Caixa Galicia e Caixanova, o Estado, a través do Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria (FROB), nacionalizou a entidade.[5]

Adquisición por parte de Apollo Global Management, LLC[editar | editar a fonte]

Tras da nacionalización de NCG Banco, o negocio bancario de EVO Banco, así como o de Novagalicia Banco, encontrábanse á espera de seren poxados a un novo propietario.

O proceso de privatización de EVO Banco estivo marcado polo prego de termos asinado por NCG Banco e as autoridades españolas e europeas, co prazo límite de 31 de decembro de 2014 para formalizar a venda.[6]

O 20 de xuño de 2013, o consello de administración de NCG Banco aprobou a selección de cinco grupos de investidores e entidades interesadas en adquirir EVO Banco para iniciar a fase final do seu proceso de venda.[7]

O 7 de agosto de 2013 anunciouse a intención de EVO Banco de unificar a súa oferta comercial para ser unha entidade totalmente independente absorbendo aos antigos clientes de Novagalicia Banco para acelerar a súa venda, xa que os clientes de EVO Banco continuaban sendo clientes, polo menos de feito, de Novagalicia Banco.[8]

O 9 de setembro de 2013, NCG Banco anunciou á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV) a venda do 100 % das oficinas de EVO Banco por parte de NCG Banco ao fondo estadounidense Apollo Management por 60 millóns de euros.[9]

O 8 de outubro de 2013, EVO Banco comezou a súa andaina en solitario. Rexistrou o seu nome propio e o seu domicilio social na Coruña (na propia sede central de NCG Banco) como empresa independente. Dispón dun consello de administración propio e nace cun capital social de 18 millóns de euros. O único administrador é NCG Banco até que a finais de decembro o fondo estadounidense Apollo tome as rendas definitivamente. Polo tanto, estes movementos teñen carácter provisional até que Apollo tome o mando e tome as decisións oportunas (sede social, ampliación de capital, novo consello...).[10] La Voz de Galicia. 16-10-2013.[11]

Espérase que tanto a sede social definitiva como o seu domicilio fiscal estean en Madrid, polo que continuará supervisado polo Banco de España.[12]

O 18 de outubro 2013, EVO Banco foi inscrito no Rexistro Especial de Bancos e Banqueiros do Banco de España co número de codificación 0239.[13] A partir do 9 de decembro, EVO Banco opera xa como entidade independente. Polo tanto, os clientes de EVO que tamén o sexan de Novagalicia Banco serán clientes de dous bancos diferentes.[14]

Política comercial[editar | editar a fonte]

A política comercial de EVO Banco baséase nunha combinación da comodidade dun banco on-line coa proximidade e profesionalidade dunha rede de oficinas. O seu principal produto é a Cuenta Inteligente, remunerada e sen comisións.

Esta estratexia tivo grande éxito na captación de novos clientes, pero non tanto no mantemento dos antigos de Novacaixagalicia.[15]

Rede de oficinas[editar | editar a fonte]

A data de 30 de xuño de 2013, EVO Banco contaba cunha rede de 80 oficinas situadas nas principais cidades de España e con 250.000 clientes. O seu persoal constituíano 590 empregados. As súas oficinas teñen a peculiaridade de abrir todas elas tamén en horario de tarde.[14]

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]