EQUO Galicia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Ano fundación 2011
Ideoloxía Nacionalismo galego, esquerda, socialismo, ecoloxismo, anticapitalismo, asamblearismo, ecosocialismo, soberanismo, republicanismo, federalismo
Ámbito Galicia
Web do partido https://web.archive.org/web/20121014082634/http://equogalicia.proyectoequo.org/

EQUO Galicia intégrase na federación estatal española EQUO, nada en setembro de 2010 como fundación e convertida en partido político en outubro do 2011[1].

EQUO Galicia está impulsada por persoas provenientes de movementos ecoloxistas, organizacións sindicais e feministas, así coma do mundo da cultura e do movemento 15M[2]. Como todas as organizacións de cada comunidade autónoma federadas en EQUO, goza de soberanía no seu eido territorial.

Ideoloxía[editar | editar a fonte]

Os piares ideolóxicos de EQUO Galicia son a sostibilidade ambiental e a equidade social. Autodefínese como unha formación ecosocialista e asume o legado dos partidos verdes. Tamén pretende recoller a loita polas liberdades, a igualdade social e os dereitos dos traballadores e traballadoras.

Dentro do seu ideario tamén está o galeguismo, comprometéndose a traballar polo fortalecemento do sentimento de pobo diferenciado e a plena autonomía política, dentro dun proxecto federal multinacional de libre adhesión[2].

Historia[editar | editar a fonte]

EQUO Galicia abrolla no ano 2011, organizada a través de mesas provinciais de coordinación[3]. Nace como resposta a un modelo ambientalmente insostíbel e unha situación político-económica extrema.

Preséntanse coma un novo pulo para a rexeneración política, entendendo que esta só pode chegar a través da propia actuación política.

Eleccións xerais españolas do 2011[editar | editar a fonte]

EQUO Galicia apoiou a convocatoria de EQUO Federal e a candidatura de Juan López de Uralde á presidencia do goberno, acadando presentar lista en A Coruña, Ourense e Pontevedra. En Lugo non se puido formar por mor de non reunir as sinaturas precisas para se presentaren por esta provincia[4] (0,1% dos electores inscritos no censo electoral da circunscrición) impostas polo apartado 3 do artigo 169 da Lei Electoral para partidos, federacións ou coalicións que non contan con representación en ningunha das cámaras[5].

Aínda presentándose unicamente en tres provincias, EQUO foi a sexta forza política en Galicia nestas eleccións acadando o 0,61% dos votos (9.996), malia non acadar ningún escano[6].

Na provincia de Ourense foi o único partido que elixiu a dúas mulleres para encabezar as súas listas para o Congreso e o Senado[7].

Eleccións autonómicas galegas do 2012[editar | editar a fonte]

Para as eleccións do 21 de outubro de 2012, EQUO Galicia decide integrarse na coalición anticapitalista de nome Alternativa Galega de Esquerda. Xa desde que Xosé Manuel Beiras Torrado fixo pública a proposta dunha fronte ampla o 25 de xullo[8], a formación ecosocialista interesouse por esta iniciativa, evidenciando logo a súa dispoñibilidade[9] e concretando a súa entrada pouco despois de rexitrarse a coalición entre Esquerda Unida e Anova - Irmandade Nacionalista[10]. Nesta coalición tamén acabou por entrar o partido Espazo Ecosocialista Galego, logo de se escindir de Compromiso por Galicia para se achegar a Alternativa Galega de Esquerda[11].

Aínda que as listas desta coalición nas catro provincias galegas están lideradas polos dous partidos maioritarios (EU e Anova), EQUO Galicia incorporou a súa representación (A Coruña: n.º 10 e 23 dos titulares; Lugo: n.º 7 e 13 dos titulares; Ourense: n.º 10 e 12 dos titulares; Pontevedra: n.º 9 e 19 dos titulares)[12][13]. O proceso de conformación de listas de EQUO Galicia fíxose a través de catro asembleas provinciais extraordinarias celebradas o 15 de setembro de 2012 para afiliados e simpatizantes, aínda que previamente se abrira un proceso de votación on-line[14].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "EQUO federal". Arquivado dende o orixinal o 13 de setembro de 2012. Consultado o 29 de setembro de 2012. 
  2. 2,0 2,1 "Documento fundacional de EQUO Galicia". Arquivado dende o orixinal o 13 de setembro de 2012. Consultado o 29 de setembro de 2012. 
  3. "Equo se presenta en sociedad". La Voz de Galicia (en castelán). 2011-09-24. Consultado o 2022-09-03. 
  4. "Equo presenta más de 80.000 firmas para presentarse en 43 provincias". www.elmundo.es. Consultado o 2022-09-03. 
  5. Ley Orgánica 2/2011, de 28 de enero, por la que se modifica la Ley Orgánica 5/1985, de 19 de junio, del Régimen Electoral General BOE (en castelán).
  6. "Elecciones Generales 2011 - Congreso - Galicia". elecciones.mir.es. Arquivado dende o orixinal o 23 de decembro de 2019. Consultado o 2022-09-03. 
  7. "Equo, doble excepción". La Voz de Galicia (en castelán). 2011-10-30. Consultado o 2021-02-25. 
  8. "ANOVA Día da Patria 2012". Consultado o 2022-09-03. 
  9. http://www.lavozdegalicia.es/noticia/elecciones-gallegas-2012/2012/09/05/equo-quiere-sumarse-frente-amplio-propugnan-beiras-esquerda-unida-syriza-gallega-21-o/00031346855117718532506.htm?utm_source=buscavoz&utm_medium=buscavoz[Ligazón morta]
  10. "Equo se suma a la 'Syriza gallega' con Xosé Manuel Beiras e Izquierda Unida". www.elmundo.es (en castelán). Consultado o 2022-09-03. 
  11. "Ecogaleguistas deja Compromiso para unirse a Alternativa Galega". El País (en castelán). 2012-09-13. ISSN 1134-6582. Consultado o 2021-02-25. 
  12. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 04 de novembro de 2012. Consultado o 29 de setembro de 2012. 
  13. http://www.xunta.es/dog/Publicados/2012/20120919/AnuncioC3C1-180912-0003_gl.pdf
  14. http://equogalicia.proyectoequo.org/?p=289#comment-6[Ligazón morta]