Dulzaina

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Dulzaina

A dulzaina é un instrumento de vento de lingüeta dobre da familia do óboe (é o equivalente da bombarda bretoa). Ten forma cónica e uns 30 cm de lonxitude.

Orixes[editar | editar a fonte]

Os instrumentos precursores da dulzaina foron orixinarios de Mesopotamia deica o ano 3000 a C., onde había unha ampla diversidade de instrumentos moi parecidos. Todos estes instrumentos de vento e lingüeta foron englobados dentro do termo abub. Este foi o precursor dos seus sucesores aulos en Grecia e tibia en Roma. Todos teñen elementos comúns, como sección cónica e lingüeta; foron extensamente coñecidos en tódalas civilizacións antigas mediterráneas, até o punto de relegar ós instrumentos derivados da frauta a un segundo plano.

As veces estes instrumentos contaban con dous tubos, situados en ángulo pechado e unidos por un traveseiro, sendo un melódico e o outro de nota fixa ou bordón, coma a gaita e o propio aulos grego.

Este instrumento de vento da antigüidade estivo a punto de desaparecer nos albores da Idade Media, posto que as invasións nórdicas impuxeron os seus propios instrumentos. Polo que atangue ós de vento, preferían as trompas, motivo polo cal no século V extinguíronse moitos instrumentos de lingüeta, que tiveron que ser reimportados polos árabes cando penetraron tres séculos despois en España. Isto explica que durante un longo período de tempo, só se encontren dulzainas no sur, citadas nos textos con variantes arábigas do termo zolami, moi común nos escritos musicais de Al-Ándalus, a actual Andalucía.