Dryopteris affinis

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Dryopteris affinis
Dryopteris affinis
Dryopteris affinis
Clasificación científica
Reino: Plantae
División: Pteridophyta
Clase: Pteridopsida
Orde: Polypodiales
Familia: Dryopteridaceae
Xénero: 'Dryopteris'
Especie: ''D. affinis''
Nome binomial
''Dryopteris affinis''
(Lowe) Fraser-Jenk.

Dryopteris affinis (Lowe) Fraser-Jenk. ( sin. D. pseudomas (Wollaston) Holub & Pouzar , D. borreri Newm.), o fento macho escamoso ou falso fento macho, é un fento nativo do oeste e do sur de Europa e suroeste de Asia. É moi abondoso en áreas con alta humidade, nas Illas Británicas, Galiza, oeste de Francia; no Mediterráneo e no Cáucaso está confinado nas alturas. En Galiza atopamos a subespecie affinis.

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

O nome da especie affinis vén do latín: affinis, -e, afín, limítrofe.

Descrición[editar | editar a fonte]

Planta vivaz, cun rizoma curto e rexo do que agroman mestos fascículos de follas de 35-130 cm, persistentes durante o inverno, con lámina bipinnada e pecíolo da metade da lonxitude da lámina, densamente cuberto de escamas alongadas de cor castaña avermellada a castaña escura. Pinnulas sésiles, de lados paralelos case sen dentes e un chisco dentadas na parte distal. Soros recubertos por un indusio coa forma de ril. É unha especie resistente ao frío que forma un pulcro acio erecto de frondes de até 1,2 m de alto. As novas frondes son douradas por mor ás escamas douradas que ten o nervio central.

É un dos fentos máis estendido.

Hábitat e ecoloxía[editar | editar a fonte]

Medra xeralmente en noiros de bosques frescos e rochedos. Aparece en comunidades da Clase Querco - Fagetea, que están dominadas por meso e microfanerófitos, caducifolios ou marcescentes, que forman bosques, prebosques e formacións arbustivas de xerófilas a higrófilas. Son características o pradairo común Acer pseudoplatanus, Arum maculatum, Brachypodium sylvaticum, o castiñeiro común Castanea sativa, a abeleira Corylus avellana, Dryopteris dilatata, o fento macho común Dryopteris filix-mas, Euphorbia amygdaloides, Euphorbia dulcis, a faia Fagus sylvatica, o freixo de folla pequena Fraxinus excelsior, a hedra Hedera helix, Hyacinthoides non-scripta, Hypericum androsaemum, o acivro Ilex aquifolium, a herba salgueira Lonicera periclymenum, Melittis melisophyllum, Oxalis acetosella, Poa nemoralis, Polygonatum multiflorum, Polypodium vulgare, Polystichum aculeatum, Polystichum setiferum, a cerdeira brava Prunus avium, o carballo veriño Quercus robur, Ranunculus tuberosus, o sabugueiro Sambucus nigra, Sorbus aria, Stellaria holostea, Symphytum tuberosum, o teixo Taxus baccata, o umeiro de montaña Ulmus glabra e Viola reichenbachiana.

Prefire a sombra e a calor moderada do piso montano. Non atura as xeadas serodias nin as temperaturas extremas. O solo ideal é de moderadamente seco a húmido, cun pH de 3,5 a 5 e pobre en azote.

Distribución[editar | editar a fonte]

Aparece na Europa atlántica: oeste de Francia, Illas Británicas e oeste da Península Ibérica, especialmente nas zonas de clima oceánico. En Galiza aparece nas catro provincias.

Subespecies[editar | editar a fonte]

Diferéncianse tres subespecies: borreri, coas pínnulas lobadas, con lóbulos rectangulares. Affinis e stilluppensis ambas as dúas de pínnulas pouco lobadas ou enteiras. A primeira destas ten o ápice das pínnulas lixeiramente dentado, a segunda con dentes obtusos. En Galiza aparece principalmente a affinis.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Dryopteris affinis
Wikispecies-logo.svg
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Dryopteris affinis

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]