Droga de deseño

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O termo drogas de deseño abarca un amplo grupo de psicofármacos sintéticos producidos de forma clandestina que asemellan algunhas das drogas ilegais ou ilícitas de amplo consumo. Deriva do termo anglosaxón “designer drugs”,consolidado por Gary Henderson, farmacéutico da Universidade de California, nos anos 60. É un concepto máis xeopolítico que farmacolóxico e ten un dobre sentido; por unha banda refírese á drogas que se elaboran en laboratorios clandestinos e pola outra trátase de produtos aínda non rexistrados como ilegais que aproveitan o oco legal derivado da súa novidade química. Máis apropiado sería denominalas drogas de síntese porque fai referencia a unha situación social respecto á fármacos sintetizados no laboratorio que non atoparon ningún uso terapéutico ou comercial relevante e que foron redescubertos como drogas recreativas para uso hedonista, lúdico ou idílico, o que se coñece como abuso. [1]

Clasificación[editar | editar a fonte]

A táboa mostra unha clasificación dos principais grupos de sustancias que se poden encadrar dentro da categoría de drogas de deseño ou drogas de síntese. [2]

Derivados anfetamínicos • Metanfetamina (“speed”, “ice”, “hielo”)
• 2,4,5-trimetoxianfetamina (“TMA-2”)
• p-metoxianfetamina (PMA, “droga morte”)
• 4-metil-5-dimetoxianfetamina (DOM, STP de serenidade, tranquilidade e paz)
• 3,4- metilendioxianfetamina (MDA, “pílula do amor”)
• 3,4- metilenodioximetanfetamina (MDMA, “éxtase”, “Adán”, “XTC”)
• 3,4- metilenodioxietilanfetamina (MDEA, “Eva”)
• 2,5-dimetoxi-4-etilanfetamina (DOET)
• 4-bromo-2,5-dimetoxianfetamina (DOB)
• N-metil-β-keto-anfetamina (metcatinona ou efedrona, “Cat”, “GOOB”)
• 2,5-dimetoxi-4-bromo-feniletilamina (2-CB, “Venus”, “Nexus”)
• Derivados vexetais: “éxtase vexetal”
Análogos do fentanilo • α-metilfentanilo (China White)
• 3-metilfentanilo (3-MF)
Análogos de meperidina • 1-metil-4-fenil-4-propionoxipiperidina (MPPP, “heroína sintética”)
• 1-metil-4-fenil-4-acetoxipiperidina (PEPAP)
Análogos de fenciclina (Anestésicos disociativos) • Fenciclina (PCP, “Polvo de anxo”)
• Ketamina
• N,N-dimetiltriptamina (DMT, “Viaxe do executivo”)
Aminorex e análogos • Aminorex
• 4-metilaminorex
Outros • Nitrato de amilo (POPPER)
• Ácido gamma-hidroxibutírico (GHB, “éxtase líquido”)
2-metil-3-o-tolil-4(3H)-quinazolinona (metacualona, “Torinal”)
• 3,4- metilendioxi-fenil-butano (MBDB)

MDMA ou Éxtase[editar | editar a fonte]

Orixe[editar | editar a fonte]

Foi illada de forma casual en 1912 por científicos da compañía Merck mentres diseñaban fármacos vasoconstrictores para o tratamento da epistaxis. Inicialmente despertou interese polas súas propiedades anoresíxenas aínda que nunca chegou a ser comercializada, así como entre psiquiatras e psicoterapeutas interesados na psicoterapia asistida con fármacos. Posteriormente demostrouse a súa neurotoxicidade en animais. Nos anos 70 e 80 aumentou a súa popularidade como droga recreativa así como no campo da psicoterapia, no que foi empregada antes da súa prohibición. [3]

Composición[editar | editar a fonte]

Coñécense diversos métodos para obter esta sustancia. Por exemplo pode sintetizarse a partir da 3,4.metilendioxifenil-2-propanona, un produto empregado para dar sabor e coma ingrediente na preparación de perfumes. Outra vía é a síntese dende o safrol, un aceite incoloro ou de cor amarela que é o precursor da maioría das rutas sintéticas deste composto.

Farmacoloxía[editar | editar a fonte]

Foi clasificada como un entactóxeno ou xerador de contacto intersubxectivo a niveis profundos. No Sistema Nervioso Central (SNC) xera sensación de euforia, estimulación, aumento da capacidade para relacionarse cos demais e expresar sentimentos e emocións, así como unha maior confianza en si mesmos. Tamén aparecen unha serie de alteracións na percepción a nivel visual e auditiva, aínda que no se pode falar de alucinacións. Outras manifestacións que poden aparecer son: ansiedade, insomnio, dificultade de concentración, trastornos obsesivos e paranoides, crises de pánico, psicose, estupor catatónico e alteracións da memoria. Entre as manifestacións neurolóxicas atópanse: tensión mandibular, vértigo, ataxia, convulsións e hipertermia; e outras máis graves como: hemorraxia subaracnoidea ou intracranial, infarto cerebral ou trombose do seno venoso cerebral, que poden deberse a hipertensión aguda producida polo MDMA ou á deshidratación que a miúdo padecen os consumidores, debido en parte ás circunstancias nas que se consume a droga. Para evitar isto aconséllase unha inxesta abundante de auga, aínda que existen casos nos que se describe un edema cerebral e hiponatremia secundarios a unha síndrome de secreción inadecuada da hormona antidiurética tras consumir MDMA xunto con grandes cantidades de auga. [4]

Existen varios estudos sobre a relación entre o consumo de éxtase e unha secreción inadecuada de hormona antidiurética, o cal pode explicar os trastornos hidroelectrolíticos (hiponatremia, natriurese, osmolaridade plasmática baixa e osmolaridade urinaria alta), observados nalgúns destes pacientes e que conlevan graves riscos. Outra posible causa que pode contribuír á hiponatremia é a excesiva inxesta de auga debida á gran actividade física que se produce tralo consumo de éxtase. [5]

No sistema nervioso autónomo produce efectos típicos da estimulación simpática: aumento da frecuencia cardíaca e da presión arterial, midríase, visión borrosa, aumento da temperatura corporal, sudación, boca seca e tremor muscular. No Sistema Cardiovascular tamén pode producir palpitacións, arritmias, e colapso cardiovascular. Describíronse varios casos de hepatotoxicidade nos que a clínica a miúdo comeza como unha hepatite aguda (con ou sen colestase) que pode resolverse espontaneamente ou producir cadros de extrema gravidade que cursan con encefalopatía hepática, fallo hepático fulminante e morte. [4]

A forma máis habitual de consumo da MDMA é por vía oral en cápsulas ou pílulas. Tamén son posibles as administracións intranasal, intravenosa ou rectal, aínda que son moito menos frecuentes. A doses baixas están entre 50 e 75 mg, as altas entre 180 e 200 mg,e as letais están por riba de 500 mg.[3]

Dependencia e tolerancia[editar | editar a fonte]

Non se coñece o potencial de dependencia física para esta sustancia, aínda que é probable que algunhas persoas poidan chegar a adquirir dependencia psicolóxica debido aos seus efectos subxectivos (euforia, aumento da enerxía física e emocional, aumento da sensualidade e maior habilidade para comunicarse)[6] Parece que existe unha tolerancia tras as administracións consecutivas para algúns dos seus efectos. [7]

Neurotoxicidade[editar | editar a fonte]

A administración de unha dose de MDMA produce unha liberación de neurotransmisor no espazo sináptico, aumentando principalmente as concentracións de serotonina pero tamén as de noradrenalina e dopamina. Por outra banda, esta sustancia modifica o transportador de membrana destes neurotransmisores. Ademais parece que o MDMA ten actividade agonista sobre receptores serotoninérxicos (5-HT2), adrenérxicos (α2) e colinérxicos (M1) e ten capacidade para inhibir a monoaminooxidasa A (IMAO-A). Todo isto fai que se potencien os efectos dos neurotransmisores debido ó incremento da súa concentración.[4]

Despois de que se baleiren os depósitos neuronais de serotonina, esta interactúa con interneuronas gabaérxicas, producíndose finalmente un aumento na liberación de dopamina. A metabolización da dopamina implica a produción de radicais libres que poderían ser responsables da peroxidación lipidica e da destrución das neuronas serotoninérxicas. Tamén se pensa que o cadro de hipertermia inducido polo MDMA pode ser, en parte, responsable da dexeneración dos axóns. Estes datos están confirmados en animais pero non hai estudos concluíntes en humanos.[4] En humanos, os consumidores habituais presentan rexistros electroencefalográficos semellantes aos de individuos anciáns e afectados de demencia; así se apreciou un déficit na memoria verbal.

É importante ter presente que aproximadamente un 10% da poboación presenta un déficit nun encima esencial para metabolizar o MDMA, e as consecuencias despois da inxestión poderían ser peores para estes individuos. Tamén se pensa que a toxicidade xeral por MDMA e outros derivados anfetamínicos está influenciada pola temperatura ambiental, xa que se viu que a dose letal 50 diminúe cando a sustancia se administra a animais que se atopan en condicións de acinamento.[4]

MDA[editar | editar a fonte]

Foi sintetizada por dous químicos alemáns en 1910, e dous anos despois patentouse como anoresíxeno aínda que non chegou a comercializarse. Os seus efectos psicoactivos non se descubriron ata 1957.

Obtense por aminación do aceite esencial de safrol ou do composto piperonal, e acostúmase a adulterar con anfetaminas, metilfenidato,talco ou Aspirina® moída. En España distribúese baixo o nome de Dinosaurio, Trébol e Pílula do amor. Atópase como cápsulas e pílulas de diferentes formas, tamaños e cores e con diferentes debuxos.

Os efectos aparecen a partir dos 30 ou 60 minutos despois de consumila, acadando o máximo aos 90 minutos. Estes mantéñense durante 8 ou 12 horas. É un estimulante de SNC xa que no cerebro fíxase aos receptores adrenérxicos aumentando así o nivel de vixilia, e producindo unha sensación de benestar físico. Tamén potencia as percepcións sensoriais e emocionais. As doses baixas están entre 30 e 90 mg, as medias entre 100 e 150 mg, e as altas entre 160 e 200mg. Doses de 500mg poden ter efectos mortais.

MDEA e MBDB[editar | editar a fonte]

Son unhas das moitas sustancias que no mercado ilegal se fan pasar por éxtase.

Ambos compostos proceden do aceite da noz moscada, manipulando o safrol. Adultérase con anfetaminas, metilfenilato, benzodiazepinas, etc. En España o MDEA véndese baixo o nome de Expediente X, Elefante, Paxariño, Trébol, Ovni, 125, Fantasma, Sol ou Corazón, mentres que o MBDB coñécese como Dólar ou “Calavera”.

Tamén son estimulantes do SNC, pénsase que interactúan principalmente cos receptores de dopamina e noradrenalina, activando o Sistema Nervioso Central e xerando leves alteracións na percepción. Tamén estimulan cardíacos e respiratorios, elevan a presión sanguínea, dilatan as pupilas, e poden xerar dor de cabeza, visión borrosa, mareo e insomnio. Descoñécese o potencial de dependencia. Para ningún destes compostos existen datos de doses letais pero suponse que se atopará por riba dos 500 mg.

Smartdrugs ou “Drogas intelixentes”[editar | editar a fonte]

Baixo este nome véndense gran variedade de sustancias psicoactivas, que se caracterizan supostamente por expandir as capacidades cerebrais e/ou minimizar o deterioro natural destas. Trátase dun conxunto de sustancias que foron desenvolvidas para diversos fins, que incluen nutrientes, produtos vexetais e sintéticos que tratan de imitar os efectos psicoactivos de sustancias prohibidas de sustancias como MDMA ou anfetaminas.

Estas sustancias divídense en tres categorías: nutrientes, fármacos e herbas. O grupo dos nutrientes está formado por aminoácidos, vitaminas e antioxidantes, ademais de bebidas estimulantes sen características psicoactivas propias. Entre os fármacos os máis comúns son o Pirazetán, Centrofenoxina e Vasopresina. Entre as drogas vexetais atópase a “herbal ecstacy”, feito a base de ma-huang, do cal o principio activo é a efedrina e outros compostos que están entre vexetais e sintéticos, e que conteñen efedrina, pseudoefedrina, fenilpropanolamina e cafeína, como o “ultimate Xphoria”. Non se coñecen formas de adulteración nin o potencial de dependencia. [8] [9]

Comercialízanse como pílulas ou cápsulas e algúns exemplos destas drogas son: Cyberdelic, Explore, E-booster, Kryptonite.

DOM e DOB[editar | editar a fonte]

Estas sustancias actualmente teñen pouca aceptación pola reputación de producir experiencias especialmente duradeiras e terroríficas. Comercialízase no mercado negro como pílulas ou cápsulas; en ocasións fanse pasar por éxtase. Ambas son feniletilaminas deseñadas a partir das estruturas químicas da mezcalina e anfetamina. Os seus efectos completos non se perciben ata dúas horas despois da súa administración, e poden durar entre 14 e 30 horas; este feito é perigoso xa que si o consumidor o descoñece pode inxerir doses altas buscando uns efectos máis inmediatos, provocando unha intoxicación grave. Producen alteracións comparables ás da combinación de anfetamina e LSD. A nivel físico produce efectos semellantes ao GHB. Comprobouse que dose maiores de 10 mg de DOM ou 4 mg de DOB están asociadas por crise de pánico que poden controlarse con antipsicóticos.

Popper[editar | editar a fonte]

É un estimulante e vasodilatador. Ata fai pouco tempo podía adquirirse en sex-shops, onde se vendía como afrodisíaco. Consúmese en forma de líquido incoloro e inodoro mediante inhalación. Os seus efectos comezan a aparecer aos poucos segundos de inhalalo e produce una forte sensación de euforia. O nitrito de amilo produce unha relaxación de células musculares lisas no organismo, e por ser un axente vasodilatador produce un rubor característico na cara e no pescozo dos consumidores. No sistema cardiovascular pode producir taquicardia, mareos, hipotensión, cefaleas e vómitos. Sábese que xera tolerancia e unha considerable dependencia física.[10]

Toxicidade[editar | editar a fonte]

Ademais dos efectos descritos nos apartados anteriores, é importante ter presente que o contido das pílulas non sempre é o esperado. Aínda que os consumidores a miúdo asocian as distintas cores, formas e debuxos das pastillas a unha sustancia concreta, non sempre é así, xa que poden conter tamén outros compostos relacionados ou misturas destes. A todo isto hai que engadirlle que á hora de consumilas mistúranse con alcohol e con outras drogas, por iso a toxicidade que poden desencadear resulta tan difícil de predicir.[4] En xeral, os efectos tóxicos das drogas de deseño que aparecen con maior frecuencia son hipertensión arterial, colapso cardiovascular, coagulación intravascular diseminada (efectos cardiovasculares); rabdomiolise, espasticidade muscular (efectos musculares); insuficiencia renal aguda e hepatotoxicidade; hipertermia e trastornos neuropsiquiátricos coma delirios de persecución, depresión, ideas de suicidio ou ataques de pánico(efectos sobre Sistema Nervioso Central) Na toxicidade destas sustancias inflúen diversos factores, coma a sobre-dosificación, metabolismo alterado, patoloxías preexistentes, sensibilización e o consumo conxunto con outras drogas.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Drogas de Síntesis en España.Patrones y Tendencias de adquisición y consumo.Ministerio del Interior (Delegación del Gobierno para el Plan Nacional sobre Drogas).Madrid,1997. Dispoñible en http://www.pnsd.msc.es/Categoria2/publica/publicaciones/drogas.htm
  2. Cendón, LA; Rodríguez, NA; Moreira, CA; Sánchez, CC; Sarmiento, CC; Castro, MC; Gontán, MR; Camarero, AR. “Bim-Farma. Boletín informativo del medicamento. Junio 02” Ed. Colegio Oficial de Farmacéuticos de Pontevedra” Pontevedra.2002.
  3. 3,0 3,1 Caudevilla Gálligo, F. El «éxtasis»: una revisión de la bibliografía científica sobre la 3,4-metilendioximetanfetamina. Med Clin (Barc). 2003;120 (13):505-15]
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 Poudevida,S; Farré,M. Éxtasis y drogas de diseño. Encuentros Nacionales sobre Drogodependencias y su Enfocque Comunitario. CDP de Cádiz.1999. Dispoñible en: http://www.dipucadiz.es/opencms/opencms/dipucadiz/areas/igualdad/dependencia/publicaciones/
  5. Azkarate, B; Morrondo, P; Choperena, G; Olaizaola, P; Trabanco, S; Sebastián, R Hiponatremia y muerte cerebral secundaria al consumo de éxtasis. Med Intensiva. 2003;27 (10):695-7. Dispoñible en: http://www.elsevier.es/es/revistas/medicina-intensiva-64/hiponatremia-muerte-cerebral-secundaria-al-consumo-extasis-13055986-notas-clinicas-2003
  6. Farré, M; Mas, A; Poudevida, S; Roset, PN; San, L; Menoyo, E; de la Torre, R; Camí, J.”Drogas Y Salud. Red de Actividades de Promoción de Salud nº6” Escuela Andaluza de salud Pública. 1999
  7. Tomillero Alemany, À. Farmacología clínica de la Metilenodioximetanfetamina (MDMA, éxtasis) tras su administración a dosis repetidas . Tesis Doutoral, Universitat Autònoma de Barcelona, 2001. Dispoñible en: http://www.tdx.cat/handle/10803/5368;jsessionid=CC4D0BB3DD829213E3307761142B08AE.tdx1
  8. De Balanzó Fernandez, X. )Smart-drugs Urgencias por sobredosis de drogas de abuso. Hopital Clinic Barcelona. Dispoñible en: http://www.formacionsanitaria.com/cursos/urgencias_sobredosis/material/urgencias_sobredosis13.pdf
  9. De Balanzó Fernandez, X. Smart-drugs Urgencias por sobredosis de drogas de abuso. Hopital Clinic Barcelona. Dispoñible en: http://www.formacionsanitaria.com/cursos/urgencias_sobredosis/material/urgencias_sobredosis13.pdf
  10. Cánovas,G. Adolescentes y Drogas de Diseño. Éxtasis, píldora del amor, eva, crack, speed. Ediciones Mensajero. 1997.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]