Dr. Jekyll e Mr. Hyde

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Dr. Jeckyll e Mr. Hyde
Jekyll and Hyde Title.jpg
Portada da primeira edición (1886)
Título orixinal Strange Case of Dr Jekyll and Mr Hyde
Autor Robert Louis Stevenson
País Reino Unido
Lingua inglés
Xénero(s) Novela
Editorial Flag of the United Kingdom.svg Longmans, Green & co.
Galicia Edicións Xerais
Data de pub. Flag of the United Kingdom.svg 1886
Galicia 1986
Tradutor Sara Ruiz Salgado e Xosé Ramón Díaz Fontao

Dr. Jekyll e Mr. Hyde é unha novela escrita en lingua inglesa por Robert Louis Stevenson co título orixinal de Strange Case of Dr Jekyll and Mr Hyde, publicada por vez primeira en 1886. Foi traducido ao galego por Sara Ruiz Salgado e Xosé Ramón Díaz Fontao, sendo publicado por Edicións Xerais en marzo de 1986.

A obra fala dun abogado, Gabriel John Utterson, que investiga a estraña relación entre o seu vello amigo, o doutor Henry Jekyll, e o misántropo Edward Hyde. O libro é coñecido por ser unha representación vívida dun trastorno psiquiátrico que fai que unha mesma persoa teña dúas ou máis identidades ou personalidades con características opostas entre si, o que se coñece en psiquiatría como trastorno disociativo da identidade.

A obra foi vendida inicialmente en edición rústica por un chelín no Reino Unido e por un dólar nos Estados Unidos. Logo dunha crítica favorable en The Times o 25 de xaneiro de 1886, nos seis meses seguintes chegaron a venderse até 40.000 copias. Cara a 1901 estimouse que se venderan xa máis de 250.000 copias. Foi un dos libros máis vendidos de Stevenson. As adaptacións teatrais comezaron en Boston e Londres un ano despois da súa publicación, e deu pé tamén a numerosas adaptacións cinematográficas.

Argumento[editar | editar a fonte]

Portada de Classic Comics.
Aviso: Esta sección pode revelar detalles da trama e/ou do argumento.

A trama está ambientada en Londres a finais do século XIX. O señor Utterson, un prestixioso avogado, escoitou unha historia dun amigo seu, o señor Enfield, que esperta a súa curiosidade. Así, Utterson comeza unha investigación para descubrir a verdadeira identidade de Mr. Hyde, un home que se presenta moi unido a outro vello amigo, o doutor Jekyll.

As súas procuras lévano ao testamento escrito por Jekyll, no que fai propietario de todos os seus bens, en caso de morte ou desaparición, a Hyde. O avogado pregúntalle a Jeckyll por este testamento, pero o doutor pídelle que esqueza o asunto, o que leva a pensar a Utterson que o doutor sofre unha chantaxe. Todo cambia cando Hyde asasina un respectado parlamentario inglés, sir Danvers Carew, ante unha testemuña. Mentres Utterson axuda na investigación do crime, Jekyll vólvese cada vez máis solitario e melancólico, e Utterson chega a pensar que o doutor está a encubrir a Hyde.

Chega un momento en que Jekyll se pecha no seu laboratorio cunha angustia incomprensible. Outro amigo de Utterson, Lanyon, morre dun shock espiritual co que o señor Jekyll semella estar relacionado. Un día o mordomo de Jekyll, Poole, pide axuda a Utterson para tratar cun individuo descoñecido que, de algún xeito, logrou entrar no laboratorio e matar a Jekyll. Ambos os dous descobren que o personaxe estraño é Hyde, e cando conseguen entrar no laboratorio, encontran o cadáver de Hyde, que se suicidou, mentras que Jekyll non dá aparecido.

Finalmente, Utterson le unha carta escrita por Lanyon e a confesión do doutor Jekyll. A primeira revela que Lanyon foi testemuña da transformación física de Hyde en Jekyll por medio dunha beberaxe inventada por este último. Foi o horror ante tal descubrimento o que o levou finalmente á morte. A outra carta é unha confesión do propio Jekyll: na súa mocidade decatouse de que a conciencia de cada ser humano está composta de dous aspectos o ben e o mal) que están enleados nunha loita continua. Seguindo a hipótese de que é posible polarizar e separar estes dous compoñentes do eu, creou unha poción co correspondente antídoto, que podía transformar unha persoa na encarnación da súa parte maléfica, conseguindo ao mesmo tempo depurar o lado bo. Despois de tomar a poción, Jekyll diminuía un anaco a súa estatura, tomaba un aspecto desagradable para con todos os seus semellantes, adquiría a forza e a astucia de doce homes, a súa natureza malvada volvíase dominante, e amais a súa intelixencia facíase estrañamente brillante e os seus reflexos extraordinarios; a esta "persoa" chamouna Edward Hyde. Inicialmente os efectos da poción eran temporais e non era necesario o antídoto. Porén, logo dunhas cantas transformacións a Hyde, e viceversa, Jekyll acostumouse a realizar regularmente a metamorfose co fin de poder entregarse a placeres antisociais prohibidos, que nunca se permitiría na persoa de Jekyll. Mais a súa parte maléfica foise facendo máis e máis forte, superando a capacidade de Jekyll para controlala, necesitando o uso do antídoto para recuperar a forma orixinal. Despois do asesinato do parlamentario, Jekyll, horrorizado, decidiu deixar de tomar a poción.

Desgraciadamente para o doutor, logo de algún tempo de tranquilidade as trasformacións a Hyde tiñan lugar de forma espontánea, mellorando as súas "facultades", e Jekyll só podía permanecer co seu aspecto mentres durasen os efectos, cada vez máis debilitados, do antídoto. Finalmente esgota o ingredente fundamental do antídoto, unha sal que adquirira en gran cantidade, mais as novas remesas desa sal xa non producían un antídoto efectivo. Nun principio, Jekyll atribuíuno a impurezas nestas remesas, pero finalmente chegou á conclusión de que a impureza descoñecida estaba no lote inicial, sendo esta a que daba efectividade á mistura, polo que nunca máis podería obter unha poción efectiva, nin o seu antídoto, e quedaría convertido no seu escuro alter ego Hyde permanentemente.

Adaptacións[editar | editar a fonte]

Póster da década de 1880.

A obra foi traducida a numerosas linguas, e fixéronse moitas representacións teatrais e cinematográficas. Amais, existen numerosas referencias á obra na cultura popular.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]