Dover, Delaware

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
West Loockerman Street, Dover

Dover é a capital de Delaware, un estado dos Estados Unidos de América. No censo do ano 2000, Dover tiña unha poboación de 32.135 persoas. Está localizado no condado de Kent, localizado este á súa vez na península de Delmarva (abreviatura do nome dos Estados que a forman: Delaware, Maryland e Virxinia). A cidade de Dover está situada xeograficamente no centro do estado de Delaware.

Historia[editar | editar a fonte]

Dover foi fundada en 1683 por William Penn. A súa misión de exploración e asentamento foi encargada polo rei Carlos II de Inglaterra. En 1717, nomeouse a Dover a cidade onde tiñan que establecerse as tropas de Delaware, isto fixo que en Dover existan numerosas historias e sucesos patrióticos reseñables. Nesta cidade atópase o Tribunal Supremo de Delaware e o Tribunal do Condado de Kent.

Dover foi o berce de Caesar Rodney, un enigmático personaxe da Revolución Americana. Hai unha estatua no cemiterio da cidade na súa honra.

En tempos coloniais antes do fin da Guerra de Secesión, Delaware era un estado escravista, prácticas exercidas sobre todo no sur do estado. Durante a guerra civil americana, Delaware foi un estado fronteirizo ou limítrofe durante a guerra, e aínda que formaba parte do bando da Unión, non tomou partido por ningún bando nin loitou contra os Estados Confederados. A cidade e a súa estación de ferrocarril converteríase en punto de partida para os soldados destinados ás guarnicións da Unión nos frontes de Pensilvania e Nova Jersey.

Xeografía[editar | editar a fonte]

Localización de Dover en Delaware

Dover está localizado no paralelo 39º9´43" Norte e no 75º31´36" Oeste, (39.161921, -75.526755). De acordo coa Axencia de Censo Xeográfico dos Estados Unidos, a cidade ten un área total de 58,8 km², dos cales 58 km² son terra firme e os 0,8 km² restantes son auga, que equivale ao 1,32% da superficie total de Dover.

Demografía[editar | editar a fonte]

Segundo o censo do ano 2000, en Dover habitan 32.135 persoas, hai 12.340 casas e 7.502 familias residentes na cidade. A densidade de poboación é de 554,1 habitantes/km². Hai 13.195 casas, cunha densidade de 227,5 habitantes/km². A configuración racial da cidade é variada, xa que o 54,94% son brancos, o 37,22% son afroamericanos, 4,13% son latinos, o 3,16% son asiáticos e o 1,57% restante pertence a outras razas.

O 23,5% da poboación teñen menos de 18 anos, dos 18 aos 64 preséntase o 63,1% da poboación e 13,3% as persoas maiores de 65 anos.

Economía[editar | editar a fonte]

O maior patrón de Delaware o é tamén de Dover —o goberno estatal. Unha gran parte, pero non toda, da burocracia do estado está localizada en e ao redor de Dover. Con todo, como outros estados americanos, a capital de Delaware non é a súa cidade máis grande. Wilmington, na parte norte do estado é a súa maior cidade, e ten moitas oficinas estatais e empregados que un esperaría normalmente atopar na capital estatal, ata a oficina central da Oficina do Ministro de Xustiza.

Dover é unha das áreas de maior crecemento no estado de Delaware, debido en gran parte ao relativamente baixo custo da vida. Como consecuencia, o goberno do Condado de Kent é tamén un dos principais empreagadores da área. Aparte dos gobernos do estado e do condado, os xeradores de emprego máis significativos de Dover inclúen a Base da Forza Aérea de Dover, localizada nos arredores da cidade. Na base alóxanse dúas ás de transporte aéreo, así como o único cemiterio de militares estadounidenses localizado nos Estados Unidos continentais, que aceptan os corpos de soldados mortos en batalla. Ademais, a corporación Playtex (roupa interior feminina), General Mills (alimentación: "Yoplait", "O Xigante Verde" ...) e Procter & Gamble (xigantesca corporación de bens de consumo) teñen instalacións industriais en Dover. O ILC Dover, na próxima cidade de Frederica, é o produtor de produtos para usos militares e aeroespaciais, xunto con ser o principal contratista para a produción de traxes espaciais da misión Apolo e Skylab, así como o ensamblaxe de traxes espaciais da Unidade de Mobilidade Extravehicular do Space Shuttle.

Dous fins de semana ao ano, a carreira de automóbiles NASCAR celébrase na Pista de Carreiras Internacional de Dover, atraendo a máis de 100.000 espectadores e invitados, convertendo temporalmente a Dover na cidade máis grande do estado. Estas carreiras contribúen con millóns de dólares á economía de Dover.

Educación[editar | editar a fonte]

Dover é a sede da Delaware State University, e o Wesley College. É tamén sede do Terry Campus of the Delaware Technical & Community College e das oficinas administrativas do Colexio. Dover tamén ten localizacións secundarias da Universidade de Delaware e do Wilmington College.

Dúas escolas secundarias públicas serven aos residentes de Dover. A Escola Secundaria Caesar Rodney, no distrito escolar de Caesar Rodney (localizada nos arredores da cidade, en Camden-Wyoming); e a Escola Secundaria de Dover.

A Escola Media da Base da Forza Aérea de Dover está localizada dentro do local da Base. Esta escola é inusual no sentido de que non está dirixida polo Ministerio de defensa, senón polo distrito escolar Caesar Rodney.

Cultura[editar | editar a fonte]

A antiga Casa da Ópera de Dover, construída en 1904, foi renovada recentemente e converteuse no Centro Schwartz para as Artes, que recibe interpretacións pola Orquestra de Sinfónica de Dover, ballet, e películas clásicas.

A Biblioteca Estatal de Delaware, o Museo Estatal de Delaware, e os Arquivos do Estado de Delaware están situados no centro da cidade e están abertos ao público para a investigación e consulta.

No distrito histórico de Dover atópase o Museo Sewell C. Biggs de Arte Americana, que contén coleccións desde a época Colonial ata a actualidade.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]