Doutrina Monroe

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A Doutrina Monroe, enunciada inicialmente en 1823 polo entón presidente dos Estados Unidos de América James Monroe, en resposta á ameaza que supuña a restauración monárquica en Europa e a Santa Alianza, sintetizouse posteriormente na coñecida fórmula "América para os americanos". Coas súas transformacións e adaptacións ao longo das décadas representa o ortograma da política exterior norteamericana, desde o isolacionismo do novo continente ao veto fronte ás pretensións das nacións europeas de intervir en América. En virtude dela os Estados Unidos interpretarían como perigosa para a súa paz e seguridade toda tentativa do Vello Mundo de recuperar ou espallar a súa influencia sobre o continente americano.

A doutrina foi presentada polo presidente James Monroe durante o seu sétimo discurso no Congreso sobre o Estado da Unión. Foi tomado inicialmente con dúbidas e posteriormente con entusiasmo. Foi un momento definitorio na política exterior dos Estados Unidos. A doutrina foi concibida polos seus autores, especialmente John Quincy Adams, como unha proclamación dos Estados Unidos da súa oposición ao colonialismo, pero foi posteriormente reinterpretada de diversos xeitos.

Ao comezo do século XX Estados Unidos afirmou o seu destino manifesto e o presidente Theodore Roosevelt, Jr. emitiu o Corolario de 1904 (Corolario Roosevelt) afirmando que, se un país americano situado baixo a influencia dos Estados Unidos ameazaba ou puña en perigo os dereitos ou propiedades de cidadáns ou empresas estadounidenses, o goberno dos Estados Unidos estaba obrigado a intervir nos asuntos internos do país "exasperado" para reordenalo, restablecendo os dereitos e o patrimonio da súa cidadanía e as súas empresas. Este corolario supuxo, en realidade, unha carta branca para a intervención dos Estados Unidos en América Latina e o Caribe.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

  • Doutrina Monroe (Textos en inglés e en español da doutrina e unha ampla selección de textos sobor da mesma.)