Donato Gama da Silva
- Para outras páxinas con títulos homónimos véxase: Donato.
| Información persoal | |||
|---|---|---|---|
| Nome completo | Donato Gama da Silva | ||
| Nacemento | 30 de decembro de 1962 (49 anos) | ||
| Lugar | Río de Xaneiro, Brasil | ||
| Posición | Defensa / Mediocentro | ||
| Carreira sénior | |||
| Anos | Equipos | Apps† | (Gls)† |
| 1980–1988 | Vasco da Gama | ? | (?) |
| 1988–1993 | Atlético de Madrid | 163 | (11) |
| 1993–2003 | Deportivo da Coruña | 303 | (38) |
| Selección nacional | |||
| 1994–1996 | España | 12 | (3) |
| * Partidos e goles só en liga doméstica. † Aparicións (Goles) |
|||
Donato Gama da Silva, nado o 30 de decembro de 1962 en Río de Xaneiro, é un ex-futbolista español nado en Brasil. Xogaba de posición centrocampista ou defensa central e foi internacional coa selección española.
Índice |
[editar] Traxectoria
Chegou a España en 1988, desde o club brasileiro Club de Regatas Vasco da Gama, no cal obtivera tres campionatos cariocas en 1982, 1987 e 1988. O seu primeiro equipo en España foi o Atlético de Madrid e, logo de 5 grandes tempadas, foi fichado polo Deportivo da Coruña xunto co seu compañeiro Alfredo Santaelena. Ao principio a súa fichaxe foi moi criticada pola afección deportivista, debido a que viña lesionado e xa con 30 anos.
O ano da súa chegada ao Deportivo, Mauro Silva lesiónase e Donato empeza a xogar de mediocampista defensivo, onde foi titular toda a tempada. Ademais converteuse no tirador de penaltis do equipo, marcando máis de 25 goles de penalti. Coa volta de Mauro Silva e a saída de Alberto Albístegui, Donato tomou un cariz máis defensivo e pasou a liderar o centro da defensa xunto con Voro, José Luis Ribera e Miroslav Đukić. Malia ocupar a posición de defensa, marcou moitos goles no Deportivo, case 10 por tempada. As lesións respectárono bastante e sempre rendeu para o seu equipo cunha entrega infatigable.
Como anécdota cabo sinalar que xogou de porteiro un partido co Deportivo. Donato logrou o gol que abriu o camiño do triunfo no partido Dépor-Espanyol que deu ao equipo galego os últimos puntos necesarios para proclamarse Campión da Primeira División Española por primeira vez na súa historia.
Podía xogar como central ou mediocentro defensivo por diante da defensa, posicións onde sacou o máximo partido ás súas calidades. Era forte, agresivo e loitador, ademais de técnico e con visión de xogo. Sabía dirixir ao equipo desde o centro do campo e posuía un durísimo disparo que lle proporcionou un gran número de goles. Co Deportivo logrou algúns dos goles máis fermosos do equipo, destacando o realizado ao Athletic de Bilbao grazas a un disparo desde 52 metros. A todas estas virtudes debe engadirse a súa gran capacidade de destrución baseada na súa forza física.
Retirouse con 40 anos; foi o xogador de máis idade en marcar na Primeira División e o xogador nacido fóra de España que máis partidos disputou. No ámbito persoal, Donato pertence ao ministerio dos Atletas de Cristo.
[editar] Selección española
Foi internacional coa Selección de fútbol de España. En 1994 obtivo a nacionalidade española. Ademais foi convocado nunha ocasión pola Selección de fútbol de Brasil para xogar un amistoso ante Dinamarca. Era unha grande oportunidade para el pero Donato non acudiu porque tiña que xogar un importante compromiso de Copa do Rei co Atlético de Madrid.
Foi internacional absoluto en 12 ocasións coa camiseta de España. Participou na Eurocopa 1996. O seu debut coa selección foi o 16 de novembro de 1994, nun España-Dinamarca (3-0). Xogou o partido completo e marcou o segundo gol español.
[editar] Participacións en Eurocopas
| Eurocopa | Sede | Resultado |
|---|---|---|
| Eurocopa 1996 | Inglaterra | 4° de final |
[editar] Palmarés
- Campionato Carioca (3): 1982, 1987, 1988.
- Liga de España (1): 1999–00.
- Copa do Rei (4): 1990–91, 1991–92, 1994–95, 2001–02.
- Supercopa de España (3): 1995, 2000, 2002.