Domingo Sanguento (1920)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O Domingo Sanguento foi un día de violencia que tivo lugar o 21 de novembro de 1920 en Dublín, durante a Guerra de Independencia Irlandesa (1919 - 1921), que provocou a morte de máis de 30 persoas.

O día comezou co asasinato de catorce dos dezaoito axentes británicos da Cuadrilla do Cairo, e os seus informadores, polo Exército Republicano Irlandés. Máis tarde nesa tarde, forzas británicas dispararon á multitude nun partido de fútbol gaélico no estadio de Croke Park no norte de Dublín, matando a 14 civís, incluído o capitán do equipo de fútbol de Tipperary, Michael Hogan. Esa mesma noite houbo tiroteos espallados polas rúas da cidade, e tres prisioneiros irlandeses no Castelo de Dublín foron asasinados polos seus captores británicos en circunstancias sospeitosas.

Antecedentes[editar | editar a fonte]

O Domingo Sanguento foi un dos acontecementos máis significativos que tivo lugar durante a Guerra de Independencia Irlandesa, que máis tarde daría lugar á formación da República Irlandesa -declarada unilateralmente- e o seu parlamento, o Dáil Éireann. O exército da república, o Exército Republicano Irlandés librou unha guerra de guerrillas contra o Royal Irish Constabulary (a policía irlandesa baixo o mando das autoridades británicas), as súas organizacións auxiliares e o Exército Británico, quen estaba encargado de acabar co separatismo irlandés.

En resposta a accións do IRA, o Goberno británico formou a grupos paramilitares para axudar ao RIC (abreviatura do Royal Irish Constabulary), coma os " Black and Tans " (traducido coma os 'Negro e caqui', un alcume xurdido das cores dos seus uniformes), e a División Auxiliar (xeralmente coñecido coma os Auxiliares ou Auxies). O comportamento de ambos grupos inmediatamente foi gran causa de polémica (un dos seus maiores críticos foi o rei Xurxo V) pola súa brutalidade e violencia, non tan só contra os sospeitosos de pertencer ao IRA, senón cara aos irlandeses en xeral. En Dublín, a guerra tomou a forma de asasinatos e represalias en calquera dos dous lados.

Os acontecementos da mañá de 21 novembro foron un esforzo do IRA en Dublín, baixo o mando de Michael Collins e Richard Mulcahy, de destruír a organización de intelixencia británica na cidade. A policía foi a responsable das represalias británicas na tardiña do Domingo Sanguento.

O Plan de Collins[editar | editar a fonte]

Foto da Cuadrilla do Cairo, que subministraba información aos británicos sobre as actividades do IRA. A maior parte deles foron asasinados o Domingo Sanguento.

Dende 1919, o Ministro de Economía irlandés, líder da secreta Irmandade Republicana Irlandesa e Xefe de Intelixencia do IRA Michael Collins formara unha brigada clandestina de membros do IRA en Dublín (coñecida coma The Squad), que era empregado para asasinar axentes do RIC e a oficiais de Intelixencia británicos. Para finais de 1920, a Intelixencia Británica en Dublín, establecera unha rede extensa de espías e informadores ao redor da cidade. Nesta rede estaba incluída a que era coñecida coma a ' Cuadrilla do Cairo ' (o alcume viña posto que eran clientes habituais da Cafetaría Cairo na rúa Grafton e do seu servizo en intelixencia militar británica en Exipto e Palestina durante a Primeira Guerra Mundial)[1][2], dezaoito oficiais de alta graduación británicos. Mulcahy, o xefe de personal do IRA, describiunos coma "unha organización de espías moi perigosa e astutamente situada". [3]

En novembro de 1920, Collins ordenou o asasinato dos axentes británicos da cidade, considerando que se non facían isto, a organización do IRA na capital estaría en serio perigo. Dick McKee foi o encargado de planear a operación. Os enderezos dos axentes británicos foron descubertos mediante varias fontes, incluíndo criadas leais, conversacións descoidadas dalgúns dos británicos, e un informador do IRA no RIC (o Sarxento Mannix) que traballaba no Cuartel de Donnybrook. O 20 de novembro, os equipos de asasinato -que incluían á Squad e a membros da Brigada de Dublín do IRA- foron informados dos seus obxectivos , que consistían en 20 axentes en oito lugares diferentes de Dublín.[3] O plan de Collins era, nun inicio, matar ó redor duns 50 oficiais de intelixencia británicos e informadores, pero a lista reduciuse a 35 pola insistencia de Cathal Brugha, o Ministro Irlandés de Defensa, baseándose en que non había probas suficientes en contra dalgúns dos nomeados.[4]

O Domingo Sanguento[editar | editar a fonte]

Pola mañá[editar | editar a fonte]

Moi cedo, na mañá do 21 de novembro, os equipos de IRA montaron a operación. A maior parte dos asasinatos aconteceron dentro dunha pequena área de clase media da parte sur de Dublín, a excepción dun tiroteo no Gresham Hotel na rúa O'Connell. No número 28 da rúa Upper Pembroke Street, catro axentes foron asasinados. No 22 da rúa Lower Mount Street, un oficial británico foi asasinado e outro escapou polos pelos. O edificio foi rodeado polos Auxiliares, alertados polos disparos, e no posterior tiroteo morreron dous Auxiliares e un home de IRA, Frank Teeling, foi ferido e capturado. O futuro Taoiseach irlandés, Seán Lemass estivo implicado no asasinato do Capitán Bagely, tamén na rúa Mount Street, mentres en outros dous incidentes na mesma rúa morreron tres axentes británicos máis e unha das súas mulleres. Unha muller que estaba a piques de dar a luz, sufriu un aborto unha semana despóis.[5] A tan só unhas cantas rúas de distancia, tiveron lugar máis disparos na rúa Baggot Street, na Praza Fitzwilliam, Morehampton Road e Earlsfort Terrace.[6]

En total, 14 persoas morreron e 6 foron feridas, incluíndo a axentes sospeitosos e aqueles sen conexión coa política, e dous Auxiliares. Catro das vítimas británicas eran oficiais da intelixencia militar e outros catro eran do Servizo Secreto ou axentes do MI5. Soamente un membro da brigada de Collins foi capturado, Frank Teeling, e conseguiu escapar rápidamente do cárcere.[7] Outro home do IRA foi ferido levemente na man. Non obstante, das 35 persoas que estaban na lista de obxectivos de Collins, soamente cerca dunha terceira parte foron neutralizados. O membro do IRA e o futuro político irlandés, Todd Andrews, recordaría máis tarde, "o feito é que a maioría dos ataques do IRA fracasaron. Os homes buscados non estaban nos seus escondedoiros, ou en varios casos, os homes que os buscaban meteron a pata".[4] Non obstante a acción aterrorizou e danou intelixencia británica en Irlanda, causando que moitos outros axentes e informadores se refuxiaran no Castelo de Dublín, e causou consternación na administración británica.

Collins xustificou os asasinatos deste xeito; "A miña única intención era a destrución do indesexables que continuaban convertendo en miserable as vidas de cidadáns decentes correntes. Teño proba abondo para garantirme as atrocidades que cometeron esta cuadrilla de espías e informadores. Se eu tivera un segundo motivo non sería maior que o que sentiría cara un réptil perigoso. Coa súa destrución o aire fíxose máis doce... Para min, a miña conciencia está limpa. Non hai ningún crime ao detectar aos espías e informadores en tempo de guerra. Destruíron sen xuízo ningún. Devolvinlles o que fixeron na súa propia moeda."[8]

Pola tarde[editar | editar a fonte]

O equipo de fútbol gaélico de Dublín, o Dublín GAA, ía xogar contra o equipo de Tipperary máis tarde nese mesmo día en Croke Park, o principal campo de fútbol gaélico da Gaelic Athletic Association. A pesar da preocupación xeral que houbo en Dublín cando se soubo o dos asasinatos, o pobo canso de guerra seguía coas súas vidas. Aproximadamente 5,000 espectadores foron a Croke Park para ver o partido de fútbol de gaélico entre Dublín e Tipperary, que empezaría trinta minutos máis tarde, ás 3 e cuarto.

Mentres tanto, fóra do Parque, sen que a multitude se decatara, as forzas de seguridade británicas estaban a achegarse e se prepararon para atacar o partido. Un convoi de tropas entrou dende o noroeste, por Clonliffe Road, mentres un convoi de policía e Auxiliares se achegaba o campo dende o sur. As súas ordes eran rodear o campo, vixiar as saídas, e rexistrar a todos os homes do estadio. As autoridades máis tarde afirmaron que a súa intención era anunciar por megáfono que todos os homes que saíran do estadio serían rexistrados e se dispararía a todos os que saíran por outros medios. Pero por algunha razón, a policía abriu fogo cando chegou ao estadio, ás 3 e 25.

Algúns membros da policía afirmaron máis tarde sentinelas do IRA lles dispararon primeiro, pero nunca se probou tal cousa.[9] Corresponsais dos xornais Manchester Guardian e do británico Daily News entrevistaron a testemuñas oculares, e concluíron que as sentinelas do IRA eran en realidade vendedores de entradas: "É o costume neste campo de fútbol que vendedores de entradas recoñecibles vendan as entradas fóra das portas, quen probablemente verían a aparición dos soldados, e naturalmente correrían dentro ante a chegada dunha ducia de camións militares. Ningún home se expón innecesariamente en Irlanda cando un camión militar pasa por diante súa."[10] Semella que a policía que nos primeiros coches do convoi saíron dos vehículos, perseguiron a estes homes polo pasadizo de entrada da porta de Canal End, entraron á forza polos tornos, e empezaron a disparar inmediatamente con rifles e revólveres. O xornal irlandés Freeman Journal comunicou que, "os espectadores foron sorprendidos por unha descarga de tiros disparados dende os rotnos de entrada. Homes armados e uniformados foron vistos entrando no campo, e inmediatamente despois dos disparos tiveron lugar escenas da confusión máis salvaxe. Os espectadores fixeron unha avalancha cara o lado máis afastado do estadio, e se fixeron disparos sobre as súas cabezas e á multitude."[11]

A policía seguiu disparando durante aproximadamente noventa segundos: o seu xefe, o Comandante Mills, máis tarde admitiu que os seus homes estaban "nerviosos e fora de control."[12] Algúns policías dispararon dende o terreo de xogo sobre a multitude que fuxía, mentres outros que estaban fóra do estadio, abriron fogo dende a ponte que estaba sobre a canle cara os que tentaban escapar do estadio gabeando polos seus muros. Ao outro extremo do estadio, os soldados que estaban en Clonliffe Road sobresaltáronse primeiro polo son dos disparos, e logo pola visión da xente asustada que fuxía do campo. Cando os espectadores saían, un coche blindado que estaba na Avenida de St. James disparou as súas metralladoras sobre as cabezas da multitude, intentando detelos.

Para cando o Comandante Mills fixo que os seus homes se calmaran, a policía disparara 114 roldas de munición de rifles, ademais dunha cantidade descoñecida de munición de revólveres, sen contar 50 roldas disparadas dende as metralladoras do coche blindado que estaba fóra do estadio.[13] Sete resultaron mortos polos disparos, e cinco máis foron feridos de morte; outras dúas persoas morreron esmagadas pola multitude. Entre os mortos se atopaban Jeannie Boyle, que fora ao partido coa súa prometida coa que se ía casar cinco días máis tarde, e dous rapaces de 10 e 11 anos respectivamente. Dous futbolistas, Michael Hogan e Jim Egan, foron alcanzados polos disparos; Hogan resultou morto, pero Egan sobreviviu, xunto con outras ducias de feridos. A policía non sufríu ningunha vítima.

Cando deixaron de disparar, as forzas de seguridade rexistraron aos homes que quedaban da multitude antes de deixalos ir. Os soldados atoparon un revólver: o dono dunha casa testificou que un espectador que fuxía o tirara dentro do seu xardín. Cando o campo foi desaloxado, o estadio foi rexistrado en busca de arnas: segundo o Comandante Mills, non se atopou nada.[14]

As accións da policía foron desautorizadas oficialmente e foron recibidas con horror público polas autoridades británicas do Castelo de Dublín. Nun esforzo por encubrir a natureza do comportamento das forzas da Coroa, emitiuse un comunicado de prensa que dicía:

<cita>Varios homes viñeron a Dublín o sábado coa escusa de asistir a un partido de fútbol entre Tipperary e Dublín. Pero a súa intención real era a de participar na serie de atrocidades mortais que tivo lugar esa mañá en Dublín. Cando se soubo que varios destes pistoleiros estaban presentes en Croke Park, as forzas de coroa foron a facer unha redada no campo. A intención orixinal era que un oficial iría ao centro do campo e falando cun megáfono, invitaría os asasinos a presentarse. Pero cando se aproximaron, os piquetes armados deron aviso. Disparáronse tiros para advertir aos homes buscados, que causaron unha escorrentada e escaparon na confusión.</cita>

O xornal The Times, que durante a guerra era unha publicación pro-Unionista, ridiculizou a versión dos acontecementos do Castelo de Dublín, ao igual que unha delegación do Partido Laborista británico que estaba a visitar Irlanda naqueles días. O Brigadier británico Franquean Crozier, que técnicamente estaba ao mando ese día, dimitiu máis tarde pola que el consideraba coma unha aprobación oficial das inxustificables acción dos Auxiliares en Croke Park. Un dos seus oficiais díxolle que "os Black and Tans dispararon á multitude sen ningún tipo de provocación en absoluto".[4]

Se formaron dous tribunais militares de investigación acerca da matanza, e un atopaba que "os disparos da RIC se realizaran sen ordes e superou as demandas da situación." O Comandante-Xeneral Boyd, o oficial que dirixía o Distrito de Dublín, engadiu que na súa opinión, "os disparos sobre a multitude foron realizados sen ordes, foron indiscriminados, e inxustificables, a excepción de calquera disparos que tiñan lugar dentro do recinto."[15] Os descubrimentos destes tribunais de investigación foron suprimidos polo Goberno Británico, e tan só viron a luz recentemente.[16]

Pola noite[editar | editar a fonte]

Máis tarde ese día, dous oficiais de alto nivel do IRA, Dick McKee e Peadar Clancy, que axudaran a planear os asasinatos dos axentes británicos, xunto con outro home Conor Clune (un sobriño de Patrick Clune, Arcebispo de Perth, en Australia), que eran prisioneiros no Castelo de Dublín, foron torturados e "mortos polos disparos mentres intentaban escapar". A historia oficial foi que foran confinados nun cuarto no que había armas xa que no había sitio dispoñible nas celas, e que os mataron cando tentaban fuxir. [17]

Consecuencias[editar | editar a fonte]

Vista da bancada de 'Hogan Stand' do estadio de Corke Park, nomeada así en honor ao xogador morto nos incidentes do Domingo Sanguento

O comportamento dos Auxiliares e os Black and Tans durante a Guerra de Independencia Irlandesa axudou a volver ao público irlandés en contra da Coroa. Algúns políticos británicos e o Rei non ocultaban o seu horror sobre o comportamento das forzas de Coroa. Os asasinatos de homes, mulleres e nenos, tanto espectadores coma futbolistas, convertéronse en titulares de prensa por todo o mundo, prexudicando a credibilidade británica. Non obstante, a curto prazo, os asasinatos do IRA de oficiais británicos na mañá do día 21 recibiu máis atención en Gran Bretaña. Os corpos dos oficiais británicos asasinados en Dublín foron traídos en procesión polas rúas de Londres e se lles deu un funeral de estado na Abadía de Westminster.[18] Cando Joseph Devlin, un membro do parlamento pertencente ao Partido Parlamentario Irlandés, tentaba sacar a relucir o tema da matanza de Croke Park no parlamento británico, foi apupado e estalou unha pelexa no hemiciclo.[19]

A combinación da perda da Cuadrilla do Cairo, que desmantelou a Intelixencia británica en Irlanda, e as desastrosas relacións públicas que supuxo o Domingo Sanguento prexudicaron a causa da presenza británica en Irlanda e aumentaron o apoio ao goberno republicano de Éamon de Valera. Os acontecementos do Domingo Sanguento sobreviviron na memoria pública. A Asociación Atlética Gaélica nomeou unha das bancadas do estadio de Croke Park coma a 'Hogan Stand' en memoria de Michael Hogan, o futbolista asasinado no incidente.

James "Skankers" Ryan, o que delatou a Clancy e McKee, foi tiroteado e morto a mans do IRA en febreiro de 1921.

Os asasinatos do IRA continuaron en Dublín durante o resto da guerra, ademais de accións de guerrilla urbana a escala máis grande feitos pola Brigada de Dublín. Para a primavera de 1921, os británicos reconstruíran a súa organización de Intelixencia en Dublín, e o IRA estaba a planear outro intento de asasinato contra axentes británicos no verán dese ano. Porén, os plans se suspenderon pola Tregua que rematou coa guerra o 11 de xullo de 1921.

Ideas erróneas[editar | editar a fonte]

  • A miúdo se lle bota a culpa da matanza de Croke Park aos Auxiliares. Mentres que as tropas de ataque da policía estaban compostas en parte por cadetes provisionais da Compañía do Depósito e dirixidas por un oficial dos Auxiliares, o Comandante Mills, testemuñas presenciais deixaron claro que a policía normal fixo a maior parte dos disparos en Croke Park.[20]
  • Na película de Michael Collins móstrase como un coche blindado entra no campo de xogo. Iso non aconteceu: o coche blindado estaba fóra do campo e semella que fixo disparos ao aire, e non á multitude.
  • Pénsase a miúdo que dous xogadores morreron, cando os informes din que a dous lle dispararon. Hogan e Egan foron alcanzados polas balas, mais Egan sobreviviu.
  • Se di ás veces que os oficiais británicos lanzaron unha moeda ao aire sobre se irían facer unha carnicería no estadio de Croke Park ou ben se saquearían a rúa de Sackville Street (a rúa principal de Dublín, agora chamada O'Connell Street) [21]; porén, non hai probas que apoien esta hipótese.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Michael Smith, The Spying Game (Victor Gollancz Ltd, 1996)
  2. Yigal Sheffy, British Military Intelligence in the Palestine Campaign, 1914–1918 (Cass Series—Studies in Intelligence, 1998
  3. 3,0 3,1 Hopkinson, Irish War of Independence p. 89
  4. 4,0 4,1 4,2 Dwyer, The Squad p. 190
  5. Hopkinson, páx. 89-90
  6. Bennet, The Black and Tans, pp. 121–2
  7. Hopkinson, páx. 90
  8. Dwyer, páx. 191
  9. Dwyer p. 187; Leeson, "Death in the Afternoon", pp. 58–59
  10. Leeson, páx. 52
  11. Leeson, páx. 53
  12. Leeson, páx. 57
  13. Leeson, páx. 58
  14. Leeson, páx. 63
  15. Leeson, páx. 55
  16. Leeson, páx. 54-5
  17. N.Y. Times, Nov. 24, 1920
  18. Hopkinson, Irish War of Independence, p. 88.
  19. Dwyer p. 191
  20. Leeson, páx. 49-50 e passim
  21. Ernie O'Malley, "Bloody Sunday," Dublin's Fighting Story 1916-1921 (Tralee: The Kerryman, 1949)

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Richard Bennet, The Black and Tans, Barnes & Noble, 1959.
  • Tom Bowden, "Bloody Sunday—A Reappraisal," European Studies Review, vol 2, no. 1 (1972).
  • Tim Carey and Marcus de Búrca, "Bloody Sunday 1920: New Evidence," History Ireland, vol. 11, no. 2 (Summer 2003).
  • Tim Pat Coogan, Michael Collins (1990, Hutchinson) (ISBN 0-09-174106-8)
  • T. Ryle Dwyer, The Squad and the intelligence operations of Michael Collins, Dublin, 2005.
  • David Leeson, "Death in the Afternoon: The Croke Park Massacre, 21 November 1920," Canadian Journal of History, vol. 38, no. 1 (April 2003).
  • Michael Hopkinson, The Irish War of Independence, Gill & Macmillan, Dublin, 2004.
  • Charles Townshend, "Bloody Sunday—Michael Collins Speaks", European Studies Review, vol. 9 (1979).
  • Yigal Sheffy, British Military Intelligence in the Palestine Campaign, 1914–1918 (Cass Series—Studies in Intelligence, 1998).
  • Michael Smith, The Spying Game (Victor Gollancz Ltd, 1996).