Dolmen de Dombate

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 43°11′24″N 8°58′10″W / 43.19°N 8.96944°W / 43.19; -8.96944

Vista do dolmen de Dombate.

O dolmen de Dombate é un monumento megalítico situado na parroquia de Borneiro, no concello de Cabana de Bergantiños, na Comarca de Bergantiños. Construíuse na primeira metade do IV milenio e a cámara a finais dese mesmo milenio. Foi usado en diferentes épocas e evidenciouse un uso que vai dende o ano 3.800 a.C. ata o 2.700 a.C., momento no que se clausura o monumento.

Preto del atópanse outros monumentos coñecidos pola existencia de arte parietal: o dolmen de Pedra Cuberta e Casa dos Mouros.

Índice

[editar] Características

No século XIX o historiador Manuel Murguía xa escribe sobre o dolmen, e no ano 1885 o poeta Eduardo Pondal inmortalizouno nun poema en Queixumes dos Pinos.

Pasado Vilaseco, lugar batido polo aire
no alto da costa de Uces de montesía canle;
pasado Vilaseco, indo pola Gandra adiante,
xa vía desde lonxe o dolmen de Dombate.

Foi escavado polo arqueólogo José María Bello Dieguez entre 1987 e 1989.

O túmulo, ou mámoa, ten uns 24 m de diámetro e 1,80 m de altura. Consta dunha camada de terra escura recuberta parcialmente por unha coiraza pétrea formada por pedras planas depositadas horizontalmente que marcan o perímetro e pedras ben trabadas no interior. Sospéitase que orixinalmente o túmulo recubría até á altura do corredor e que a anta ficaba á vista.

A anta consiste nunha cámara poligonal ancha formada por sete ortóstatos, un dos cales mide 4,64 x 3 m, e un corredor de tres tramos, ben diferenciado en planta e en sección. A entrada estaba pechada cunha lousa vertical recuberta de pedras. Entre algúns ortóstatos colocáronse lousas alongadas polo exterior para contribuír a fechar o oco. As gabias de sustentación atinxen profundidades de 140 cm na cámara e 70 cm no corredor.

Baixo o túmulo coñecido existiu un megálito anterior no tempo de menor tamaño e complexidade consistente nunha cámara simple, alongada e aberta composta por nove ortóstatos e dimensións de 240x190 cm. O seu túmulo tiña 10,5 m de diámetro e estaba cuberto por unha coiraza dunha soa camada de pedras.

Os ortóstatos da cámara conteñen gravados. Todas as lousas, tanto na cámara como no corredor, contan con pintura. Esta distribúese en dous rexistros horizontais separados por unha banda vermella de puntos vermellos e negros, sendo o conxunto unha composición na que prima a xeometricidade (zigue-zaques, bandas verticais e oblicuas, ondulados, retículas, etc.).

Tamén se atoparon unha fieira de ídolos, vinte en total colocados fronte ao corredor e no límite do túmulo e un notable enxoval lítico e cerámico.

[editar] Ocupación

Os estudos sobre o dolmen de Dombate fan pensar que este foi ocupado en catro momentos:

  • Momento 1, que corresponde co da súa creación, e que se produciu entre o -3800 e o -3600 a.C. Durante a segunda metade do IV milenio e os dous primeiros terzos do III só se ergueron dolmens de corredor.
  • Momento 2, arredor do -3000 a.C., durante o que se preparou e utilizou por vez primeira a área de acceso.
  • Momento 3, arredor do -2700 a.C., cando se fechou finalmente o corredor e rematou o seu uso ritual.
  • Momento 4, posibelmente coincidente coa cultura do vaso campaniforme, durante o que se violou por vez primeira.

[editar] Situación actual e futuro

O dolmen de Dombate atópase cuberto por unha carpa dentro nun recinto valado e de acceso restrinxido en horarios de visita. A curto prazo o arquitecto coruñés Francisco Vidal Pérez levará a cabo o proxecto de recuperación do dolmen de Dombate cun proxecto co que o Dolmen megalítico gozará do "máximo respecto", reducindo ao mínimo os elementos expositivos, que se trasladan ao centro de recepción. Así, o arquitecto coruñés propón intervencións que axudan a "soster e conservar" o monumento, con criterios de integración de paisaxe e territorio.

O dolmen atópase dentro dun proxecto de recuperación e musealización que ten como obxectivo converter o dolmen nun centro de interpretación do megalitismo, este sera o Parque Arqueolóxico do Megalitismo da Costa da Morte que é un dos catro centros de interpretación que constitúen a Rede Galega do Patrimonio Arqueolóxico.[1]

[editar] Galería de imaxes

[editar] Notas

[editar] Véxase tamén

[editar] Outros artigos

[editar] Ligazóns externas

Ferramentas persoais
Espazos de nomes

Variantes
Accións
Navegación
Imprimir/exportar
Caixa de ferramentas
Outras linguas