Dmitri Shostakovich

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Dmitri1.jpg

Dmitri Shostakóvich (en ruso Дми́трий Дми́триевич Шостако́вич), nado en San Petersburgo o 25 de setembro de 1906 e falecido o 9 de agosto de 1975, foi un compositor soviético.

Tivo relacións difíciles co partido comunista da URSS, que denunciou publicamente a súa música en 1936 e 1948. Porén, en público mostrouse leal co réxime, aceptou o carné do PCUS en 1960 e chegou a ser membro do Soviet Supremo. A súa actitude fronte ó réxime comunista e o Estado soviético foi tema de duras polémicas políticas e musicais, así como a súa posible disidencia clandestina á fronte do réxime.

Tras un período inicial de vangardismo musical, o seu estilo derivou cara un romanticismo musical tardío, no que a influencia de Mahler combinábase coa da tradición musical rusa, con Músorgski e Stravinski como referentes importantes. Shostakovich integrou todas esas influencias, creando un estilo moi persoal que evolucionou incluso nalgunhas obras cara a atonalidade. A súa música adoita incluír contrastes agudos e elementos grotescos, cun compoñente rítmico moi destacado. Na súa obra destacan os seus ciclos de quince sinfonías e quince cuartetos de cordas. Ademais, compuxo moita música de cámara, varias óperas, seis concertos e música de cine.

Na actualidade está considerado como un dos compositores máis destacados do século XX.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Primeiros anos[editar | editar a fonte]

Nacido en San Petersburgo, foi un neno prodixio como pianista e como compositor. Proviña dunha familia intelectual onde non faltaban as influencias políticas. Na súa infancia foi testemuña das revolucións de 1917 e escribiu algunha obra conmemorativa das vítimas da revolución. En 1922 foi admitido no Conservatorio de San Petersburgo, onde recibiu clases de Alexánder Glazunov. Alí sufriu as consecuencias da súa falta de interese pola política, e en 1926 foi suspendido no exame de metodoloxía marxista.

A primeira obra musical que obtivo fama internacional compúxoa ós 19 anos: a Sinfonía 1 en fa menor, Op. 10 (1925), que presentou como traballo de graduación e que logrou o primeiro premio de composición. Ó ser estreada pola Orquestra Filharmónica da súa cidade o 12 de maio do ano seguinte, o xúbilo apoderouse dos medios artísticos da República soviética. O éxito da sinfonía en Europa e América corroborou a revelación dun novo talento e, o que era aínda máis decisivo, do primeiro gran autor da "nova Rusia".

Trala súa graduación, iniciou unha carreira dupla como compositor e pianista, pero o seu estilo frío de interpretación non foi demasiado apreciado. Pronto limitou as súas actuacións basicamente a aquelas nas que presentaba os seus propios traballos. En 1927 compuxo a súa segunda sinfonía, denominada Dedicatoria a Outubro. Mentres compuña esta sinfonía comezou a escribir a súa ópera satírica O nariz, baseada nun conto de Nikolái Gógol. En 1929 a súa ópera foi cualificada como "formalista" pola Asociación Rusa de Músicos Proletarios, unha das asociacións de músicos da URSS.

En 1927 comezou tamén a súa relación con Iván Sollertinski, que foi o seu mellor amigo ata a súa morte en 1944. Sollertinski deu a coñecer a Shostakovich a obra de Gustav Mahler, que tivo unha gran influencia na súa música a partir da súa Cuarta sinfonía.

Cara a finais dos anos vinte, Shostakovich colaborou co TRAM, un teatro xuvenil proletario de San Petersburgo. Aínda que desenvolveu pouca actividade, o posto protexeuno de ataques ideolóxicos. Durante este tempo dedicouse intensamente a compor a súa ópera Lady Macbeth de Mtsensk, estreada en 1934 cun éxito inmediato, aínda que despois foi prohibida no seu país durante vinte e seis anos.

En 1932 casou con Nina Varzar. Aínda que tralas dificultades que tiveron desde o principio, divorciáronse en 1935, reconciliáronse pouco tempo despois.

Primeira denuncia[editar | editar a fonte]

En 1936 terminaron os bos tempos para Shostakovich ó publicar Pravda unha serie de ataques contra a súa música. Nun famoso artigo titulado "Caos en vez de música", de autoría atribuída a Stalin, condenouse a Lady Macbeth en termos drásticos, acusándoa de snobismo antipopular, pornofonía e formalismo. As representacións da ópera, que estaban tendo lugar simultaneamente en varios teatros, foron suspendidas e o compositor viu reducirse os seus ingresos e o seu prestixio, nun contexto no que a represión política estaba facendo estragos. Era a época das grandes purgas, nas que amigos e coñecidos do compositor foron enviados a prisión ou executados. O seu único consolo neste periodo foi o nacemento da súa filla Galina en 1936. Dous anos despois naceu o seu fillo Maxim.

Tras algúns ensaios en decembro de 1936 Shostakovich retirou a súa Cuarta sinfonía, sen chegar a estreala, probablemente por temor á reacción que puidese provocar. A sinfonía, unha das máis tráxicas de Shostakovich, podería ter caido coma unha bomba no clima de terror que as autoridades soviéticas pretendían encubrir con obras de arte brillantes e optimistas. A obra, que esixe unha enorme orquestra, non foi estreada ata 1961, e na actualidade segue sendo unha das sinfonías menos coñecidas de Shostakovich.

A súa Quinta sinfonía, estreada en 1937, é musicalmente conservadora. Nela a tráxica emotividade dos movementos lentos combínase cun dinamismo electrizante. A apoteose final da obra foi interpretada como optimista por uns, e como burla a unha alegría forzada por outros. Afortunadamente para Shostakovich, o réxime entendeu o primeiro e gabou a obra, que foi un gran éxito no país. Aínda que recibiu críticas atroces en occidente, a 5ª sinfonía segue sendo unha das máis populares do século XX. Foi nesa época cando Shostakovich comezou a escribir cuartetos para cordas. Os seus traballos de cámara permitíronlle experimentar e expresar ideas que serían inaceptables nas súas pezas sinfónicas máis populares.

En setembro de 1937 comezou a ensinar composición no conservatorio, o que lle deu certa estabilidade financeira, se ben interferiu co seu propio traballo creativo.

A guerra[editar | editar a fonte]

Ó atacar Alemaña á Unión Soviética en 1941, Shostakovich permaneceu inicialmente en Leningrado durante o asedio e comezou a súa Sétima sinfonía, coñecida precisamente como Leningrado. En outubro de 1941 o compositor e a súa familia foron evacuados cara Kuibishev (agora Samara), onde terminou o seu traballo, que foi adoptado como símbolo da resistencia rusa tanto na URSS como en Occidente.

Na primavera de 1943 toda a familia trasladouse a Moscova. Desa época é a Oitava Sinfonía, traballo extenso e escuro que non foi aprobado polas autoridades. A obra foi moi pouco interpretada, malia a súa excepcional calidade a xuízo de gran parte da crítica actual. Da Novena Sinfonía (1945) esperaban as autoridades unha música adecuada ás resonancias históricas do número 9 no sinfónico, e á marcha vitoriosa da guerra contra Alemaña. Esas expectativas foron frustradas polo compositor cunha estraña sinfonía, con alusións a Rossini e momentos que parecen pura música circense. En 1948 Shostakovich e outros compositores foron condenados por formalismo zhdanoviano, as súas composicións foron prohibidas e foron retirados os privilexios dos que gozaba a súa familia. Só en 1958, trala morte de Stalin, o PCUS considerou inxustas as críticas e levantou as prohibicións das composicións condenadas nas resolucións de 1948.

Os últimos anos de Stalin e o desxeo[editar | editar a fonte]

Nos anos seguintes á condena de 1948 Shostakovich compuxo traballos oficiais para asegurar a súa reivindicación oficial, á vez que traballaba en traballos serios "para o caixón do escritorio". Entre estes estaban o Concerto para violín nº 1 en La menor, dedicado a David Oistrai e que non se estreou ata sete anos despois da súa redacción, e o ciclo de cancións Da poesía popular xudía (Op. 79), obra que provocou controversia polas súas indubidables connotacións políticas. Hai quen viu neste ciclo de cancións un acto heroico de afirmación crítica contra o antisemitismo ruso, entón promovido polas autoridades soviéticas. Laurel Fay di en cambio que Shostakovich estaba intentando adecuarse á política oficial adoptando a canción popular como tema de inspiración. As tres últimas cancións do ciclo, nas que se glorifica a situación dos xudeus "na nova Rusia", parecen abundar na interpretación de Fay.

As restricións impostas á música de Shostakovich e as súas condicións de vida melloraron en 1949, ó ser enviado enviado cunha delegación de personalidades soviéticas ós Estados Unidos. Ese mesmo ano escribiu a cantata Canción dos Bosques, que eloxiaba a Stalin como o "Gran Xardineiro". En 1951 converteuse en deputado do Soviet Supremo.

Á morte de Stalin en 1953 seguiu coa Décima sinfonía, unha das súas composicións máis populares, acotío descrita como unha traxedia optimista. A sinfonía contén o famoso "tema Shostakovich", que deriva das iniciais do nome e apelido do compositor, transliteradas á lingua alemá, "D. Sch.". Na notación musical alemá, a serie D–Es–C–H representa os sons re natural, mi bemol, dó natural e si natural. No terceiro movemento da Décima sinfonía usa ese motivo DSCH xunto con outro que representa o nome "Elmira", en homenaxe á súa alumna Elmira Nazirova. Séculos antes, Johann Sebastian Bach usara o mesmo recurso coas letras B–A–C–H que, tamén na notación alemá, representan os sons si bemol, la natural, dó natural e si natural.

Durante os anos corenta e cincuenta Shostakovich tivo unha relación moi próxima con dúas das súas alumnas: Galina Ustvólskaia e a citada Elmira Nazirova. Ustvolskaia foi alumna do compositor entre 1937 e 1947. A natureza da súa relación non está clara: mentres que Rostropovich descríbea como "tenra", Ustvolskaia dixo nunha entrevista en 1995 que declinara unha proposta de matrimonio súa nos anos cincuenta. A relación con Nazirova parece que foi unilateral, segundo as cartas que el lle escribía, e pódese datar entre 1953 e 1956. No transfundo estaba o matrimonio aberto de Shostakovich con Nina Varzar,que morreu en 1954. Shostakovich casou por segunda vez en 1956 con Margarita Kainova, divorciándose en 1959.

A Undécima sinfonía, creada en 1956 e 1957, titúlase 1905, en referencia explícita á Revolución Rusa de 1905. Tamén hai críticos que relacionan a obra coa Revolución de Hungría de 1956.

A súa vinculación ó partido[editar | editar a fonte]

1960 marcou outro punto de ruptura na vida de Shostakovich: vinculóuselle ó Partido Comunista. Este evento foi interpretado como unha mostra de compromiso ou de covardía, ou como resultado da presión.

Neste período tamén foi afectado pola poliomielite, que comezou a sufrir en 1958.

A resposta musical de Shostakovich a estas crises persoais foi o seu Oitavo cuarteto de cordas, que ó igual que a Décima sinfonía incorpora diversos códigos e citas.

En 1962 o compositor casou por terceira vez. A noiva, Irina Supinskaia, tiña só 27 anos. Ese mesmo ano Shostakovich volveu ó tema do antisemitismo na sinfonía nº 13, Babi Yar. Unha obra coral baseada en poemas de Yevgeny Evtushenko, conmemorando o primeiro deles unha masacre de xudeus durante a Segunda Guerra Mundial. Hai opinións contrapostas en canto ó risco asumido polo compositor ó estrear esta obra. O poema de Evtushenko fora publicado sen problemas coa censura, malia a súa controversia. Pero despois da estrea da sinfonía Evtushenko foi presionado para que engadise ó poema unha estrofa na que se dicía que rusos e ucraínos morreran xunto ós xudeus en Babi Yar.

Os derradeiros anos[editar | editar a fonte]

Nos derradeiros anos de vida, Shostakovich sufriu unha enfermidade crónica: a mielite foi empeorando, e sufriu problemas cardíacos.

Finalmente morreu de cancro de pulmón o 9 de agosto de 1975. Foi enterrado no cemiterio de Novodévichi en Moscova, Rusia.

A súa obra[editar | editar a fonte]

Entre as súas traballos máis coñecidos encóntranse as sinfonías Quinta e Décima, e os cuartetos Oitavo e Décimo quinto. A súa música mostra a influencia que tiveron varios dos compositores ós que máis admiraba: Johann Sebastian Bach nas súas fugas e passacaglias; Beethoven nos seus últimos cuartetos; Gustav Mahler nas sinfonías, e Berg no uso de códigos musicais e de citas. Os seus traballos son amplamente tonais dentro da tradición romántica, pero con elementos de atonalidade, politonalidade e cromatismo. Nalgúns dos seus últimos traballos (como o Duodécimo cuarteto) utilizou series dodecafónicas. Moitos comentaristas notaron unha diferenciación entre os seus traballos antes das críticas de 1936 e os traballos subseguintes máis conservadores.

Volkov comentou que Shostakovich adoptou o papel do yuródivy ou iluminado. O yuródivy desempeña un papel importante na ópera de Músorgski, Borís Godunov, que Shostakovich admiraba e á que creou unha nova orquestración.

O seu carácter[editar | editar a fonte]

Shostakovich era un home obsesivo en varios aspectos: segundo a súa filla, estaba "obsesionado coa limpeza" (Árdov p. 139); sincronizaba os reloxos no seu apartamento; regularmente enviábase cartas a si mesmo para probar o funcionamento do servizo postal. No libro Shostakóvich: A Life Remembered de Wilson, lístanse 26 referencias ó seu nerviosismo. Yuri Lyubímov comenta que "o feito de que fose máis vulnerable e receptivo que as demais persoas era sen dúbida algunha un compoñente importante da súa xenialidade" (Wilson p. 183). Nos seus últimos anos de vida, Krzysztof Meyer recordou que "a súa cara era unha bolsa de tics e xestos" (Wilson p. 462).

Cando estaba de bo humor, o deporte era unha das súas principais distraccións, aínda que prefería quedar como espectador ou como árbitro para participar (era árbitro de fútbol cualificado). Tamén lle gustaban os xogos de naipes, particularmente o "solitario", e o xadrez.

As dúas caras, a escura e a clara, da súa personalidade, facíanse evidentes pola súa afección polos escritores satíricos, como Gógol, Chéjov ou Mijaíl Zóschenko (Wilson p. 41). A influencia dos anteriores pódese ver nas súas cartas, nas que fai parodias perversas dos funcionarios soviéticos.

Shostakovich era tímido por natureza: Flora Litvínova dixo que "era incapaz de dicir non a calquera persoa" (Wilson p. 162). Isto significaba que era facilmente persuadible para firmar comunicados oficiais, incluíndo unha denuncia pública de Andréi Sájarov en 1973.

Ortodoxia e revisionismo[editar | editar a fonte]

A resposta de Shostakovich ás críticas oficiais é discutible. Está claro que aparentemente era parte do Estado. Pronunciou discursos, ou polo menos leunos, e firmou artigos que expresaban a liña de pensamento do goberno. Tamén é xeralmente aceptado que lle desgustaba o réxime, punto de vista confirmado pola súa familia, as súas cartas a Isaak Glikman e a cantata satírica Rayok, que ridiculiza a campaña antiformalista e que se mantivo oculta incluso despois da súa morte.

O incerto é ata que punto Shostakovich trataba de mostrar a súa oposición ó réxime a través da súa música. O punto de vista revisionista foi exposto por Solomón Vólkov no libro Testimony en 1979, que Vólkov presentou como se fosen as memorias de Shostakovich. O libro argumenta que varios dos traballos do compositor teñen mensaxes en clave contra o goberno. Que Shostakovich incorporaba citas e alusións no seu traballo é evidente, ó igual que o é a súa firma musical DSCH. O seu colaborador por moito tempo Yevgeny Mravinsky dixo que "Shostakovich explicaba frecuentemente as súas intencións con imaxes e connotacións" (Wilson p. 139). A perspectiva revisionista foi apoiada polos fillos do compositor, Maxim e Galina, e por varios músicos rusos. A viúva Irina en xeral apoia esta tese, pero afirma que Testimony é unha falsificación de Vólkov. Un revisionista prominente foi Ian MacDonald, experto nos Beatles e en Shostakovich. O seu libro The New Shostakovich interpreta a música de Shostakovich en clave conspirativa, case cada corchea ten un significado.

Os antirevisionistas negan a autenticidade de Testimony e alegan que Vólkov fixo unha compilación de diversos artigos, ruxe-ruxes e posiblemente algunha información obtida directamente do compositor. Mais en xeral, argumentan que a significación de Shostakovich está máis na súa música que na súa vida, e que buscar mensaxes políticas non mellora, senón que vai en detrimento do valor artístico da súa música. Entre os antirevisionistas destacan Laurel Fay e Richard Taruskin.

Outros estudosos da súa vida e obra son Elizabeth Wilson, autora de Shostakovich: A Life Remembered, que brinda interesantes testemuñas sobre o compositor, e o compositor polaco Krzysztof Meyer, escribiu outro libro (editado en castelán como Shostakóvich: su vida, su obra, su época), que proporciona unha introducción accesible á vida e á obra de DSCH.

Lecturas complementarias[editar | editar a fonte]

Libros[editar | editar a fonte]

  • Ardov, Michael (2004). Memories of Shostakovich. Short Books. ISBN 1-904095-64-X.
  • Fay, Laurel (1999). Shostakovich: A Life. Oxford University Press. ISBN 0-19-513438-9.
  • Ho, Allan and Feofanov, Dmitry (1998). Shostakovich Reconsidered. Toccata Press. ISBN 0-907689-56-6.
  • MacDonald, Ian (1990). The New Shostakovich. Northeastern University Press. ISBN 1-55553-089-3.
  • Shostakovich, Dmitri and Glikman, Isaak (2001). Story of a Friendship: The Letters of Dmitry Shostakovich to Isaak Glikman. Cornell Univ Press. ISBN 0-8014-3979-5.
  • Shostakovich, Dmitri and Volkov, Solomon (2000). Testimony (7th edition). Proscenium. ISBN 0-87910-021-4.
  • Volkov, Solomon (2004). Shostakovich and Stalin: The Extraordinary Relationship Between the Great Composer and the Brutal Dictator. Knopf. ISBN 0-375-41082-1.
  • Wilson, Elizabeth (1994). Shostakovich: A Life Remembered. Princeton University Press. ISBN 0-691-04465-1.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Dmitri Shostakovich

Audio[editar | editar a fonte]