División Azul

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «División azul»)
Soldados da División Azul de camiño á fronte oriental

A 250. Einheit spanischer Freiwilliger da Wehrmacht, máis coñecida como a División Azul (Blaue Division, en alemán), foi unha unidade de voluntarios españois que serviu entre 1941 e 1943 no exército alemán durante a segunda guerra mundial, na Fronte Oriental contra a Unión Soviética.

Orixe[editar | editar a fonte]

Aínda que España non interveu oficialmente na segunda guerra mundial do lado da Alemaña nazi, Franco permitiu que os voluntarios que o desexaran se enrolaran no exército alemán. Deste xeito, podía manter a neutralidade española mentres simultaneamente compensaba a Hitler pola súa axuda durante a guerra civil española[1]. O ministro de Asuntos Exteriores da época, Ramón Serrano Súñer, suxeriu a creación dun corpo voluntario, a principio da Operación Barbarossa, e Franco enviou unha oferta oficial da axuda a Berlín. Hitler aprobou o uso de voluntarios españois o 24 de xuño de 1941. O recrutamento detívose cando se alcanzaron efectivos suficientes para formar unha división (uns 18.000 homes), cuxos elementos serían xefes e oficiais voluntarios procedentes do exército regular e as clases de tropa voluntarios recrutados nas xefaturas provinciais de toda España.

O 50 % dos oficiais e soldados eran militares de carreira, moitos deles falanxistas veteranos da guerra civil e estudantes das distintas universidades. O xeneral Agustín Muñoz Grandes foi designado para conducir aos voluntarios durante o seu primeiro ano. Posteriormente substituíuno Emilio Esteban Infantes.

Os voluntarios partiron de España cos uniformes das súas unidades de orixe, do Exército de Terra ou das milicias da FET y de las JONS. Ao chegar a Alemaña e recibir o uniforme da Wehrmacht, os falanxistas negáronse a deixar a camisa azul, que levaban en substitución da regulamentaria, polo que a división empezouse a coñecer como "División Azul".

O 13 de xullo de 1941 saíu de Madrid o primeiro tren de voluntarios rumbo a Alemaña. Tras cinco semanas de instrución no campamento de Grafenwöhr (Baviera) o grupo formado por estes voluntarios transformaríase na 250 división de infantaría do exército alemán, integrada inicialmente por tres rexementos de infantaría e un de artillaría, cos numerais 262, 263, 269 e 250 respectivamente, máis unidades divisionarias de anticarros, exploración, comunicacións, zapadores e Cuartel Xeral.

O 20 de agosto, tras prestar xuramento de lealdade a Hitler (o cal se modificou especialmente para mencionar a loita contra o comunismo), a División Azul foi enviada á Fronte Rusa. Foi transportada en tren a Suwalki, Polonia, desde onde tivo que continuar a pé. Despois de avanzar até Smolensk despregouse no sitio de Leningrado, onde pasou a integrarse no XXXVIII Corpo do Exército alemán, que formaba parte do XVI Exército.

Entrada en combate[editar | editar a fonte]

O despregamento era o seguinte: o 262º Rexemento no subsector de Novgorod; o 269º Rexemento cubría o subsector Norte con retagarda en Podvereje e o 263º Rexemento no subsector Centro e no subsector do Ilmen, os Grupos Anticarro e de Exploración. O Rexemento de Artillaría posicionouse ao Oeste de Nóvgorod, onde quedou establecido o Cuartel Xeral.

Desde a súa chegada á fronte, en outubro de 1941, a División Azul sufriu fortes perdas no sitio de Leningrado, debidas tanto ao combate como á acción do frío. A partir de maio de 1942 empezaron a chegar desde España máis efectivos para cubrir as baixas e relevar aos combatentes feridos. Ata 46.000 voluntarios serviron na fronte do Leste, dos cales arredor duns 24.000 eran recrutas.

Despois da caída da fronte en Stalingrado, a situación cambiou e máis tropas alemás foron despregadas en relevo das españolas. Isto coincidiu co cambio no mando da división, que foi asignado ao xeneral Emilio Esteban Infantes. Finalmente os aliados comezaron a exercer presións sobre Franco para que retirase as tropas voluntarias. As negociacións iniciadas por este a finais de 1943 concluíron cunha orde de repatriación por fases o 10 de outubro.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Un exemplo de esa axuda é a Lexión Cóndor

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]