Discurso do método

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Portada da primeira edición

O Discurso do método é unha obra de René Descartes publicada en 1637. O título orixinal é Discurso do método para conducir ben a propia razón e buscar a verdade nas ciencias (Discour de la méthode pour bien conduire sa raison, et chercher la vérité dans les sciences) e é unha obra fundamental da filosofía occidental con implicacións para o desenvolvemento da filosofía e da ciencia.

Contido[editar | editar a fonte]

O propio Descartes divide a súa obra en seis partes:

Primeira parte[editar | editar a fonte]

Constitúe unha autobiografía intelectual na que Descartes pon en dúbida todos os coñecementos aprendidos até o momento. Propón un novo método para chegar a un saber que sexa totalmente seguro e realiza unha profunda crítica das ciencias e da filosofía escolástica do seu tempo. Despois diso, recoñece que as matemáticas e o coñecemento doutras persoas, mediante viaxes, ofrecen un saber seguro pero acaba rexeitando estas viaxes xustificándoo asegurando que as diferencias que existen entre uns pobos e outros non permiten coñecer a verdade. Conclúe afirmando que a única maneira de atopar a verdade é nun mesmo.

Segunda parte[editar | editar a fonte]

Nesta parte, sinala que as ciencias, ao ser realizadas por diferentes autores coas súas distintas opinións, non son portadoras dun verdadeiro saber. Propón renunciar a esta diversidade de opinións e extraer outra da nosa propia razón, xa que as crenzas coas que nos educaron dependen do entorno onde naceramos e das persoas que nos educaron. Descartes aclara que a reforma non se encamiña a unha reforma da ensinanza oficial, senón que explica como el levou a cabo a reforma do seu propio pensamento. Seguidamente, expón os fundamentos do seu novo método, que foron encontrados na lóxica, na análise, na álxebra e na xeometría.

Terceira parte[editar | editar a fonte]

Establece a dúbida metódica para poder chegar á verdade na segunda parte, pero nesta terceira explica que, mentres dubida de todo, ten que crear unha moral provisional que controle a súa vida.

Concluída a súa moral provisional, decide adicar toda a vida á razón e avanzar no coñecemento mediante o uso do método. Para iso, decide viaxar e falar cos homes, e faino durante nove anos, mais, pese a avanzar no coñecemento da verdade, non consegue encontrar os fundamentos dunha filosofía <<máis certa que a vulgar>>. Decide viaxar aos Países Baixos para realizar esta nova filosofía e faino durante a Guerra dos Trinta Anos, tempo suficiente para adicarse a esta tarefa.

Cuarta parte[editar | editar a fonte]

Este é o capítulo central do Discurso do método, no que crea un principio para a nova filosofía: <<Penso, logo existo>>, establecendo a partir del a existencia de Deus.

A existencia de Deus demóstranos, ao mesmo tempo, a existencia do mundo, xa que Deus é infinitamente bo e non pode deixar que nos enganemos ao pensar que o mundo existe e é así como Deus garante a existencia das nosas ideas.

Pero Descartes, pese a ter en conta o dito, afirma que <<é o noso deber e non o de Deus, librarnos das ilusións e evitar os erros>>.

Quinta parte[editar | editar a fonte]

René Descartes, autor da obra, no seu escritorio

Aquí explica brevemente o contido do mundo. Explica a formación do mundo entorno á luz: o sol prodúcea, os ceos transmítena, a terra e os demais planetas reflíctena e o home actúa como espectador.

A continuación, establece as principais funcións do ser vivo. Sostén que o corazón se dilata e se contrae grazas á calor que expulsa e tamén a que os <<espíritos animais>> son transportados aos distintos órganos.

Por último, diferencia o home do resto dos animais xa que non teñen pensamento ou alma racional. Explícase que os animais si teñen alma, pero é inferior dado que os animais non fan uso da razón e que a alma do home é independente do corpo e inmortal.

Sexta parte[editar | editar a fonte]

Neste último capítulo, establece unha serie de reflexións sobre o alcance da investigación científica, pensando, ademais, na publicación das súas sopesando as razóns favorables e en contra. Así, o progreso científico reporta moitos beneficios materiais e morais e necesita a comunicación das experiencias doutras persoas.

Pola contra, Descartes non se convence da publicación da súa investigación, xa que esta pode mesturarse co espírito relixioso dos teólogos da época, dando lugar a algunha que outra controversia e malgastando dese modo o seu tempo.

Todas estas razóns lévano a publicar só o Discurso do método e outros pequenos ensaios. No remate da obra, afirma que se consagrará á medicina, afirmando de novo que el non quere ser importante no mundo para poder adicarse ao estudo sen obstáculos nin distraccións.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]