Dirndl

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
BeispielGestaltung.jpg

Dirndl é a versión bávara e austríaca do dirne alemán e do baixo saxón deern, que significa mociña. Un vestido para muller nova chamaríase en realidade Dirndlgewand en bávaro. Porén, na actualidade é o termo Dirndl o que se emprega con maior frecuencia. Sendo isto certo, tamén é salientable que nalgunhas localidades bávaras e austríacas seguen a utilizar o termo orixinal.

É o Dirndl un traxe tradicional?[editar | editar a fonte]

É importante distinguir entre un Dirndl e un traxe de carácter tradicional. Un traxe tradicional ten certas características polas que se podería distinguir de que rexión provén a persoa que o leva e en certos casos mesmo a posición social. O Dirndl actual non ten característica de rexión ningunha, pero recibe influencias dos traxes tradicionais bávaros. Polo tanto, hai diferenza entre un Dirndl típico (un vestido con diantal e teas con bordados tradicionais) e un Dirndl de campo, normalmente elaborado con liño.

Historia[editar | editar a fonte]

Orixinariamente, o Dirndl provén do oeste dos Alpes, sendo un vestido netamente do campesiñado. Logo foi usado nas cidades exclusivamente polas criadas (moitas delas campesiñas) e a partir de 1870-80 empezárono a levar as clases altas e a aristocracia como vestido moderno de verán. O emperador Francisco Xosé foi quen serviu de exemplo para modernizar os Lederhosen (os pantalóns de coiro típicos dos homes) e o traxe tradicional bávaro e austriaco.

O Dirndl moderno chegou á cidade de Múnic, capital de Baviera, a través da tenda "Wallach", de propietarios xudeus. Nela vendíanse os vestidos con teas de cores e motivos. Isto forneceulles un gran prestixio aos seus donos, Julius e Moritz Wallach. Ademais de encargarse da venda, os irmáns Wallach tamén organizaban desfiles no Oktoberfest e óperas no teatro "Im Weißen Rössl", o que axudou a popularizar o vestido entre as clases altas da cidade. O nome Wallach converteuse daquela en sinónimo de Dirndl moderno en Múnic e a Alta Baviera. En 1939 foron obrigados a vender o seu negocio pola política racista de Hitler. Porén, logo da guerra lograron recuperalo.

Actualmente, vestir un Dirndl considérase como un símbolo de orgullo bávaro, ainda que moitas mulleres (e homes) úsano porque lles resulta simplemente con xeito, xa que acentúa as curvas femininas e esconde calquera imperfección. Nestes últimos anos, algúns deseñadores redescubrírono e o elaboran con teas caras ou exóticas coma os sari.

Simbolismo[editar | editar a fonte]

O lazo co que se ata o diantal simbolizaba antigamente o estado civil da portadora. Se a muller ataba o lazo no lado dereito, significaba que estaba casada ou comprometida e se o lazo ía no lado esquerdo solteiría. Só as viúvas usaban o lazo atado atrás. Até antes da Segunda Guerra Mundial era equivalente á virxindade da muller.

Variantes[editar | editar a fonte]

Dirndl en diferentes formas e cores.

Un Dirndl pode ser dunha soa cor, de varias cores ou mesmo con estampados. A tea pode ser de liño ou seda. Hoxe en día, xeralmente é dunha soa peza con ganchos e a parte dianteira, ou cremalleira na parte posterior ou lateral. Tradicionalmente, un Dirndl ten un peto diante oculto polo diantal.

Por debaixo do vestido úsase unha blusa especial branca que chega ata a metade do abdome. Ademais, adóitase usar un pano no pescozo ou sobre os ombreiros. Como alfaia, lévase so unha gargantilla cun camafeo. O Dirndl moderno é, polo xeral, moi escotado, e o longo da faldra varía segundo a idade da portadora.

Nas festas populares como o Oktoberfest ou outras romarías do sur de Alemaña e os Alpes, as lugareñas visten Dirndl e os homes Lederhosen. En Múnic hai toda unha cultura arredor do traxe que o converteu nunha indumentaria imprescindible non só para bávaros ou austríacos.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Dirndl Modificar a ligazón no Wikidata

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]