Diego Ameixeiras
Diego Ameixeiras Novelle, nado en Lausanne en 1976, é un xornalista e escritor galego.
Índice |
[editar] Traxectoria
Traballou escribindo para varias series emitidas pola TVG (Terra de Miranda, Os Atlánticos, Matalobos). Foi co-guionista das longametraxes 18 comidas (Jorge Coira, 2010), pola que recibiu un Premio Mestre Mateo ao mellor guión, e La mujer del Eternauta (Adán Aliaga, 2011).
Publicou dúas novelas de serie negra ambientadas en Ourense: Baixo mínimos (2004) e O cidadán do mes (2006), protagonizadas polo detective Horacio Dopico. O coidado estilo destas dúas obras, parodia do hard-boiled enchido de dialectalismos correspondentes ás falas de Ourense, aproxímano á produción narrativa de Bieito Iglesias.
No 2006 gañou o Premio Xerais de Novela con Tres segundos de memoria, obra catalogada como "xeracional" pola crítica e cuxo argumento narra o día a día dun personaxe anónimo atrapado na precariedade económica e sentimental. Escrita con grandes doses de humor, a novela está chea de referenzas literarias e musicais e nun dos seus capítulos o autor homenaxea ao Nick Hornby de "Alta fidelidad". En 2009 publicou a súa cuarta novela, Dime algo sucio, que foi, xunto con Sete palabras de Suso de Toro, o primeiro libro electrónico publicado pola editorial Xerais. Traducida ao castelán por Pulp Books, esta durísima novela significou un cambio de rumbo na traxectoria do autor, centrado agora en problemas tan espiñentos como a pederastia. "Dime algo sucio" recibiu o Premio Especial do Director da Semana Negra de Xixón na súa edición de 2011, ex aequo con Las niñas desaparecidas, de Cristina Fallarás. En setembro de 2010 editouse a novela Asasinato no Consello Nacional, Premio Irmandade do Libro ao Mellor Libro do Ano 2010 e un auténtico éxito de vendas. En 2011 gañou o premio de novela por entregas de La Voz de Galicia con Historias de Oregón, a publicar no xornal durante o mes de agosto[1].
Colaborou no monográfico A falacia da sustentabilidade, editado por Renderén. Na actualidade colabora no suplemento "Culturas" de "La Voz de Galicia".
[editar] Obras
[editar] Narrativa
- Baixo mínimos (Xerais, 2004).
- O cidadán do mes (Xerais, 2006).
- Tres segundos de memoria (Premio Xerais de Novela, Xerais, 2006).
- Dime algo sucio (Xerais, 2009).
- Asasinato no Consello Nacional (Xerais, 2010).
- Historias de Oregón (Xerais, 2011).
[editar] Obras colectivas
- Letras novas, 2008, Asociación de Escritores en Lingua Galega.
[editar] Notas
- ↑ "Diego Ameixeiras faise co Premio de Novela de La Voz de Galicia", artigo en Cultura Galega, 8 de xullo de 2011
[editar] Véxase tamén
[editar] Ligazóns externas
- Ficha do autor na editorial Xerais
- "Os homes, á nosa maneira, tamén falamos de sentimentos", entrevista en Vieiros, 12 de xuño de 2006.
- "Ser áxil e directo escribindo é unha obriga, non unha cualidade", entrevista de Óscar Iglesias en El País, 11 de decembro de 2009 (en castelán).
- [1]