Dicksonia antarctica

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Dicksonia antartica

Dicksonia antarctica no seu hábitat natural en Gippsland, Australia.
Clasificación científica
Reino: Plantae
División: Pteridophyta
Clase: Pteridopsida
Orde: Cyatheales
Familia: Dicksoniaceae
Xénero: Dicksonia
Especie: D. antarctica
Nome binomial
'Dicksonia antarctica'
Labill. 1807
Dicksonia antarctica

A Dicksonia antarctica, é unha pteridófita, un fento arborescente nativo de certas partes de Australia, ao sueste de Queensland, no litoral Nova Gales do Sur, Tasmania, e Victoria. Tense naturalizado nalgunhas zonas de Galiza, coma en Oia (Pontevedra), sendo esta a única poboación silvestre de toda a Península Ibérica.

Descrición[editar | editar a fonte]

A planta pode crecer até 15 m de altura, mais tipicamente medran soamente uns de 4 ou 5 metros, e consisten nun rizoma erecto formando un tronco. Son ricos en gramíneas na base do estípite (tronco). As follas son grandes e escuras, espalladas nun dosel de 2 a 6 metros de diámetro. As formas das frondes poden variar, existindo unhas fértiles e outras estériles, en camadas alternadas. O "tronco" deste fento está formado puramente de materia morta do crecemento máis temperán da planta e forma un medio a través do que as raíces poden medrar. O tronco é usualmente solitario, sen coitelas, mais pode deixar marcas. Estes poden cortarse e, se se manteñen húmidos, as partes de arriba poden ser replantadas e formar novas raíces. O toco, porén, non se rexenerarán porque é materia orgánica morta. Na natureza, os troncos fibrosos son hóspedes dun gran rango de plantas epífitas incluíndo outros fentos e musgos. Medra de 3,5 a 5 cm por ano e produce esporas á idade de aproximadamente 20 anos.

Reprodución[editar | editar a fonte]

A reprodución da especie é primordialmente por esporas, mais tamén pode ser cultivada por plantóns que se desenvolven na base do rizoma. En cultivo, se lle pode facer medrar coma "esgallo", un método que non debe ser estimulado a menos que a árbore-fento estea condenada a morrer na súa actual posición. Isto involucra plantar o tronco, na súa forma usual a nivel do terreo e removendo as frondes; a parte de arriba formará raíces e regromará, pero a base morrerá.

Hábitat[editar | editar a fonte]

Este fento medra en outeiros ben abeirados, en bosques e en cavorcos húmidos, e ocasionalmente se desenvolve en elevadas altitudes en bosques de sombra. Dicksonia antarctica é a árbore fento máis abondosa do sueste de Australia.

Dáse ben en solos acedos, neutrais e alcalinos. Pode crecer na semi-sombra. Vese afectado pola seca, especialmente pola sequidade das raíces, polo que se desenvolve mellor en solos húmidos.

Cultivo[editar | editar a fonte]

Dicksonia antarctica nun xardín inglés. O tronco é 60 cm de alto.

É particularmente conveniente para plantacións de xardín e propósitos paisaxistas. Como planta ornamental, é tolerante ao frío en arredor de –5 C, desenvolvéndose con éxito ao ar libre por exemplo en Galiza. Na Gran Bretaña medra ben nas partes menos frías, coma en Cornualla.

É mellor deixar as vallas frondes na planta para protexer o tronco do frío e da sequidade. Se o inverno é moi frío, cómpre protexer os troncos.

Medran mellor en áreas con choivas superiores aos 1,000 mm por ano (como en Galiza) mais tamén poden medrar noutras áreas sempre que os solos sexan lamacentos ou que teñamos rega por goteo.

O solo debe ser rico, abundante en materia orgánica e alta humidade.

Reprodución[editar | editar a fonte]

As Dicksonia antarctica dispoñíbeis no mercado veñen de fragas de Tasmania e poden ter centos de anos. As prácticas de corte e transporte pola compañía Gunns, que ten o monopolio estatal en explotación forestal, teñen sido moi criticadas por grupos ecoloxistas durante varias décadas.[1]

Comestibilidade[editar | editar a fonte]

Dicksonia antarctica.

Este fento pode ser comestíbel, o miolo da planta pode ser cociñado ou consumido en cru, sendo unha boa fonte de amidón.

Árbores senlleiras[editar | editar a fonte]

Un exemplar de dicksonia do Pazo de Ortigueira, en Vedra (A Coriuña), figura na lista de Árbores senlleiras de Galicia, elaborado pola Xunta.

Poboacións bravas de Dicksonia antarctica en Galiza[editar | editar a fonte]

En 2002 rexistrouse unha poboación asilvestrada de Dicksonia antarctica preto do mosteiro de Oia, en Oia (Pontevedra). Os fentos arborescentes foron descubertos polo botánico Xosé Ramón García e primeiramente foran identificados como Culcita macrocarpa. A poboación está formada por varias ducias de exemplares que medran á beira dun rego que baixa dos cumios do alto do Lousado (613 m), que constitúen a primeira avanzada da serra da Grova polo poñente. O tamaño dos maiores achégase os catro metros, presentando enormes frondes ou follas que superan os dous metros de longo. A propagación faise por soros, que desprenden esporas e que substitúen as sementes das plantas fanerógamas coas que estamos máis afeitos a tratar. O clima benigno, a humidade permanente e a ausencia de xeadas fixo o resto[2]. Os incendios do 2006 e posteriores choivas, deixaron reducido o grupo a 6 exemplares. Debido a isto a Asociación naturalista Baixo Miño, ou Anabam impulsou un plan de recuperación deste reduto. Os esforzos céntranse en adaptar e recuperar o terreo queimado e erosionado. Ademais búscanse reintroducir novos exemplares a partir de esporas obtidas en catividade.[3]

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Flanagan, Richard (Maio de 2007). "Out of control: the tragedy of Tasmania's forests". The Monthly 23: 20–31. 
  2. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 04 de xullo de 2009. Consultado o 13 de setembro de 2013. 
  3. Una ONG intenta salvar a un helecho arbóreo en Galicia. Cuaderno 330, Agosto 2013. Revista Quercus(en castelán)

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]