Oceánidas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Deuses-río»)
Aqueloo, un dos principais deus fluviais (1586)

Na mitoloxía grega, os Oceánidas (en grego Ποταμοί Potamoí, 'ríos'; en latín Fluminae) eran deuses fluviais, ou deuses-río, personificacións dos ríos que se supoñían gobernados por eles. Eran fillos de Océano e Tetis (unha das Titánides), pais de tódolos ríos, e Hesíodo dá os nomes de todos eles, un por cada río coñecido na época, e aínda engade que son outros tres mil máis [1]. Desta forma, serían irmáns das Oceánides.

"Tetis, con Océano, deu a luz ós impetuosos ríos: o Nilo, o Alfeo, o Erídano, o Estrimón, o Meandro, o Istro, o Fasis, o Reso, o Aqueloo, o Neso, o Rodio, o Haliacmón, o Hectáporo, o Gránico, o Esepo, o Simunte, o Peneo, o Hermo, o Ceco, o Sangario, o Ladón, o Partenio, o Eveno, o Ardesco e o Escamandro".
(Hesíodo: Teogonía 338-345)

Representábanse como anciáns de longa barba cos atributos da fauna e a flora propios do río do que tomaban o nome. Lucían grilandas ou coroas feitas coa vexetación do lugar, ou ben dous cornos, se o río se dividía en varios brazos. En numerosas esculturas os deuses fluviais apóianse nunha ánfora da que mana a auga do río, ánfora que aparece máis ou menos inclinada dependendo da rapidez coa que circulaban as augas do río correspondente.

Adoitaban invocarse antes de cruzar os ríos, co enorme respecto que merecían.

Relación dos Oceánidas[editar | editar a fonte]

Relevo votivo dedicado ao deus Cefiso, representado nunha asemblea divina na que tamén están Aqueloo e un touro antropomórfico (Museo Arqueolóxico Nacional de Atenas).

Iconografía[editar | editar a fonte]

Deus río Nilo, en Nápoles (s. II-III)

Os deuses-ríos compórtanse como verdadeiras personificacións, que normalmente se limitan a ser simples espectadores, coas notables excepcións de Alfeo e Aqueloo. Adoitan estar representados tendidos no chan, nus e sen que teñan atributos que permitan identificalos. O caso contrario sería, de novo, Aqueloo, representado como un touro con cabeza humana e cornos, que pode correr e turrar.

Un exemplo é o deus-río Nilo, coñecido polas esculturas de Nápoles ou dos Museos Vaticanos. Represéntase como un home ancián, con pelo e barba longos, e coroado cunha grilanda de follas, flores e froitos. Porta unha cornucopia, que representa a abundancia de froito que proporciona, e apóiase sobre unha esfinxe exipcia. No caso do Nilo dos Museos Vaticanos, unha chea de meniños rube polo corpo do deus, simbolizando o número de cóbados que debe subir o Nilo para que a crecida sexa frutífero. O mesmo modelo utilizarase nun mosaico do século V ou nun marfil do século VI.

A Fonte dos Catro Ríos (Roma)

Noutros casos será un home novo e imberbe se o río é de pouco caudal, ou vello e forte, barbado, se é un río caudaloso. Apóiase sobre unha rocha ou sobre un cántaro do que se verte auga. Algunha vez adórnase con algún atributo local. Os romanos representan o Río Tíber, personificado como Tiberinus, acompañado da loba Luperca e Rómulo e Remo; en ocasións, tamén cunha proa de barco ou unha das pontes do Tíber.

"Parécelle [a Eneas] que o propio deus do lugar, Tiberino, de amena corrente, como un ancián alzábase entre as follas dos chopos (cubríao un leve vestido de glauco manto e o seu cabelo de umbrosa cana coroábao)".
(Virxilio: Eneida VIII, 31-34)

No Renacemento, os deuses fluviais seguirán representándose de forma similar, e servirán de modelos a artistas como Rafael Sanzio, Giulio Romano, Sansovino ou o mesmo Bernini, que na súa Fonte dos Catro Ríos (Roma, 1651) engade o río río Ganxes e o río da Prata ós tradicionais ríos Nilo e Danubio.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. O tradutor de Hesíodo fai notar que, salvo o Nilo e algún máis, a relación dos ríos limítase a Grecia, Asia Menor grega, Tracia exea e o Mar Negro (nota 37, px. 49).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • ELVIRA BARBA, Miguel Ángel: Arte y mito. Manual de iconografía clásica. Sílex, 3ª ed. 2017, 301-303.
  • GRIMAL, Pierre: Diccionario de mitología griega y romana. Ed. Paidós, 1981.
  • HESÍODO: Teogonía. Trabajos y días. Escudo. Certamen, Alianza Editorial, 3ª ed., 2013 [a numeración segue a utilizada neste texto].
  • VIRXILIO: Eneida. Alianza Editorial, 1ª Ed 1986 [a numeración segue a utilizada neste texto].

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]