Desiderio Comesaña Prado

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Desiderio Comesaña Prado
Nacemento1900
Lugar de nacementoPontevedra
Falecemento16 de febreiro de 1956
Lugar de falecementoPontevedra
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónsindicalista
editar datos en Wikidata ]

Desiderio Comesaña Prado, nado en Pontevedra en 1900 e finado na mesma cidade o 16 de febreiro de 1956,[1][2] foi un anarcosindicalista galego, implantou o sindicato Confederación Nacional do Traballo nas comarcas de Pontevedra, O Morrazo e O Salnés durante a Segunda República Española.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Comezou a súa militancia sindicalista na emigración arxentina. Retornado a Pontevedra, en 1927 foi presidente da Sociedade de Camareiros. Na mesma cidade foi membro fundador da Sociedad Obrera de Cultura, da Federación Local de Trabajadores da CNT e do periódico ¡¡Revolución!!. Porén, debido ó control mantido polo PCE local, deixou esas agrupacións, ingresando na Sociedad de Camareros do Comité Rexional Galaico da CNT.

Anarquismo[editar | editar a fonte]

En 1932 fundou o Ateneo Obrero de Divulgación Social e colaborou na creación do grupo anarquista Natura, a partir do cal en 1933 artellouse o primeiro comité rexional da Federación Anarquista Ibérica coa axuda de Francisco Iturralde Cabeza de Vaca, funcionario de telégrafos. Coa folga xeral revolucionaria de 1934 foi detido pola policía na praza da Ferrería de Pontevedra o 7 de outubro; procesado o 26 de outubro pola súa actuación contraria ao bando de guerra, o 21 de novembro acordouse o sobresemento provisional da causa.[3]

Moi coñecido na comarca do Morrazo, representou ó sindicato de Moaña Fraternidad Marinera no Congreso da CNT celebrado en Zaragoza en maio de 1936.

Golpe militar[editar | editar a fonte]

Logo do golpe de Estado do 18 de xullo de 1936, no Nadal de 1937 fuxiu a Portugal xunto a Ubaldo López a través de Ponte Barxas (Padrenda) coa axuda de Elena Pintado Martín. Foron detidos pola policía portuguesa logo de seren delatados por un confidente de Lavadores. Inicialmente condenado a morte, conmutóuselle a pena pola de prisión perpetua. Tras pasar por varios penais, como as minas de Fontao (Vila de Cruces), en 1945 abandonou o Destacamento Penal das minas de volframio de Silleda, retomando axiña o contacto co Comité Rexional Galaico na clandestinidade. Foi subdirector da Compañía de Seguros Santa Lucía en Pontevedra e desde a súa correduría de seguros colaborou coas actividades da Alianza Nacional de Fuerzas Democráticas.

Vida persoal[editar | editar a fonte]

Casou con Elena Matos Torres, filla de Eduardo Matos Portela, en febreiro de 1934, e foi pai de Aurora e Esther Comesaña Matos.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Necrolóxica en El Pueblo Gallego, 17-2-1956, p. 9.
  2. El Pueblo Gallego, 18-2-1956, p. 9.
  3. Desiderio Comesaña, outubro de 1934.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]