Deserto do Atacama

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Deserto do Atacama

O deserto do Atacama é o maior deserto de Sudamérica. Con preto de 200 km² de extensión, está situado ao norte de Chile, na rexión de Atacama. Está considerado o deserto máis alto e máis seco do mundo, pois chega a botar décadas sen recibir choiva.

As temperaturas varían entre os 0 °C á noite e 40 °C durante o día. En función destas condicións existen poucas cidades e vilas nel. A máis importante é San Pedro de Atacama, que ten pouco máis de 3.000 habitantes e está a 2.400 metros de altitude. Moi illada, é o principal punto de encontro de viaxeiros do mundo enteiro, mochileiros, fotógrafos, astrónomos, científicos, investigadores ou aventureiros.

Historia[editar | editar a fonte]

Estivo primeiramente habitada polos atacameños, pobo da rexión que lle deu nome ao deserto, e mais polos aimarás. Ambos deixaron un legado arqueolóxico inestimábel, gardado en importantes museos, salientando o Museo de San Miguel de Azapa, localizado no Val de Azapa a case 12 km de Aripa, e o Museo del Padre Le Paige, en San Pedro de Atacama.

Hai importantes manifestacións de arte rupestre precolombinas, na rexión e é o berce dunha das maiores esculturas de figura humana feita na prehistoria, o Xigante do Atacama. Ao facermos incursións polas entrañas do deserto tamén podemos descubrir ruínas intactas como as vivendas circulares de Tulor que datan do 800 a.C, e as pukaras, fortalezas de defensa en Quitor e Lasana, alén do centro administrativo inca en Catarpe e Aripa.

Puntos turísticos[editar | editar a fonte]

O deserto componse de diferentes paisaxes, que son tamén os principais atractivos turísticos: o Valle de La Luna, o Valle de la Muerte, os géyseres, o Gran Salar, as termas de Puritama, as ruínas de Tulor, e os volcáns Licancabour e Lascar entre os máis coñecidos. Outro atractivo do deserto son as enigmáticas figuras marcadas no chan, algunhas delas con case 200 m de longo, que só poden ser identificadas a través de vista aérea. Son de orixe descoñecida.

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Deserto do Atacama