Descolonización de Asia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.


Agás nos imperios de China e Xapón a penetración europea na Asia central e oriental concluíra a fins do século XIX, coa integración de extensos territorios, densamente poboados na organización dos imperios coloniais europeos. Tres grandes rexións asiáticas pertencían a tres imperios europeos. Todo o subcontinente do Indostán incorporárase dende o século XVII ó Reino Unido; Indonesia dependía a súa vez dos Países Baixos dende a mesma época. A terceira rexión colonial asiática era Indochina, que fora integrada dende mediados do XIX no Imperio francés.

Había en Asia oriental algúns outros territorios coloniais, herdanza dos vellos imperios ibéricos, pero o protagonismo do proceso de conquista da independencia política osténtano os países xurdidos desas tres rexións. De todos eles o de maior influencia en todo o mundo colonial foi o da India a xoia da coroa británica.

As colonias británicas: Independencia do Indostán[editar | editar a fonte]

A independencia política da península do Indostán foi, salvando o illado caso das Illas Filipinas, que se liberou do protectorado americano en 1946, o primeiro paso decisivo da descolonización no continente asiático. Trátase dun proceso rápido, que se fai consonte co goberno británico. En febreiro de 1947 o propio presidente británico, o laborista Clement Attlee, fixa a data de transmisión do goberno a mans indias poñendo o ano seguinte como límite. Esta posición oficial acelera os acontecementos que culminan coa sinatura dos acordos de transmisión de poderes entre o derradeiro vicerrei da India, lord Mountbatten e os líderes dos dous grandes partidos indios: o Partido do Congreso de Gandhi e Nehru e a Liga Musulmá de Ali Jinnah, coa consecución ese mesmo ano da independencia oficial da India.

Porén, eran enormes os problemas que debía afrontar o proceso de descolonización. O primeiro deles foi resolver a partición da India británica, o que trouxo consigo a aparición de dous estados definidos por razóns relixiosas: A Unión India, de maioría hindú e Paquistán de maioría musulmá. Do goberno da India ocupouse Nehru e de Paquistán Ali Jinnah, aínda que por algún tempo se mantiveron ambos os países no seo da Commonwealth británica. O estado paquistaní atopábase dividido en dous territorio, ó oeste e leste da India separados por máis de dous mil quilómetros de distancia. Isto provocou non poucas dificultades, ata que en 1971 constituíuse na sección oriental un novo estado independente co nome de Bangladesh. A India rematou dividida en tres territorios. A formación dos dous estados na antiga India británica foi o resultado das tensións relixiosas acumuladas durante a segunda guerra mundial e da proposta de partición efectuada polo goberno laborista inglés. A partición deste inmenso territorio foi, en certo modo, un resultado das diverxencias fomentadas polos británicos no seu goberno da India, especialmente durante a segunda guerra mundial. Dado que os dirixentes do Partido do Congreso reclamaban unha India independente como condición para loitaren a prol dos británicos, estes propiciaron unha política de divide e vencerás, apoiando as reivindicacións dos musulmáns. A pesar dos esforzos de Gandhi por integrar baixo un mesmo teito político as dúas comunidades relixiosas, ó termo da guerra a Liga Musulmá de Jinnah estaba moi fortalecida e convencida de que só no momento da independencia sería viable a formación do estado de Paquistán.

O segundo problema estribaba en xestionar os efectos inmediatos da independencia. Os costos da partición foron enormes xa que abondaron conflitos territoriais e relixiosos. Por unha banda, producíronse sanguentos enfrontamentos civís en rexións, como Bengala ou o Punjab, onde cohabitaban hindús e musulmáns. Por outra banda, o fundamentalismo relixioso no que naceron ambos os estados provocou unha ondada de refuxiados en ambas as direccións, co conseguinte intercambio. Alén de todo isto quedaron por resolver algúns litixios fronteirizos, especialmente na rexión de Cachemira, onde se mantivo a tensión ata os anos 70, co estalido intermitente de guerras nas que interveu frecuentemente a ONU.

O goberno da India independente benefíciase dunha grande estabilidade política asegurada en parte por unha continuidade familiar. O Pándit Nehru, pai da independencia xunto con Gandhi, goberna ata a súa morte en 1964 co apoio do Partido do Congreso. Tras dous anos de goberno de Shastri accede ó poder a filla de Nehru Indira Gandhi que, á súa vez foi continuada polo seu fillo Rajiv Gandhi, ambos os dous foron asasinados por extremistas políticos en 1984 e 1991 respectivamente. India viviu a partir da independencia un período de enorme expansión económica e de gobernos de raíz democrática, o que contrasta coa evolución política de Paquistán, onde foron máis frecuentes os gobernos de ditadura militar.

A independencia da India tivo efectos inmediatos noutras posesións británicas de Asia, como Birmania, Sri Lanka e Malaisia. Nun espazo de 10 anos produciuse a descolonización dos territorios británicos no continente asiático. Do inmenso imperio colonial forxado no século XIX, constituído por varios centos de millóns de habitantes, só quedou adscrito ó Reino unido a cidade de Hong Kong, preto da cidade china de Cantón que rematou definitivamente coa devolución desta cidade a China, realizada a fins do ano 1997.

A independencia das colonias holandesas: Indonesia[editar | editar a fonte]

A descolonización de Indonesia, que supón a liquidación do Imperio colonial holandés, foi tamén rápida. A finais do ano 1949 quedaron constituídos os Estados Unidos de Indonesia, con Sukarno como presidente. Pouco tempo despois transfórmase nun estado unitario, coa denominación de República de Indonesia. Pero o proceso seguido polos holandeses foi máis parecido ó dos franceses en Indochina que ó dos británicos na india. A influencia da ocupación xaponesa dende 1942 e a internacionalización do conflito indonesio aportaron diferenzas substantivas.

A ocupación das Indias holandesas polos xaponeses produciuse no curso de poucas semanas, dado que foi moi feble a resistencia do exército holandés. A presenza nipona no arquipélago indonesio favoreceu a difusión dunha campaña fortemente antioccidental, asemade puideron desenvolverse as actividades dos nacionalistas indonesios dirixidas por Hatta e Sukarno, que non só foron apoiados polos xaponeses, senón que gozaron da súa tolerancia para crearen un exército indonesio. A ocupación xaponesa fixera posible concibir a independencia ós dous días da rendición xaponesa na segunda guerra mundial, Sukarno proclama a república de Indonesia.

Así e todo, os Países Baixos non aceptaron esta situación. Coa axuda do exército británico, recuperou o control sobre Indonesia, pero malia os sucesivos intentos de crear unha federación entre Holanda e as súas posesións ultramarinas, impúxose pouco a pouco a doutrina do abandono de Indonesia. Nesta situación influíron varios factores. Por unha banda a fortaleza do nacionalismo indonesio, que despregou unha guerra de guerrillas contra o exercito holandés, por outra a presión internacional a prol da descolonización, tanto entre os novos estados xa independizados como nos organismos internacionais como a ONU. Tras dúas operacións de policía en 1947 e 1948 contra a guerrilla, o apoio internacional a causa dos indonesios e un movemento de desobediencia civil levaron ó traspaso final da soberanía á República de Indonesia. A partir desta data, Indonesia desenvolvería un rol protagonista na organización política do Terceiro Mundo, acollendo a decisiva Conferencia de Bandung. Sukarno mantívose no poder ata 1965 no que unha revolta militar coloca no mesmo ó xeneral Suharto.

A independencia das colonias francesas: Indochina[editar | editar a fonte]

O curso seguido por Indochina foi moi diferente dos casos anteriores tanto pola natureza política dos diversos pobos integrados so a mesma denominación, como pola peculiaridade da administración colonial imposta pola metrópole francesa. Na posguerra Francia, ensaiou unha estratexia moi diferente da británica ó prever na constitución de 1946 a constitución dunha Unión Francesa. Tratábase de integrar so a soberanía de Francia a diversidade de países que formaban parte do seu imperio. Mais esta opción tivo pouco éxito. A primeira fenda aberta foi precisamente a independencia de Indochina xoia asiática da república gala.

Tamén neste caso foi fundamental a experiencia na guerra e a ocupación xaponesa do territorio indochino, o que propiciou a formación dunha Liga para a independencia do Vietnam dirixida por Ho Chi Minh, que desembocou na proclamación da República Democrática de Vietnam en 1946. Ó igual que fixeran os holandeses en Indonesia, tamén os franceses tentaron recuperar militarmente o territorio de Indochina. O problema radicaba na zona norte onde se constituíra a RDV. As resistencias dos colonos franceses da Cochinchina (Vietnam do sur) a se uniren co Vietnam do norte, a cuxos dirixentes consideraban axitadores antifranceses, provocaron o fracaso dos intentos de integrar na unión francesa á República vietnamita. Comeza así unha guerra de oito anos (1946-1954) que remata coa derrota francesa. A partir de 1950 o conflito adquire dimensións internacionais. As milicias do Viet-Minh son apoiadas pola República Comunista de China, mentres que os franceses comezan a ser axudados polos EEUU na súa loita contra o avance comunista, para evitaren as consecuencias da coñecida teoría do efecto dominó.

Reproducíase en Indochina o bipolarismo que levara a guerra de Corea ou a partición de Alemaña. Tamén neste caso a solución sería a división do Vietnam tralo abandono da presenza francesa en Indochina. A saída dos franceses prodúcese trala Conferencia de Xenebra (1954) na que se acorda conceder plena independencia ós tres estados resultantes da descolonización: Laos, Camboxa e Vietnam. Isto supoñía a destrución de toda a política de acordos que os franceses desenvolveran dende 1946 para fortaleceren a unión en Indochina. Pola súa banda o estado vietnamita divídese en dúas zonas á espera dun referendo previsto para 1956 con vistas á posible reunificación de ambas as dúas zonas. O referendo non chegou a celebrarse porque era previsible a vitoria de Ho chi Minh. Para evitar esta consulta proclamouse antes a República de Vietnam do sur, apoiada polos EUA. A unificación das dúas zonas vietnamitas tardou aínda vinte anos, dado que non se vai producir ata o abandono do Vietnam polos estadounidenses (1973) e a entrada das tropas norvietnamitas en Saigón capital de Vietnam do sur (1975).

A descolonización de Indochina non rematou, pois coa ausencia francesa do sueste asiático. Ademais da guerra civil que viviu Vietnam, con fortes apoios internacionais de China e Estados Unidos o resto dos estados de Indochina independizados a partir dos acordos de Xenebra (Laos e Camboxa) sufriron durante moitos anos os vaivéns políticos derivados do conflito bélico desenvolvido preto das súas fronteiras. Pero a guerra en Indochina puxo claramente de relevo as fendas que tiña o colonialismo europeo en Asia, impotente ante a emerxencia de movementos nacionais de liberación e desautorizado polas regras da nova orde mundial establecida polas grandes potencias da posguerra. Setenta anos despois o dominio colonial de Francia no sueste asiático rematou en parte como comezara: cunha guerra no golfo de Tonkin. A primeira minou a credibilidade do goberno de Jules Ferry, grande adaíl da expansión ultramarina. A segunda guerra en Indochina deixou debilitado ó réxime da IV República que a guerra de Alxeria remataría por enterrar.