Deriva continental e clima

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A posición dos continentes resulta un factor determinante na conformación do clima mundial. A deriva continental é un proceso sumamente lento, polo que a posición dos continentes fixa o comportamento do clima durante millóns de anos. Hai dous aspectos a ter en conta. Por unha parte, as latitudes nas cales se concentra a masa continental: se as masas continentais están situadas a nivel de latitudes baixas, haberá poucos glaciares continentais e, en xeral, temperaturas medias menos extremas. Así mesmo, se os continentes se achan moi fragmentados haberá menos continentalidade. Estes aspectos poden contribuír de varias formas contraditorias ó clima.

Véxase tamén: Deriva continental.

Distribución actual dos continentes[editar | editar a fonte]

Actualmente hai un exceso de masa continental pouco fragmentada no hemisferio norte, o que provoca unha maior continentalidade e a existencia de máis glaciares. Isto fai que o albedo do hemisferio norte sexa maior e contribúa á extremación dos climas: invernos máis crus e veráns máis calorosos por mor da continentalidade. A concentración continental nun hemisferio contribúe tamén ás flutuacións ou pulsacións glaciais. Estas son debidas, como se verá máis abaixo, ás oscilacións orbitais que fan que unhas épocas os invernos no norte coincidan cerca do afelio da órbita e outras do perihelio. Contra o que se poida pensar non son os invernos rigorosos senón os veráns suaves os que rexen os ritmos glaciales. Por iso nas grandes glaciacións do plistoceno os invernos do hemisferio norte acostuman coincidir cerca do perihelio orbital. Un verán suave non fundiría tanta neve e traería como consecuencia que os glaciares avanzasen. Así se xera un efecto en cadea que termina por afectar tamén ó hemisferio sur, no cal avanzan tamén os glaciares de montaña¹. Esta historia repetiuse periodicamente segundo as oscilacións orbitais, tal e como explicou Milutin Milanković‎ (Ver Variacións orbitais). A existencia de glaciares continentais permanentes é posible grazas a que hai un continente, a Antártida, que se sitúa sobre o polo sur e a que as masas continentais do norte rodean un pequeno océano boreal sen permitir que o acaden as correntes cálidas. Existindo sempre esa reserva de xeo permanente é comprensible que cada certo tempo se expandan atinxindo latitudes menores. Así pois, obsérvase que a configuración actual favorece que ditos fenómenos extremos se dean periodicamente.

¹ No hemisferio sur os únicos glaciares continentais importantes concéntranse na Antártida, totalmente cuberta polo xeo. Os principais glaciares de montaña no sur sitúanse nos Andes, o Kilimanxaro e Nova Zelandia. Debido a todo iso para medir o avance ou retroceso dos glaciares no sur úsanse como indicadores os de montaña.

Distribucións pretéritas[editar | editar a fonte]

Pero os continentes non sempre se encontraron na posición actual. Outras distribucións continentais dan patróns climáticos completamente distintos. Durante o período Xurásico non había masas de terra en ningún dos dous polos. O clima era moito máis caloroso e as correntes oceánicas podían circular libremente polos polos nos que só había océano. O clima tropical estendíase por todo o globo e os bosques de fieitos arborescentes prosperaban en tódalas partes.

Se os continentes se acumularan moi fragmentados no ecuador tampouco habería glaciais continentais permanentes pero, así a todo, si habería fenómenos glaciais moi importantes provocados por outros factores distintos. Semellante disposición xa se deu en épocas arcaicas. Co groso dos continentes sobre o ecuador nun principio parece que a Terra tivo un clima tropical, moi pluvioso. E iso é ata certo punto lóxico. Pero tal e como se explica no artigo Terra bóla de neve un aumento nas precipitacións contribúe a diminuír a concentración de CO2 na atmosfera, o que acaba levando á Terra a un arrefriamiento global moito máis brutal ca nas glaciacións recentes. Estas etapas sumamente frías potencian o efecto albedo e terminan por conxelar a Terra ó completo. Ocorre que ó facer iso, a evaporación diminúe drasticamente polo que as precipitacións cesan practicamente. Isto fai que, pouco a pouco, as emisións de CO2 por parte dos volcáns acaben por volver a fundir a Terra e recuperar a situación anterior. Estas pulsacións glaciales do proterozoico seguíronse dando varias veces ata que os continentes cambiaron a súa distribución.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]