Depresión Meridiana

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Situación da depresión meridiana

A Depresión Meridiana é unha formación natural da xeografía de Galicia. Esta depresión xeolóxica podería ter a súa orixe nunha falla, e vai de norte a sur desde a costa atlántica en Razo (Carballo) até o río Miño ao seu paso por Tui, a unha lonxitude de 8º 40' oeste. Está formada por unha liña de fracturas que se encaixan nas bocas da ría de Arousa, a ría de Pontevedra e a ría de Vigo, onde comeza a desembocadura dos ríos Ulla, Lérez e Verdugo respectivamente.

Percorrido[editar | editar a fonte]

De norte a sur, a Depresión Meridiana vai desde Carballo até Bembibre, encaixada a carón do monte Castelo. Por ese tramo discorre o río Grande, afluente do Rosende. Despois a depresión continúa o val do río Dubra até cruzar o río Tambre, e segue até Bertamiráns. Continúa até Padrón polo val do curso baixo do río Sar, e tras cruzar o río Ulla segue por Pontecesures e Valga. Logo de pasar por Caldas de Reis segue o curso do río Chaín (a carón das fervenzas do río Barosa) e continúa até Pontevedra a carón do río Rons. Logo de cruzar o Lérez segue polo val do río dos Gafos e chega até a ría de Vigo. Forma a enseada de San Simón entre Paredes e Redondela. Xa cara ao sur vai polo val do río Louro desde O Porriño até Tui, formando as gándaras de Budiño.

Historia[editar | editar a fonte]

Esta formación natural facilitou a creación de vías de comunicación entre os asentamentos humanos creados na zona. Así, trala romanización de Galicia a vía XIX do itinerario de Antonino percorría a depresión Meridiana desde Tui até Iria Flavia, onde se desviaba cara ao leste. Por ese tramo vai a vía portuguesa do camiño de Santiago. Amais, desde Tui até Iria Flavia vai pola depresión Meridiana a estrada N-550 e parte da autoestrada AP-9, así como tramos do Eixe atlántico de alta velocidade.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]