Nomes da folla do piñeiro en Galicia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Piñeiros na praia de Rodas.

Existe en Galicia unha riqueza sinonímica enorme que fai referencia á folla do piñeiro, habendo gran número de palabras para denominar á folla desta árbore. Fermín Bouza Brey publicou no ano 1948 Nombres de la hoja del pino en Galicia, nos Cuadernos de Estudios Gallegos do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento[1], traballo no que se recollen por orde alfabética un total de 92 termos diferentes para denominar á folla do piñeiro, e ó seu carón, os lugares onde son utilizados.

Segundo os datos recompilados no Atlas Lingüístico de Galicia (ALGa), non se produciron variacións significativas ó longo dos últimos anos canto á terminoloxía descrita por Bouza Brey, polo que segue estando vixente na actualidade.

Fermín Bouza Brey.

Hai que apuntar que malia ser o piñeiro unha árbore presente en Galicia dende ben antigo, non ten gran relevancia fitonímica dentro do arborado galego e do norte de Portugal ata mediados do século XVIII, polo que a riqueza sinonímica actual non pode ser anterior a esa época[2].

As diferentes denominacións que reciben as follas do piñeiro poden facer referencia á folla verde ou á seca (sendo máis relevante a terminoloxía canto a esta última, polas aplicacións que ten no rural galego); tamén se pode facer referencia a unha acícula individual ou ó conxunto de varias acículas (predominando a terminoloxía referida ó conxunto de varias acículas xuntas). Por outra banda esta riqueza sinonímica non está implantada en toda Galicia por igual, sendo máis relevante naquelas zonas onde a presenza do piñeiro é máis significativa.

Clasificación da terminoloxía en grupos[editar | editar a fonte]

Imos facer unha clasificación, establecendo varios grupos, que nos permitan ir dando conta dos distintos nomes a partir dalgún aspecto común.

Vocábulos relativos ó piñeiro ou derivados de Pinus[editar | editar a fonte]

Clasificación dos termos relacionados co piñeiro en si. Respecto ós termos derivados de Pinus temos por exemplo pinica/piñica, alternando n e ñ (igual que en pino/piñeiro).

Joaquín Sorolla; Pinos de Galicia, 1900.

O portugués emprega tamén algunha destas formas derivadas de Pinus como pinhel en Douro, pinho en Minho e pinhos en Tras os Montes[3].

Vocábulos con sentido colectivo[editar | editar a fonte]

Existen tamén vocábulos con carácter colectivo, de tipo xenérico, como fronza que alude en xeral ó "conxunto de ramas miúdas, herbas ou pallas"; relacionado con este termo están tamén froupa e frouma amais tódolos seus derivados. Outros como garabullo/gara ou fustanca fan referencia ó "conxunto de leña miúda e ramas secas".

Canto a denominacións como broza, cosco, gaspallada, gasto, muíña/muña e os seus derivados (abuiña, buiña, moama, moaña, moruxa, maruxo e muán), musgo/musquio, padumeiro, pallugada, pallusca, palluzo e rela a alusión é obvia.

Noutras como banga, pulazo, paúlo, poula ou como poxa, pudia, pucha, puísca e puxa non parecen tan claras; ó igual que acontece con arcema, galba, felpa, feno, maraballa, poma/pomada e tamo, de etimoloxía incerta, se ben parece inequívoco o seu carácter xenérico e a súa alusión a varredura, a desperdicios, a restos vexetais ou á espesura de maleza.

Lesser Ury; Piñeiro sobre o ceo do serán, década de 1890.
Paul Cézanne; O piñeiro grande, 1892-1896.

Vocábulos co sentido de miúdo[editar | editar a fonte]

Nalgunhas denominacións faise patente o concepto de insignificancia, pequenez ou cousa miúda como arume ou cisco. Outras voces relacionadas con esta idea de miudeza son fiuma ou fiuza, derivados de fío. Finalmente termos como pobela/pubela e pou parecen remitir a po.

Eduardo Pondal, autor de Queixumes dos pinos.

Vocábulos relativos ó seu uso para facer lume[editar | editar a fonte]

A folla do piñeiro emprégase para acender o lume, aparecen logo termos relacionados coa idea de moxena.

No norte de Portugal faísca, faísco e fasco, son voces que están presentes en Arcos de Valdevez, Barcelos, Fafe, Monção, Paredes de Coura e Valença.

Vocábulos relativos ó seu uso como leito do gando[editar | editar a fonte]

No rural galego usabábanse como cama para o gando restos vexetais, que se apañaban no monte para estrar a corte. Nalgunhas zonas de Galicia ó non existir unha denominación específica para referirse á folla do piñeiro empréganse termos relecionados con esta aplicación.

Giovanni Segantini; Vaca na corte, 1899.

Vocábulos relativos á forma da folla[editar | editar a fonte]

Canto as denominacións relacionadas coa forma da folla ou con algunha das súas características temos exemplos tan claros coma garfa, espita ou agulla e os seus derivados bullo, bulleiro, gullo, fagulla; por outra banda atopamos espía do pino, espiñada ou raspiñada, derivados de espiña.

Ó ser as follas do piñeiro punzantes, aparecen termos relacionados con esta calidade, como pica ou picón. Finalmente hai outros termos derivados de semellanzas como churuma, que procede de florumen, ó igual que chorima (a flor do toxo); xorde tamén por semellanza candea ou pluma.

Christian Rohlfs; Piñeiro novo, 1907.

Outras denominacións[editar | editar a fonte]

  • xiunxio: en Domaio, ó parecer é un nome que resulta da adaptación de fiuncho. Por tanto é un nome tomado doutros vexetais, igual que acontece coa denominación lesta.

Nomes estudados, por orde alfabética[editar | editar a fonte]

Bosque de piñeiros.

Os nomes para denominar á folla do piñeiro máis estendidos en Galicia fan referencia, na maioría dos casos, á folla seca e son vocábulos colectivos, de carácter xenérico, aplicados a todo tipo de fragmentos vexetais que recobren o solo, precisando en ocasións algún uso (como cama para o gando ou para acender o lume). Poden refírense a algo miúdo e incluso poden facer referencia á póla completa. Só un pequeno grupo fan referencia á forma ou a algunha das características da folla.

A continuación dispoñemos a lista de voces estudadas en orde alfabética:

abuiña
agulla
arcema
arume
arupe
arxa
banga
baruma
broza
bruma
buiña
buisas
bulleiro
bullo
cana
candea
candeola
canolca
caruma
charamela(s)
churuma
cisco
cosco
espía do pino
espiñada
espitas
esquilme
esquilmo
estrume
fagulla
faísca
faísco
faiusca
fasco
fasquizo
fausca
felpa
feno
fisco
fiuma
fiuza
flouma
folla (de/do pino)
fopa
foupa
freuma
froma
fronza
froula
frouma
froupa
frouza
fruma
fustanca
galba
gara
garabullo
garfa
garuma
gaspallada
gasto
gatuma
geldo
gullo
herba pinica
horquilla
isca
lesta
maraballa
maruxo
moama
moaña
molime
molimo
moruxa
muán
muaña
muiña
muña
musgo (do(s) pino(s))
musquio
padumeiro
pallugada
pallusca
palluzo
paúlo
pelo
penica
pica
picaña
picaño
picaza
picazo
pico
picón(s)
pilro
pinica
pinisca
piñica
piñuca
pirlo
pluma
pobela
poma
pomada
pou
poula
poxa
pubela
pucha
pudia
puisca
pulazo
puxa
pruma
rama (de/do pino)
ramada
rela
resina
respiñeira
tamo
truma
xiunxio

Cabe a posibilidade de que existan outros vocábulos para referirse á folla do piñeiro, amais dos anteriormente estudados, ó non existir un termo común e específico estendido por unha ampla zona, que reduza ós demais a simples variantes. É posible tamén que algún dos nomes descritos se empregue noutros lugares, ademais dos que se citan neste artigo.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Na revista Cuadernos de Estudios Gallegos nº 10; Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (1948).
  2. Segundo as investigacións respecto ó asunto do Profesor José Luis Pensado, filólogo e lingüista galego; Denominaciones gallegas de la hoja del pino. Brea López, Mercedes (1980).
  3. Para as formas portuguesas baseámonos nos vocábulos recollidos en Nomes das "agulhas" sêcas. Revista Lusitana, nº 19. Cláudio Basto (1916), pp. 258-269.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]