Delphinus capensis

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Delphinus capensis
Dolphins 300.jpg

Tamaño comparado co dun humano
Tamaño comparado co dun humano

Estado de conservación
Datos insuficientes
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Mammalia
Subclase: Theria
Infraclase: Eutheria
Orde: Cetacea
Suborde: Odontoceti
Infraorde: Delphinida
Superfamilia: Delphinoidea
Familia: Delphinidae
Subfamilia: Delphininae
Xénero: Delphinus
Especie: D. capensis
Nome binomial
Delphinus capensis
Gray, 1828 [1]
Distribución de Delphinus capensis

Distribución de Delphinus capensis
Sinonimia
Referencia:[2]
  • Delphinus bairdii Dall, 1873
  • Delphinus major Gray, 1866
  • Delphinus tropicalis van Bree, 1971
Grupo de Dlephinus capensis.

Dephinus capensis Gray, 1828, é unha especie de cetáceo odontoceto da familia dos delfínidos.

É un golfiño oceánico propio as augas tropicais e subtropicais cercanas ás costas de do Pacífico, as costas africanas e sudamericanas, o mar Vermello e o océano Índico.[3] [2]

Durante moitos anos non foi considerado como unha especie, senón como unha subespecie do golfiño común (Delphinus delphis).

Taxonomía[editar | editar a fonte]

A especie foi definida por John Edward Gray en 1828, en Spicilegia Zoologica, 1: 1-2, tab. 2.[2]

Pero até 1994, cando se recoñeceu como especie diferente a Delphinus capensis,[4] [3] críase que era a única especie do xénero Delphinus.

Posteriormente, en 1971, van Bree definu unha terceira especie, Delphinus tropicalis, pero na actualidade non é admitida pola comunidade científica, e os ictiólogos considérana como una subespecie de Delphinus capensis, clasificada hoxe como Delphinus capensis tropicalis Jefferson & Van Waerebeek, 2002.[4]

Características[editar | editar a fonte]

Delphinus capensis é un golfiño oceánico de mediano tamaño, en xeral máis pequeno que o golfiño común.

Os adultos miden entre 1,9 e 2,5 m de lonxitude, e poden pesar entre 80 e 235 kg; porén, o peso máis frecuente fluctúa entre os 80 e os 150 kg.[5]

Os machos Os machos son lixeiramente máis grandes e pesados que as femias.

O corpo é esvelto, hidrodinámico, delgado, máis que o do golfiño común, e ten un fociño longo, tamén máis longo que o de aquel, e de cor gris escura ou negra, aínda que pode ter a punta branca; hai unha pregadura ben marcada entre o bico e a fronte, que descende desde o alto da cabeza en suave declive.[6]

Na boca teñen entre 80 e 120 dentes cónicos, pequenos, simliares (homodonte), en cada maxilar.

Presentan unha aleta dorsal alta, situada no centro do lombo, e de forma que pode variar entre a falciforme á case triangular, e a súa cor pode oscilar entre a negra a practicamente a branca agrisada, cos bordos máis escuros, grises ou negros. As aletas pectorais son relativamente pequenas, anchas, de cor negra ou gris, e cos extremos lixeiramente acabados en punta; os bordos da punta son convexos. O pedúnculo caudal é fino, de cor gris clara, e a aleta caudal é de cor gris escura ou negra, cunha lixeira fendedura separando os dous lobos, que teñen os extremos dirixidos cara a atrás e están rematados en punta.[6]

A coloración é moi vistosa, semellante á de Delphiunus capensis, pero máis apagada, co lombo gris, negro, negro purpúreo ou apardazado, que forma unha "V" ou unha "X" debaixo da aleta dorsal, como debuxando a súa sombra (deseño denominado "en reloxo de area"), que se vai aclarando no pedúncluo caudal. O ventre é branco ou de cor crema, que se ve interrompida por unha ou dúas liñas amarelas ou gises, descontinuas; na rexión torácica dos flancos presenta unha mancha (o chamado parche torácico) de cor amarelada ou crema torrada. Ao redor dos ollos levan un anteface negro, que se prolonga ata o bico. Presentan, tamén, unha estreita banda escura desde a aleta pectoral ata o centro do maxilar inferior.[6] [7] [8]

Bioloxía[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Golfiño común#Bioloxía.

Semellante á do golfiño común.

Diferenzas entre as dúas especies do xénero Delphinus[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Golfiño común.

As dúas especies do xénero Delphinus son moi semellantes; tanto que, como quedou dito, durante moito tempo se consideraron conespecíficas.

A diferenza máis evidente entre o Delphinus delphis e Delphinus capensis é a lonxitude e a anchura do peteiro. Porén, ahi tamén outros trazos distintivos.

Delphinus delphis ten o corpo algo máis repoludo, a cabeza máis arredondada, un debuxo máis coplexo no seu bico, o anteface máis chamativo, unha banda máis estreita entre a mandíbula interior e as aletas pectorais e unhas cores máis brillantes, e adoita vivir máis lonxe das costas.

Delphinus capensis ten un perfil máis fino, pouco ou nada de branco entre o ollo e a aleta pectoral, a fronte más suave, o debuxo do bico moito máis simple e unhas cores máis apagadas, e normalmente vive máis cerca da costa. Tamén hai diferenzas de comportamento entra ambas as especies.[6]

Subespecies[editar | editar a fonte]

Recoñécense dúas subespecies:[1]

A primeira identificouse na costa leste de Suramérica, África occidental, suroeste do Xapón, Corea, noroeste de Taiwán, as costas de California até o sueste de México, Perú e Sudáfrica.[3]

A segunda distribúese polas costas do Indo-Pacifico, desde o mar Vermello e Somalia, até Taiwán occidental, suroeste de China e Indonesia, incluíndo o golfo Pérsico e o golfo de Tailandia.[3]

Estado de conservación[editar | editar a fonte]

Aínda que a especie está moi estendida e abundante, é probábel que os seus efectivos experimentaran nas últimas décadas aumentos ou descensos de centos de miles de individuos en diversas zonas (especialmente no oeste de África, nas costas orientais e occidentais de Sudaméica e do sueste de Asia) onde se sabe de capturas incidentais nas pescarías nun número descoñecido, pero que posibelmente sexa de gran magnitude, polo que é difícil facer unha avaliación fiábel dos efectos sobre a especie. Por iso, Delphinus capensis foi catalogado pola UICN en 2008 como DD (datos insuficientes).[3]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Delphinus capensis Gray, 1828 en SIIT.
  2. 2,0 2,1 2,2 Mammal Species of the World. A Taxonomic and Geographic Reference (3 ed.). Don E. Wilson & DeeAnn M. Reeder. 2005. pp. 2.142. ISBN 0801882214. http://www.bucknell.edu/msw3/browse.asp?s=y&id=14300044.
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 Hammond, P. S., Bearzi, G., Bjørge, A., Forney, K., Karczmarski, L., Kasuya, T., Perrin, W. F., Scott, M. D., Wang, J. Y., Wells, R. S. & Wilson, B (asesores) (2008): Lista vermella de especies ameazadas da UICN.
  4. 4,0 4,1 WoRMS
  5. Shirihai, H. & Jarrett, B.. Whales, Dolphins and Other Marine Mammals of the World. ISBN 0-691-12757-3.
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 Carwardine, M. (1995), pp. 164-167.
  7. Reeves, Stewart, Clapham, Powell. Guide to Marine Mammals of the World. p. 388. ISBN 0-375-41141-0.
  8. "The Common Dolphin". http://library.thinkquest.org/17963/genus-Delphinus.html.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Delphinus capensis
Wikispecies-logo.svg
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Delphinus capensis

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Carwardine, Mark (1995): Ballenas, delfines y marsopas. Guía visual de todos los cetáceos del mundo. Barcelona: Ediciones Omega. ISBN 84-282-1037-3.
  • Mead, J. G. and Brownell, R. L., Jr. (2005): "Order Cetacea en: Wilson, D. E. and Reeder, D. M. Mammal Species of the World (3rd ed.) Johns Hopkins University Press. pp. 723–743. ISBN 978-0-8018-8221-0.
  • Perrin, William F.; Bernd Wursig and J. G.M. Thewissen (Eds.) (2008): Encyclopedia of Marine Mammals, Second Edition. Academic Press. ISBN 978-0123735539.
  • Rice, Dale W. (1998): Marine mammals of the world: systematics and distribution. Society of Marine Mammalogy / Special Publication Number 4. ISBN 978-1891276033.
  • Stewart, Brent S.; Phillip J. Clapham, James A. Powell and Randall R. Reeves (2002): National Audubon Society Guide to Marine Mammals of the World. ISBN 0-375-41141-0.

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns esternas[editar | editar a fonte]