Defensores da Man Vermella

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Red Hand Defenders (RHD)
Organización armada de Irlanda do Norte
Creación1998
Área de operaciónsIrlanda do Norte
IdeoloxíaUnionismo norteirlandés
Lealismo
Vencellado aLoyalist Volunteer Force
StatusOrganización proscrita no Reino Unido[1]
Considerada terrorista pola UE (Véxase Lista da Unión Europea de grupos terroristas)

Os Defensores da Man Vermella (en inglés: Red Hand Defenders, RHD) é un grupo paramilitar norteirlandés creado en 1998 e composto principalmente de militantes protestantes partidarios da liña dura procedentes de grupos unionistas. Está integrado por membros da Asociación de Defensa do Ulster e da Forza de Voluntarios Lealistas, moitos dos cales son aínda membros destes grupos. En xaneiro de 2002, o grupo anunciou que os membros das escolas católicas de Belfast e os carteiros católicos eran obxectivos lexítimos. Malia os chamamentos de febreiro de 2002 da Asociación de Defensa do Ulster e da Forza de Voluntarios Lealistas para que anunciase a súa disolución, a RHD continúa a ameazar e a publicar reivindicacións de responsabilidade. A comezos de 2003, a RHD reivindicou a súa responsabilidade no asasinato de dous membros da Asociación de Defensa do Ulster como resultado do que é chamado descrito como unha guerra interna lealista. Tamén asumiu a autoría da colocación dunha bomba nas oficinas do Sinn Féin Poblachtach en Belfast Oeste que foi desactivada sen producir danos. Nos anos recentes, o grupo ten levado a cabo ataques contra obxectivos civís como vivendas, igrexas e negocios privados. En xaneiro de 2002, o grupo incendiou a vivenda dun funcionario de prisións en Belfast Norte.

Sóubose por vez primeira da RHD cando asumiu a autoría do atentado cunha granada caseira (coñecidas como "blast bombs" en Irlanda do Norte) levado a cabo o 7 de setembro de 1998 que matou a Frankie O'Reilly, un membro da Real Policía do Ulster. (Este ataque produciuse durante unha manifestación da Orde de Orange en Drumcree contra a decisión de non permitir á Orde para marchar a través dunha área católica de Portadown, Condado de Armagh.) O grupo tamén recoñeceu ter asasinado a Brian Service, un civil católico, o 2 de novembro de 1998. Tamén reivindicou ter matado a Rosemary Nelson, unha activista dos dereitos humanos católica, en Lurgan o 15 de marzo de 1999. Ademais dos asasinatos, a RHD ten reivindicado ataques incendiarios a familias católicas en toda Irlanda do Norte. A RHD apareceu máis ou menos ao mesmo tempo que os Voluntarios de Orange e inicialmente pensábase que os militantes actuaban en ambos grupos.

O grupo ten emitido declaracións que semellan estar inspiradas na Biblia, Deuteronomio, capítulo 7, versículo 2: "And the Lord thy God shall have delivered them to thee: thou shalt utterly destroy them. Thou shalt make no league with them, nor show mercy to them ... neither shalt thou make marriages with them."

Segundo a base de datos de mortes de Sutton no proxecto CAIN da Universidade do Ulster[1], a RHD foi responsable de oito mortes até 2001. Seis das súas vítimas teñen sido civís, unha era membro da Asociación de Defensa do Ulster e outra era membro da Real Policía do Ulster.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Proscribed Groups". Arquivado dende o orixinal o 14 de abril de 2009. Consultado o 14 de abril de 2009.