Death
| Death | |
|---|---|
| Información | |
| Orixe | Detroit, Michigan, |
| Período | 1971 – 1976 2009 – actualidade |
| Xénero(s) | protopunk, garage rock, punk rock |
| Selo(s) discográfico(s) | Tryangle, Drag City |
| Membros | Bobby Hackney Dannis Hackney Bobbie Duncan |
| Antigos membros | David Hackney |
| Web oficial | |
Death foi unha banda estadounidense de garage rock e punk rock formada en Detroit, Michigan no ano 1971 polos irmáns Bobby (baixo, voces), David (guitarra) e Dannis Hackney (batería). O trío afro-americano comezou como un grupo de R&B pero cambiouse ao rock despois de ver un concerto de Alice Cooper.
[editar] Historia
A principios dos anos 60, uns noviños irmáns Hackney viron a carón de seu pai a primeira aparición dos Beatles no programa The Ed Sullivan Show. Ao día seguinte David atopou unha guitarra nunha calexa e decidiu aprender a tocala. Os seus irmáns Bobby e Dannis pronto seguiron o seu exemplo e comezaron a facer música xuntos.
Os irmáns practicaron e gravaron as súas primeiras demos nunha habitación da casa familiar, realizando o seu primeiro concerto no garaxe. Orixinalmente se fixeron chamar Rock Fire Funk Express, pero David convenceu aos seus irmáns para cambiar o nome da banda a Death.
En 1974, nos United Sound Studios de Detroit, gravaron co enxeñeiro Jim Vitti sete temas compostos por David e Bobby. Segundo a familia Hackney, o presidente de Columbia Records Clive Davis financiou as gravacións, pero pedíu á banda que cambiase de nome para facelo máis comercial. Cando os Hackneys se negaron, Davis deixou de apoialos. Finalmente só gravaron eses sete temas en vez dos doce planeados. O ano seguinte auto-editaron 500 copias das sesións no sinxelo de 7" "Politicians in My Eyes" coa cara-B "Keep on Knocking", a través do seu selo Tryangle. Death oficialmente se separou en 1977.
Os irmáns entón mudáronse cara Burlington, Vermont, e editaron dous álbums de gospel rock como The 4th Movement a principios dos anos 80. David volveu a Detroit en 1982, e morreu dun cancro de pulmón en 2000. Bobby e Dannis viven aínda en Vermont e lideran a banda de reggae Lambsbread.
En 2009, Drag City Records lanzou os sete temas da súa sesión de 1974 en United Sound en CD e vinilo co título ...For the Whole World to See. No mes de setembro dese ano reformouse a banda, cos irmáns Bobby e Dannis Hackney, e co guitarrista de Lambsbread Bobbie Duncan reemprazando a David Hackney. Con esta formación realizarían tres concertos.
Durante unha actuación no Boomslang Festival de Lexington, Kentucky no ano 2010, a banda anunciou que Drag City publicaría un novo álbum con demos anteriores ás súas sesións de 1974. O álbum Spiritual • Mental • Physical foi editado en xaneiro de 2011.
[editar] Discografía
- "Politicians in My Eyes" b/w "Keep on Knocking" 7" - 1976
- ...For the Whole World to See - 2009
- Spiritual • Mental • Physical - 2011