David Wark Griffith

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
D.W. Griffith (1916)

David Wark Griffith, nado en La Grange (Kentucky) o 22 de xaneiro de 1875 e finado en Hollywood (California) o 21 de xullo de 1948, foi un director cinematográfico estadounidense, considerado o creador do modelo americano de representación cinematográfica (ou montaxe invisible), polo que é coñecido como o «pai do cinema moderno». Realizou máis de 500 filmes e colaborou na creación de moitos outros.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

De ascendencia irlandesa, foi educado baixo as influencias dominantes no Sur dos Estados Unidos, baixo a influencia dos extintos uns anos atrás Estados Confederados de América. Esta educación, con toda a carga de racismo que implicaba, influíu poderosamente na súa carreira.

The Adventures of Dollie (1908)

Quixo ser escritor, pero xa en 1897 fíxose actor aficionado de teatro, chegando a ser profesional tres anos máis tarde. Estudou en varias escolas locais, e traballou como actor de reparto e en compañías ambulantes. Dada a época e a popularidade do emerxente cinematógrafo, sobre todo entre os actores norteamericanos, fíxose actor de cine en 1908, traballando para a AM&B (American Mutoscope & Biograph). Nesa compañía chegou a ser director en New York e California, converténdose en produtor independiente en 1913.

En1915 fixo The Birth of a Nation, que acadou un éxito excepcional. Outro dos seus grandes filmes foi Intolerance (1916), un filme moi ambicioso para o seu tempo, que resultou ser un dos máis caros da historia do cine e dos máis influíntes en futuros directores.

En 1919, xunto con Charles Chaplin, Douglas Fairbanks e Mary Pickford, os artistas máis cotizados do cine do momento, fundou a United Artists para producir películas de longa duración á marxe do control dos produtores e financeiros non creativos do cinema.

Griffith seguiu realizando películas durante a época do cine mudo, mais trala chegada do cine sonoro, só realizou dúas películas: Abraham Lincoln (1930) e The Struggle (1931).