Dardania (Anatolia)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 40°05′07″N 26°22′06″L / 40.08528, -26.36833

Para o antigo pobo indoeuropeo dos Balcáns, véxase Dardania (Europa).
Mapa coa situación de Dardania.

Na mitoloxía grega Dardania (en grego antigo Δαρδανία Dardanía) é o nome da cidade fundada na aba do monte Ida por Dárdano, de quen tanto a rexión como o pobo tomaron o seu nome.

De Tros, o neto de Dárdano, a xente conseguiu o nome adicional de troianos e a rexión o nome de Tróade. Ilo, o fillo de Tros, fundou unha cidade chamada Ilión (en latín Ilium), máis alá da chaira troiana, cidade máis comunmente chamada Troia. O reino foi dividido entre Ilión e Dardania.

Harry Thurston Peck, no Harper's Dictionary of Classical Antiquity de 1898, define de forma parecida a Dardania «como un distrito da Tróade, estendéndose ao longo do Helesponto, ao sueste de Abidos, e adxacente ao territorio de Ilión».

O seu pobo, os dardanios, aparecen na guerra de Troia baixo o mando de Eneas, en firme alianza cos troianos, cuxos nomes son con frecuencia intercambiados, especialmente polos poetas romanos.[1]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Harry Thurston Peck, Harper's Dictionary of Classical Antiquity, 1898.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]