Danie Gerber

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Daniel Mattheus "Danie" Gerber, nado o 14 de abril de 1958 en Porto Elizabeth, é un ex-xogador surafricano de rugby, que defendeu as cores dos Springboks entre 1980 e 1992. Xogou principalmente na posición de centro co número 13, sendo considerado un dos mellores xogadores da historia nesa posición, ata o punto de ser elixido en 2007 para formar parte do International Rugby Hall of Fame (o Salón da Fama Internacional do Rugby). Tamén foi elixido xogador do ano en Sudáfrica nos anos 1984, 1985 e 1992.

A súa capacidade ofensiva foi devastadora, facía cambios de ritmo nunca vistos, desfacíase dos placaxes rivais, abría hocos entre as defensas onde non semellaba habelos, e anotaba ensaios cunha frecuencia insólita.

Carreira deportiva[editar | editar a fonte]

A nivel doméstico, Gerber competiu na Currie Cup (a liga surafricana de rugby) vestindo as camisolas de Eastern Province (48 ensaios en 116 encontros)[1], Western Province (40 encontros) e Free State (24 encontros). Nun tempo no que o rugby union ainda era un deporte amateur, Gerber foi tentado a pasarse ó rugby league profesional das Illas Británicas, concretamente para asinar cos Wigan Warriors, pero rexeitou aquela gran oferta económica por considerala un sacrilexio. No seu último ano como xogador, Gerber mudouse a Italia para xogar no equipo L'Aquila Rugby (25 encontros) co cal acadou o título de liga en 1994, deixando en 20 ensaios o récord histórico anotador dun xogador nunha soa tempada desa liga.

Coa selección surafricana xogou tan só 24 encontros entre 1980 e 1992 (ningún entre 1987 e 1991) por mor do boicot que recibiu o seu país, a conta do apartheid. Neses 24 encontros anotou 19 ensaios, o que supón a mellor relación de ensaios por encontro na historia dos Springboks. Este boicot supuxo a non participación de Danie Gerber en ningunha Copa do Mundo de Rugby, nuns anos nos que posiblemente era o xogador máis desequilibrante do planeta.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]