Denominación común internacional

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "DCI")

A denominación común internacional, ou DCI, é denominación oficial coa que se recoñece un principio activo farmacolóxico. Este tipo de denominación regúlao a Organización Mundial da Saúde (OMS) e asígnao ela, a proposta do laboratorio fabricante. Publícanse en latín e en inglés, aínda que existen versións para as principais linguas, que foron adoptadas oficialmente polos países onde tales linguas teñen carácter oficial.

Características[editar | editar a fonte]

As DCI estableceunas o Comité de Nomenclaturas da Organización Mundial da Saúde na súa resolución WHA3.11 en 1950. A primeira lista foi publicada en 1953. A DCI ten ao redor de 700 substancias, e engádenselle anualmente de 120 a 150 novos termos.

Para o establecemento da grafía das DCI, adoita empregarse o criterio da universalidade da linguaxe científica comparándoa coa que teñen nas outras linguas, especialmente no inglés, e adaptándoas no imprescindíbel á morfoloxía da propia lingua. Disto poden resultar ás veces formas non consontes coas normas morfolóxicas da lingua en cuestión.

Utiliza unhas regras de prefixos e sufixos, tirados do Vocabulario Científico Internacional (VCI), e baseados no latín científico (o New Latin dos anglosaxóns), que serven para encadrar a moitos principios activos dentro de grupos farmacolóxicos específicos.

Unha substancia farmacéutica pode ser coñecida por varios nomes químicos, un o máis códigos de investigación, sinónimos, un nome oficial (como mínimo) e varios nomes rexistrados ou marcas comerciais en distintos países. As alternativas de cal é a denominación máis conveniente en medicina redúcense a escoller entre o nome farmacolóxico (en concreto, a Denominación Común Internacional, DCI) e o nome comercial. A precisión, uniformidade e aceptación internacional das DCI convértenas no medio ideal de comunicación entre médicos de distintos países, polo que resultan esenciais nos documentos oficiais e nas publicacións médicas.

Ademais as DCI facilitan la adscrición dos fármacos ao grupo farmacolóxico ao que pertence o axente activo que contén, polo que é recomendábel o seu uso no ensino da medicina, na farmacoloxía, nos libros de texto e, en xeneral, na práctica médica. As marcas son de uso preferente no mundo da industria farmacéutica, pero tamén para os médicos as marcas ofrecen vantaxes de tipo non comercial nalgunhas situacións concretas.

As DCI constitúen unha proposta máis universal para uniformar a nomenclatura dos fármacos. As DCI permitiron que as autoridades da saúde de diversos países poidan elaborar formularios nacionais de medicamentos co fin de uniformar as compras e prescricións de medicamentos, así como facilitar a calidade da súa produción e elaboración.

No caso de España, a responsabilidade da versión española está no Sanidade, Política Social e Igualdade, que actualmente emprega o termo Denominación Oficial Española ou DOE.

As DCI nas linguas non oficiais dos estados[editar | editar a fonte]

A conveniencia de dispoñer de listas de principios activos nas linguas que non son oficiais nun estado, pero si nalgúns dos seus territorios, xustifícase pola súa necesidade para as relacións entre médicos desas comunidades, e entre o médico e o paciente, o farmacéutico ou a autoridade sanitaria, e tamén pola presenza de ditos termos en libros de texto e outras publicacións, como novelas, nos que, de non has haber, aparecen con notábeis vacilacións. Por iso comunidades como a catalá xa as teñen feitas.[1]

En galego, que aínda non as ten, cando se queira indicar a denominación común internacional do ácido ascórbico (a vitamina C), escribirase "ascórbico ácido (DCI)", de xeito semellante a outras linguas da contorna:

Ou se escribirá hidrocortisona, de forma semellante a:

  • Inglés, hydrocortisone
  • Francés, hydrocortisone
  • Italiano, idrocortisone
  • Portugués, hidrocortisona
  • Castelán, hidrocortisona
  • Catalán, hidrocortisona

Pode haber casos nos que a norma non se quebrante só na orde de colocación de substantivos e adxectivos, senón que, para manter a homoxeneidade, pode afectar a outras normas, como nos casos do n diante de b, como en clenbuterol:

  • Castelán, clenbuterol
  • Alemán, clenbuterol
  • Inglés, clenbuterol
  • Francés, clénbuterol
  • Italiano, clenbuterolo
  • Catalán, clenbuterol

Outro caso preséntase cando se dá m diante de f, como en cloramfenicol, que se corresponde con:

  • Castelán, cloramfenicol
  • Inglés, chloramphenicol
  • Francés, chloramphenicol
  • Italiano, cloramfenicolo
  • Catalán, cloramfenicol
  • Portugués, cloranfenicol, que é a única lingua que conserva o n.

Ou no caso da conservación do z etimolóxico ante e e i que nós poderiamos seguir nas palabras non patrimoniais, aínda que admitindo as variantes con c para seguir a norma (que, con todo, admite as variantes cinc/zinc). Esta norma, coincidente coa da lingua castelá, non impide que, nesta última lingua, polo menos polo que toca ás DCI, se manteña, como en diazepam, diltiazem, rematados ademais en m, ou en pirazinamida, e mesmo en lisozima e piperazina, aínda que estes dous últimos termos non son DCI.

En galego hai outros casos nos que existen dúbidas. Por exemplo, se debemos manter ou non as letras que non se usan na nosa lingua, como o j, o k e o w, como en josamicina (DCI), kanamicina (DCI), ketoprofeno (DCI) ou warfarina (DCI), ou que facer nos casos de g etimolóxico diante de e e i, nos que temos a dúbida de como adaptar, por exemplo, as numerosas DCI nas que aparece ge, como gemfibrozilo (DCI), gentamicina (DCI) ou progesterona (DCI), ou as, menos frecuentes, que inclúan gi, como lamotrigina (DCI), denominacións todas estas tomadas na súa forma castelá.

Como referencia neste eido está o traballo que fixo hai anos o Col·legi de Farmacèutics de Barcelona e o TERMCAT (Centre de terminologia catalana), titulado Normes pràctiques per a la versió catalana de les Denominacions comunes internacionals (DCI) de les substàncies farmacèutiques (Barcelona, 1992).

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Riera, C. (1993): Manual de català científic. Barcelona: Editorial Claret.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]