Día da Toalla

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Unha toalla estendida en Innsbruck, Austria. A frase "Non entren en pánico" é unha cita célebre de Douglas Adams.

O Día da Toalla é celebrado no día 25 de maio como unha homenaxe dos fans ao autor da saga do Guía do autostopista galáctico, Douglas Adams.[1][2]

Orixe[editar | editar a fonte]

A denominada "triloxía de cinco libros" conta a historia de Arthur Dent e compañía en aventuras pola galaxia e polo tempo. Un detalle importante da historia é a importancia da toalla para os "autostopistas interestelares", a cal sería útil para as máis variadas e inimaxinábeis situacións. Conforme o primeiro libro da saga:

Na Guía do autostopista galáctico pon varias cousas sobre as toallas:

Unha toalla é un dos obxectos de maior utilidade que un autostopista interestelar pode levar. Por unha banda ten un gran valor práctico: serve para taparse e abrigarse mentres se atravesan as frías lúas de Xaglán Beta; para deitarse enriba nas fantásticas praias de area marmórea de Santraxinus V e respirar os embriagadores vapores do mar; para poñer por riba cando se dorme baixo as estrelas que brillan avermelladas no mundo desértico de Kakrafoon; como minibalsa para navegar o tranquilo e denso río Mot; para usala mollada nun combate man a man; para atala arredor da cabeza e protexerse dos fumes nocivos ou evitar a mirada da besta bichofalangueira voraz de Traal (un animal incriblemente estúpido que dá por feito que se non o podes ver a el, el tampouco te pode ver a ti; si, parvo redondo, pero moi, moi voraz); para axitala como sinal de emerxencia e, por suposto, para secarse se aínda está o suficientemente limpa.

Con todo, o máis importante das toallas é o seu tremendo valor psicolóxico. Por algunha curiosa razón, se un estrag (é dicir, un non-autostopista) descobre que un autostopista leva a súa toalla, automaticamente dará por feito que tamén leva un cepillo de dentes, unha toalliña para a cara, xabón, unha caixa de galletas, un bote, un compás, un mapa, un rolo de corda, spray antimosquitos, roupa para a chuvia, un traxe espacial, etc., etc. O mellor de todo é que o estrag prestaralle gustosamente ao autostopista calquera destas cousas e algunha outra, pensando que foi xustamente a que perdeu. O que pensa un estrag é que calquera home que pode percorrer a Galaxia a dedo, sobrevivir co mínimo, enfrontarse a terribles contratempos, saír san e salvo, e aínda así saber onde está a súa toalla é un home que claramente merece respecto.

Esta é unha frase que entrou na linguaxe coloquial autostopista, por exemplo en: «Oíches, sasas ese gupi Ford Perfect? É un ango dos que saben onde teñen a toalla» (sasar: coñecer, ser consciente de, xuntarse, ter sexo con; gupi: un tío caraludo; ango: un tío caralludamente caralludo).
Douglas Adams, Guía do autostopista galáctico, Cap. 3 (tradución ao galego de Ruth Layús Quiroga)

Ao primeiro, cando faleceu Douglas Adams, as fans do autor querían encontrar unha forma de homenaxear unha persoa que fixera o mundo rir e chorar de rir, de maneira que precisaban dun tema con graza para a súa homenaxe. Como a súa obra máis coñecida é o Guía do autostopista galáctico, e como no libro o autor dedicou unha páxina enteira á toalla e á súa importancia para os autostopistas galácticos, decidiuse entón polo uso da toalla como tema da homenaxe.[2]

O 25 de maio de 2001 os membros do h2g2 fixeron a primeira homenaxe.[1][2] Despois discutiuse sobre a posibilidade de alterar o día para 42 días despois da data do falecemento, debido a outro detalle da saga, que afirma que a resposta para cuestión fundamental da vida, o universo e todo o demais sería 42. De todos os xeitos, acabou continuando na data da primeira conmemoración, 25 de maio. A data é lembrada polos fans que carrexan unha toalla durante o día enteiro con eles. Algúns úsana como capa, outros como turbante, en definitiva, cada un usa a toalla como desexa, sempre que a leve consigo.[3]

O 25 de maio tamén é coñecido como Día do Orgullo Geek ou Día do Orgullo Friki, por ser tamén o día da estrea do primeiro filme da serie Star Wars, A guerra das galaxias, o 25 de maio de 1977.[2]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 "The First Towel Day". h2g2 (en inglés). 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 "Dia do Orgulho Nerd e Dia da Toalha: o que significam essas datas?". Olhar Digital (en portugués). Arquivado dende o orixinal o 28 de maio de 2012. Consultado o 25 de maio de 2015. 
  3. "Nerds: a força está com eles". Veja SP (en portugués). 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]