Día da Terra

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
A bandeira non oficial coa figura central da Terra. Inclúe foto da NASA

O Día da Terra (en inglés Earth Day) é o nome dunha celebración festiva que se corresponde con dous acontecementos: o Día Internacional da Terra, que se celebra o 20 ou 21 de marzo e o Día da Terra do 22 de abril[1] iniciado nos Estados Unidos en 1970, e que continúa celebrándose aínda hoxe nese día. A festividade foi creada para lembrarnos a responsabilidade de coidar e protexer o planeta tras observárense os primeiros indicios alarmantes da degradación ó que os humanos o estabamos sometendo. A través da celebración preténdese aumentar a consciencia con relación ó medio e os problemas ambientais.

A elección do 21 de marzo responde á celebración do equinoccio de primavera, cando o día e a noite son iguais ó redor do mundo. Foi sancionada oficialmente o 26 de febreiro de 1971 nunha proclamación asinada polo daquela secretario xeral das Nacións Unidas U Thant.

O símbolo deste acontecemento é un Θ (theta) verde sobre fondo branco.

Θ

Historia[editar | editar a fonte]

As orixes da celebración remóntanse ó nacemento do movemento ecoloxista de finais da década de 1960 e comezos da seguinte. O primeiro que aparentemente concibiu a idea dunha festa denominada Día da Terra foi o asesor do presidente John F. Kennedy, Frederick G. Dutton, pero John McConnell tamén aparece xeralmente nas crónicas dos primeiros tempos como introdutor da idea dunha festa de carácter global nunha conferencia da Unesco celebrada en 1969. Ese mesmo ano o senador por Wisconsin Gaylord Nelson, preocupado pola degradación ambiental, animaría os estudantes a unírense na que sería a primeira protesta ecoloxista de importancia nacional nos Estados Unidos co obxectivo de intentar establecer a problemática ambiental na axenda política americana. Tería lugar o 22 de abril do ano seguinte cun éxito enorme que conseguiu mobilizar uns vinte millóns de americanos en toda a nación, dúas mil universidades, dez mil escolas primarias e secundarias e numerosas organizacións. Foi a primeira vez que se celebraba realmente en América o Día da Terra. Como consecuencia desta mobilización nacional en torno a un día de reivindicación ecoloxista, o senador Nelson puido abandeirar a creación da Axencia de Protección do Ambiente dos Estados Unidos (EPA) e conseguir que se aprobase lexislación ambiental duradeira, coma a Lei do Aire Limpo, e leis para protexer a auga potable (Lei da Auga Limpa), as especies animais en perigo de extinción (Lei das Especies en Perigo), e os mares. A data do 22 de abril segue sendo a celebración máis popular do Día da Terra nos Estados Unidos e fíxose tamén popular noutros moitos países.

A primeira proclamación oficial do Día da Terra tivera lugar, non obstante, un mes antes, o 21 de marzo de 1970, en San Francisco, polo daquela alcalde da cidade Joseph Alioto. Un ano máis tarde, o 21 de marzo de 1971, o Secretario Xeral das Nacións Unidas U Thant apoiaría a iniciativa de celebrar o acontecemento do equinoccio anual que marca o inicio da primavera no hemisferio norte e do outono no hemisferio sur como Día Internacional da Terra. A cerimonia de tocar a campá da paz con que o Xapón agasallara as Nacións Unidas continuou celebrándose ano tras ano ata a actualidade no momento exacto do equinoccio.

O activismo e o pensamento ecoloxista coñeceron un grande impulso a raíz das primeiras celebracións do Día da Terra. Tanto o conservacionismo preexistente como o relativamente novo e radical movemento ecoloxista encontrarían na celebración desta festa unha palestra inigualable para expandir a súa ideoloxía e promover cambios políticos.

Celebracións en Galicia[editar | editar a fonte]

En Lugo, os CAF e os Enxeñeiros sen Fronteiras organizaron varios actos para a xornada de abril do 2007, entre eles, un torneo de fútbol, xogos populares e unha comida. Os concertos programados son os de: Tonhito de Poi, Rafa Graien, Actos Urbanos, Chícharo Psicótico, Kaso Aparte, Porka Miseria e Panta Rei. En Ourense celébrase unha bicifestación con lectura de Manifesto.[Cómpre referencia] Tamén celebran o evento varias escolas de primaria galegas.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "10 remarkable Earth facts". www.esa.int (en inglés). Consultado o 2023-05-17. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]