Día Internacional do Museo
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
O Día Internacional do Museo celébrase en todo o mundo o 18 de maio desde que, en 1977, o Consello Internacional de Museos (International Council of Museums, ICOM), propuxese esta actividade na súa XII Asemblea Xeral celebrada en Moscú[1].
O obxectivo do Día é achega-los museos á sociedade e o público en xeral, en resposta a un concepto de museo como institución cultural e histórica ó servizo da sociedade e do seu desenvolvemento.
- “Os Museos son un importante instrumento para o intercambio cultural, o enriquecemento das culturas e o avance do mutuo entendemento, da cooperación e da paz entre os pobos” (Resolución do ICOM do 28.05.1977).
Simultaneamente, trata de chama-la atención dos gobernos e institucións de que dependan os diferentes museos para darlles a coñece-las súas necesidades e instarlles a fornecer de medios e persoal para que poidan desenvolve-las súas funcións.
Índice |
[editar] Día Internacional 2007
Cada ano, o Día Internacional do Museo celébrase baixo un lema diferente. No ano 2007 foi: “Museos e Patrimonio Universal”. A presidenta do ICOM, Alissandra Cummins, xustificaba así a elección desta mensaxe: "Todos somos responsables do patrimonio universal. Este ano, moito máis que nunca, temos que lograr que todo o mundo adquira conciencia do papel que desempeñan os museos no labor de ensinarno-la responsabilidade individual e colectiva que temos con respecto ó patrimonio mundial".
Na celebración destes actos, invitábase ós museos e entidades a mostrar á sociedade, en calidade de membros dunha familia, barrio, tribo, nación, etnia ou relixión, e mesmo en calidade de cidadáns en tódolos sentidos, que todos somos responsables, conxuntamente e por separado, do aproveitamento compartido e da protección dos nosos respectivos patrimonios, que á vez forman un patrimonio común de toda a humanidade.
[editar] Edicións anteriores
- 1992: Os Museos e o seu entorno.
- 1993: Museos e Pobos Indíxenas.
- 1994: Xunto ós escenarios nos museos.
- 1995: Resposta e Responsabilidade.
- 1996: Coleccionando para o día de mañá.
- 1997-98: A loita contra o tráfico ilícito do patrimonio cultural.
- 1999: O pracer de descubrir.
- 2000: Museos para o Diálogo.
- 2001: Museos, Cultura e Sociedade.
- 2002: Museos e Globalización.
- 2003: Os Museos e mailos seus amigos.
- 2004: Os Museos e o patrimonio inmaterial.
- 2005: O Museo, ponte entre culturas.
- 2006: O Museo e os mozos.
[editar] O ICOM
O Consello Internacional de Museos (ICOM) é unha organización non gobernamental creada en 1946 para coordina-la actividade de museos e os seus profesionais cara á conservación, mantemento e comunicación do patrimonio cultural, material ou inmaterial, presente e futuro, en todo o mundo.
Ten a sede en París (Francia) e está formada por representantes de máis de 140 países. O Comité Español é o cuarto en número de membros afiliados e conta con representantes das 17 Comunidades Autónomas.
As actividades do ICOM céntranse nos seguintes temas:
- Cooperación e intercambio profesional
- Divulgación dos conceptos básicos sobre o mundo dos museos e a atención ó público
- Profesionalización do persoal
- Preservación do patrimonio e loita contra o tráfico ilícito dos bens culturais

